miércoles, 31 de mayo de 2023

Habilidades sociais e resolución de conflitos




Seguimos a traballar na resolución de conflitos cos grupos de 1º da ESO, nesta ocasión con un obradoiro impartido por Arelar Xestión Socioeducativa.

O alumnado puido aprender sobre o conflito e distintas formas de afrontalo, vencellando estas coas emocións que están subxacentes e que nos producen as distintas maneiras de afrontamento.

Na resolución de conflitos é fundamental dispoñer de habilidades sociais e ferramentas que nos permitan encaralos con asertividade, respectando aos demais e a nós mesmxs. E que mellor que aprender de forma práctica! Así, representamos distintas situacións con exemplos e pequenas teatralizacións coas que puidemos analizar os distintos estilos de comunicación e reflexionar sobre as formas que empregamos para facerlle fronte aos conflitos.

De seguro que adquirimos aprendizaxes útiles para mellorar o noso benestar emocional e a convivencia!




martes, 30 de mayo de 2023

Visita do alumnado de 6º de Primaria


Hoxe foi un día moi especial, pois recibimos a visita do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Nosa Sra. da Piedade e CEIP de Piloño, que para o próximo curso realizarán 1º da ESO no noso instituto.

Na acollida participou o alumnado voluntario da biblioteca, que recibiron aos seus futurxs compañeirxs, percorreron con elxs as instalacións e realizaron un xogo de descuberta fotográfica en equipos co que puideron coñecer todos os recunchos do instituto. O alumnado voluntario tamén intercambiou experiencias co alumnado visitante e contáronlle unha morea de cousas sobre o instituto (como se organiza a biblioteca, actividades que se levan a cabo no centro, os recreos culturais, que se fai nas titorías, importancia de cumprir as normas...). Logo, tras coñecer algunhas cuestións sobre a nova etapa, desfrutamos todxs xuntxs dunha merenda na cafetería e tamén houbo tempo para o esparcemento. Sen dúbida, foi unha estupenda xornada de convivencia coa que esperamos facilitar o tránsito á secundaria do futuro alumnado.



Por suposto, temos que agradecer ao alumnado voluntario da biblicoteca (Shaila, África, Emily, Dayna, Aldara, Candela e Maxi), que fixeron un gran traballo colaborando coa biblioteca e o departamento de orientación no desenvolvemento da actividade. Foron uns grandes anfitrións e lograron que o futuro alumnado se sentira moi cómodo e integrado!

lunes, 29 de mayo de 2023

Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais



Desta volta participamos do programa Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, convocado pola Consellería de Educación. Estivo dirixido ao alumnado de 3º ESO, coa finalizade de formalo no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e Comunicación.



A sesión foi impartida por unha técnica de Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), que incidiu en cuestións como a importancia da pegada dixital, seguridade e privacidade nas redes sociais. Así, o alumnado aprendeu sobre a relevancia de facer unha configuración adecuada dos nosos perfís en redes e coñecer as políticas de privacidade das mesmas, a fin de ser conscientes das implicacións que pode ter ser usuario dalgunhas comunidades dixitais.

Coma sempre, cómpre ter toda a información posible e usar as redes con sentido!

viernes, 26 de mayo de 2023

Son das Cruces. Merza

 O alumnado de Relixión dirixíuse hoxe a Merza para explicarnos o Roteiro que elaboraron este curso percorremos algo máis de 10 Kilómetros acompañados por varios veciños da parroquia que ademáis foron entrevistados polo alumnado. Saímos de Espil e dirixímonos cara a Costa do Carril, pasando por Outeiro, Ponte dos Cabalos, A Carixa, Reboredo, San Campio, a Bouza,  O Castelo, Sulago, a Moa e voltamos ao punto de saída.


Aquí podedes seguir a ruta se é do voso interese.




Recomendación lectoras do Club de lectura

 O alumnado que participou no Club de lectura quixeron rematar o curso facendo unha serie de recomendacións.



Descomposición da auga osixenada


Cando a mercas na farmacia, sempre a venden en frascos opacos, xa que a súa descomposición veríase favorecida coa luz solar.

