jueves, 9 de abril de 2026

O club de lectura en Varilongo

O alumnado do club de lectura, dende 1º de ESO a 2º Bacharelato, viviu onte unha experiencia moi especial cunha saída a Santa Comba, onde tiveron a oportunidade de achegarse a un dos escenarios literarios que marcaron as súas lecturas deste curso: as minas de Varilongo, espazo no que se desenvolve a novela A casa da mina, de María Carmen Caramés Gorgal.

Esta visita permitiu conectar a literatura coa realidade, transformando as páxinas do libro nunha vivencia directa e significativa. Durante a xornada, o noso alumnado estivo acompañado polo alumnado do IES Terra de Xallas, compartindo así unha experiencia enriquecedora de convivencia e aprendizaxe.

Un dos momentos máis valiosos da visita foi, sen dúbida, o encontro con dúas mulleres que coñecen de primeira man a historia da mina: dona María Mourelle e dona María López. Ambas lembraron como, sendo moi novas, participaron nos duros traballos mineiros, ofrecendo ao alumnado un testemuño vivo cheo de memoria, emoción e verdade.


Da súa man, percorremos un tramo das antigas minas de Varilongo, descubrindo non só o espazo físico, senón tamén as historias humanas que nel quedaron gravadas. As súas palabras axudaron a comprender mellor a dureza das condicións laborais, así como a importancia social e económica que a mina tivo na zona.

Tras esta intensa visita, o grupo desprazouse ata O Ézaro, onde compartiron o xantar nun ambiente distendido e de convivencia. Alí tamén houbo tempo para a creatividade e a tradición oral, cunha divertida sesión de regueifa guiada por Jéssica Nantón, que puxo o broche lúdico a unha xornada xa de por si inesquecible.

Cómpre salientar, ademais, o vínculo histórico que une Santa Comba e Vila de Cruces, xa que ambos territorios comparten a explotación das minas de wolframio nunha época especialmente dura, como foi a Guerra Civil e a posguerra. Este contexto engadiu aínda máis significado á visita, permitindo ao alumnado comprender mellor o pano de fondo histórico da obra lida.

E esta experiencia non remata aquí: convidámosvos a que o vindeiro 4 de maio nos acompañedes a percorrer Santiago de Fontao, un lugar cheo de historia e memoria. Un pobo pequeno na súa orixe, pero que chegou a acoller a milleiros de persoas que viñeron traballar nas minas e que garda, aínda hoxe,
moitos recordos por descubrir e compartir.

Sen dúbida, unha experiencia completa que uniu literatura, historia, memoria e convivencia, e que o alumnado levará consigo moito máis alá das aulas.