O vindeiro 6 de febreiro celebrarase no Auditorio Xosé Casal o IX Encontro Intercentros de Entroido do Concello de Vila de Cruces, unha xornada de convivencia que reunirá ao alumnado dos tres centros educativos do concello. Este encontro favorece que a historia e a tradición do Entroido continúen vivas nas novas xeracións, promovendo o coñecemento e o respecto polo patrimonio cultural propio de Vila de Cruces. Se o tempo acompaña, a xornada completarase cun momento moi especial: o desfile dos Primeiros Xenerais das Cruces, que percorrerán a Rúa Vázquez, continuando pola Travesía Vázquez nº 5 ata chegar ao auditorio, onde se escoitarán os tradicionais vivas, enchendo as rúas de música, cor e tradición. A tradición dos Xenerais das Cruces cumpre este ano 50 anos de historia. A súa orixe remóntase a cando un grupo de mozos do pobo decidiu modificar e dar forma a unha celebración que hoxe é sinal de identidade do Entroido cruceño. Naqueles primeiros anos, chamaron aos xenerais dalgunhas das parroquías do concello —Bascuas, Camanzo, Duxame, Merza, Ollares ou Piloño— para participar nos actos. De cal delas foi exactamente o primeiro xeneral? Non o sabemos con certeza, pero esa incógnita tamén forma parte da riqueza dunha tradición transmitida de xeración en xeración, máis viva ca nunca.
Unha cita xa consolidada no calendario educativo e cultural do concello, que combina educación, convivencia e identidade local.

No hay comentarios:
Publicar un comentario