No laboratorio observamos a súa descomposición en auga e osíxeno nun proceso acelerado empregando un catalizador, o ioduro de potasio. Este composto contén iodo e é o responsable desa cor tan característica similar a povidona (esta tamén contén iodo).
Ademáis de empregar auga osixenada e o catalizador, engádense unhas pingas de xabón lava pratos para que o osíxeno liberado na reacción forme toda esa espuma que sae pola probeta.
O que se pode observar é o que sucede a pequena escala cando lle botamos auga osixenada nunha ferida...¿a que ves formación de espuma?...isto se debe a acción da catalasa presente no sangue, enzima que cataliza dita descomposición.
Ao botarlle auga osixenada nas feridas conseguimos dous efectos: por un lado a catalasa acelera a descomposición e se favorece a liberación de osíxeno que mata as bacterias, e por outro lado a formación de esa espuma arrastra as pequenas partículas de sucidade que poderían infectar a nosa ferida.

Por certo....a espuma pódese tocar!...so está un pouco quente xa que se trata dunha descomposición que desprende calor. É dicir, trátase dunha reacción exotérmica.


lunes, 22 de mayo de 2023

Pila Daniell

 "En 1836, a chamada "Batería Daniell" foi inventada por John Frederic Daniell. Esta batería consta de dous electrodos (chapas metálicas de zinc e cobre) mergulladas en solucións salinas que están en contacto a través dunha barreira porosa chamada ponte salina, a través da cal. pasan os ións e completan o circuíto.As chapas metálicas están unidas por un fío condutor conectado a un voltímetro, que indica a tensión da batería, no noso caso 1,054 V.

O obxectivo principal desta actividade é achegar aos alumnos a un experimento real para que poidan comprobar por si mesmos a veracidade do mesmo.

Ademais, é importante que aprendan a funcionar no laboratorio, asimilando as denominacións técnicas do material e dos reactivos.

E obxectivo conseguido!"

viernes, 12 de mayo de 2023

Sonigramas das Letras



O alumnado de 4º de ESO de Relixión estiveron creando Sonigramas para festexar o día das Letras Galegas. Partindo de mesturas audios con diferentes sons, creamos un relato que se transforma nunha historia.Con esta actividade ademais de contribuír ao traballo en equipo, busca estimular a atención visual e auditiva do alumnado.

jueves, 11 de mayo de 2023

Participamos no lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V

 

O IES Marco do Camballón participou no operativo de lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V, organizado pola NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega. O despegue tivo lugar o 10 de maio ás 12 h desde a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. 
NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega é un proxecto educativo que envolve a varios centros de secundaria e bacharelato galegos e leva en marcha desde o curso 2014-15. Os centros que forman parte da NOSA son o IES Miraflores (de Oleiros),  IES Marco do Camballón (de Vila de Cruces), IES Arzobispo Xelmirez II (de Santiago de Compostela) e o CPI O Cruce (de Cerceda). A este lanzamento precedérono outros catro, os das MarumaSat I á IV, todos eles con resultados moi exitosos: interesantes experimentos a bordo, impresionantes imaxes da curvatura terrestre gravadas polas cámaras que viaxan na cápsula, novas cotas de altura cada vez maiores…

Coa MarumaSat V retómanse os lanzamentos das cápsulas estratosféricas MarumaSat, que quedaron suspendidos desde o ano 2020 coa pandemia da COVID. Os obxectivos deste novo lanzamento quedaron definidos naquel ano 2020, nun congreso organizado en Santiago de Compostela ao que asistiu o alumnado dos centros participantes. 

Un dos obxectivos da MarumaSat V é a incorporación dunha cámara 360º que gravará neste formato as imaxes do ascenso e descenso. A cápsula tamén incorpora unha estrutura impresa

en 3D deseñada para portar un ovo, co propósito de que resista os abaneos da viaxe e o impacto da aterraxe e regrese intacto á superficie. Ademais diso, instalarase un dispositivo LoRa para estabelecer comunicación por radio coa cápsula. Tamén se rexistrarán diversas magnitudes atmosféricas así como o campo magnético terrestre en altura.

As previsións de traxectoria indicaban que a aterraxe tería lugar nun punto do concello de Quiroga, como efectivamente ocorreu. Tras o lanzamento, organizouse un equipo de rescate, con alumnado dos centros implicado,s que se desprazou até as coordenadas da aterraxe. A cápsula pousouse nas estribacións do Courel, nun punto de difícil acceso. Finalmente, a media tarde e con algo de esforzo, recuperamos a cápsula intacta con todos os experimentos a bordo.

O noso alumnado asumiu o proceso de inflado e atado do globo, paracaídas e cápsula. 

