martes, 18 de junio de 2019

A nosa música somos nós

O noso centro está cheo de xente musical e a música da regueifa, as bandas, a tradición, o rap ou o rock, entre outros estilos, enchen as nosas  vidas. Para moita xente do instituto a música é vida. Respiramos facendo, escoitando, gozando coa música.

Ademais temos a sorte de vivirmos en galego. Sabemos outras linguas e vivimos en galego. Cantamos noutras linguas e cantamos en galego. E aínda que non é moi normal encontrar a música galega nos medios de comunicación, porque a situación socio-cultural e política é adversa, as nosas redes sociais abren as portas á música na nosa lingua, a nosa música. 

A pesar de que moita xente pensa, a música galega é extensa e variada. Máis alá dos prexuízos que reducen a música galega a gaitas e pandeiretas, no Camballón coñecemos ska, techno, rap, pop, rock, reagge e calquera estilo musical en galego. Porque en galego podemos expresar todo o que queiramos e do xeito que queiramos. 

E de feito, hai centos, milleiros de persoas que fan música na nosa lingua. E entre a xente máis nova estamos nós: Noa e as Enxebres, as regueifeiras e regueifeiros, a xente que desde as Cruces bota fora do seu peito as palabras do noso idioma. Ou Sabela, Sokram ou A Banda da Loba...

Durante dous cursos estivemos a tirar fotos cheas de simpatía e puxemos os nosos corpos para completar as carátulas de máis de 40 cds da historia e da actualidade da nosa música, desde Ana Kiro a Sés, de Pucho Boedo a SondaRua, de Xenreira a Cuarta Xusta.

Dise que un pobo que canta nunca morre. E nas Cruces sabemos cantar e escoitar moi ben na nosa lingua. A música precisa pobo e moita xente no Camballón sentimos ese compromiso, esa ligazón, esa unión coa nosa música e coa nosa lingua. Debería ser o normal, como en calquera lugar do mundo. 

Temos sorte! Viva o Camballón!

Que a lingua nos acompañe! Que a nosa música nos acompañe!




No hay comentarios:

Publicar un comentario