Ademais, encarágaronse da cobertura en directo do lanzamento desde a canle de Youtube da NOSA, emisión que se realiza este ano por primeira vez.


Queremos agradecer ao noso alumnado a súa implicación no proxecto, que favoreceu que todo se resolvera con éxito. A partir de agora, analizaremos os datos recollidos para elaborar os informes cientíticos que se exporán no seguinte congreso da NOSA.

A batalla de Ponte Ledesma, transmisión oral, a lingua e a poesía

Un documentario sobre a pegada da Batalla de Ponte Ledesma na lingua e na tradición oral.

A Batalla de Ponte Ledesma, que enfrentou as tropas de Napoleón e o exército popular galego da Xunta de TrasDeza en 1809, protagoniza o documental que realizou o alumnado de Oralidade e Regueifa de 3º da ESO do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. 

O documentario céntrase nas pegadas daquel acontecemento histórico na tradición oral que, douscentos anos despois, perviven na cultura da comarca do Ulla. 

O documentario ábrese co testemuño oral do avó dun alumno do Camballón que relata que o avó do seu avó, de nome Rodrigo, loitou na batalla de Ponte Ledesma, explicando detalles que se transmitiron de xeración en xeración na súa familia desde 1809. 

No audiovisual preséntase a batalla como posíbel orixe do entroido da Ulla, que se expresa nunha batalla dialéctica en verso entre xenerais. Estes versos foron noutros tempos improvisados nos coñecidos atranques, onde as armas son as coplas rimadas e a violencia se converteu en humor. 

Así, varios alumnos e alumnas da comarca falan da súa experiencia como xenerais do entroido do Ulla con orgullo e emoción. Tamén é importante no documentario a entrevista ao seu bisavó dun alumno da materia de “Regueifa e improvisación en verso”, onde coñecemos alguén que, ademais de memorizar as coplas na súa xuventude, tamén as improvisaba, no entroido de Merza.

No documentario fálase tamén dos traxes dos xenerais do Ulla, moi similares aos da Grand Armée, o exército de Napoleón Bonaparte, comparando os uniformes. Tamén ten unha atención especial na reportaxe a presenza de pavos reais na comarca, con cuxas plumas se elabora a decoración dos bicornes dos xenerais do Ulla, convertendo posibelmente esta comarca nunha das zonas de Europa onde que máis pavos reais se crían.

Os xenerais franceses Jean-Dieu Soult e Michel Ney dirixiron as tropas napoleónicas no século XIX e no documental recóllese a investigación que se realizou desde o Camballón –e através das redes sociais- para localizar cans que hoxe en día, máis de douscentos anos despois, foron bautizados como Sul e Nei. Esta pescuda activou o alumnado da comarca do Ulla através dos centros de ensino das Cruces, Silleda, a Bandeira, a Estrada, Boqueixón, Vedra, Touro, Milladoiro, Teo e o coléxio Lamas de Abade de Compostela. O resultado foi a recollida en vídeo e fotografía de varios cans que levan eses nomes.


O historiador e arqueólogo Víctor García Piñeiro, exalumno do Camballón, fecha o documentario a falar da pegada da batalla na toponimia local. García está a investigar na microtoponimia da zona do enfrontamento e fala de varios nomes de lugar relacionados co episodio bélico. 

Desde o Clube da Lingua” do IES Marco do Camballón afirman que “o documentario é o resultado dun traballo colectivo no que participou alumnado e profesorado de varios centros de ensino da comarca, de forma colaborativa e con xenerosidade, e que serve como exemplo de que investigar na historia axúdanos a coñecer mellor o noso presente”. Tamén sinalan que “a oralidade é unha construción social do pobo e neste documentario  coñecemos como através da nosa lingua se manifestan expresión culturais valiosas desde diferentes perspectivas: na poesía popular do entroido, na transmisión de relatosorais, nos nomes propios dos cans, na toponimia.”

Ademais, sinalan, “relacionar as orixes do entroido dos xenerais da Ulla coa actualidade é unha motivación para valorar unha cultura que se mantén viva grazas á colaboración e participación das novas xeracións pois nestes centros de ensino hai alumnado implicado na celebración dos xenerais do Ulla.”


miércoles, 10 de mayo de 2023

Ler ten premio

LER TEN PREMIO!! Excursión do club de lectura!!

O alumnado participante nos distintos clubs de lectura que desenvolvimos este curso participou este mércores nunha actividade organizada pola biblioteca para premiar o seu interese pola lectura.
Iniciamos o percorrido visitando o Castelo de Soutomaior onde descubrimos novos datos sobre María Vinyals, escritora, articulista e activista social nada no castelo en 1875. Completamos así o estudo desta interesante muller xa que o alumnado lera o libro de Silvia Cernadas, Unha muller para a historia: María Vinyals, marquesa de Ayerbe.
A visita continuou no parque dos sentidos de Marín, un espazo para disfrutar da música, a auga e a natureza.
Rematamos a xornada na praia de Mogor onde nos bañamos a pesar do fresco!!! Unha xornada para recordar. Moitas grazas a todos e todas as que participastes este ano no Club de Lectura, que o voso amor pola lectura continúe...

viernes, 5 de mayo de 2023

Viaxe de 4º de ESO a Barcelona e Salou

A pasada semana os alumnos e alumnas de 4º da ESO foron de viaxe de fin de curso a terras catalanas acompañados das profes de Xeografía e Historia e Francés. A viaxe foi unha boa experiencia para coñecer e visitar distintas zonas e por suposto para sociabilizar e botar unhas risas.

Comezaron a viaxe con moitas horas de bus e moitas paradas técnicas ;-)  Despois desta longa viaxe por fin chegamos a Salou, onde aproveitaron para ir a piscina, ir a praia e, por suposto, rirse. Ao día seguinte tocou visitar Barcelona cun fantástico guía que lle sacou as cores a mais dun. Con el visitamos o Camp Nou, a Sagrada Familia, a zona gótica ou Montjüic, entre outros. A noite foi longa por motivos de forza :). O día seguinte foi un día de aventuras: a PORT AVENTURA e un ratiño a Ferrari Land! Foi  un día moi longo e con bastantes molladuras. A noite tocou ir botar un partido e darnos un baño na praia. E como non... SOCIALIZAR!  O xoves visitaTarragona pola mañá, estiveron no anfiteatro, o circo romano e a muralla. E pola tarde mais Port Aventura: mais molladuras, mais carreiras e mais risas! A última noite, noite de cotilleos. E por fin chegou o día de marchar :-(. O venres tocou marchar. Fixeron unha parada en Zaragoza para ver unha panorámica da cidade e unha visita mais pormenorizada da Basílica do Pilar. Despois de repoñer forzas collemos ruta de volta. Outra viaxe longa onde cantaron, riron, cotillearon e durmiron! Si, durmiron, porque as noites desta semana foron longas: de moita risa e pouco durmir! Con isto rematou a viaxe, chegando de madrugada. Pero creo que as profes coñeceron outra faceta dos alumnos e os alumnos tamén viron as profes de xeito distinto.

Todas estas aventuras e risas pódense recordar vendo os seguintes vídeos.


Tomas falsas....




jueves, 4 de mayo de 2023

Piloño e Carolina Santomé

 


Hoxe fixemos o Roteiro con María José Viz, explicounos moitas cousas da súa obra en concreto e de Piloño en particular, grazas a La extraña desaparición de Carolina Santomé que dounos o motivo para coñecer un anaquiño desta parroquia no Concello de Vila de Cruces.

Contamos coa compañía de Carmen Lareo, da Fundación Paco Lareo- A Solaina de Piloño, Marga Viz, o alumnado do Club de 4º de ESO e o Club de Adultos. 

Foi unha experiencia impresionante.  Saímos da casa de Carolina, fomos a parada do bus (a que a protagonista empregaba para ir a Santiago) e pasamos polo 21( hoxe o campo da festa pero antigamente había a feira o 21 de cada mes). Cruzamos a estrada e pasamos pola capela da Angustia para dirixirmos a igrexa Parroquial de Piloño. Máis tarde dirixímonos as escolas vellas (onde estudou os primeiros anos) para logo subir ao grupo escolar (onde remata a formación), hoxe CEIP Cerdeiriñas. Baixamos a a Fundación Paco Lareo para ver fotografías antigas cedidas por:  Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño, Familia Viz Blanco, Familia Soto Parcero, Familia Varela Quintela, Asociación Social e Cultural Garatuzas de Piloño, Felipe Fernández Martín, Esther Viz, Suso Varela López, Begoña García Otero e Mari Rodríguez Arteaga.

 Grazas a todos!!



miércoles, 3 de mayo de 2023

Roteiro de Piloño

 Todo listo na Fundación Paco Lareo- A Solaina de Piloño, para o Roteiro literario de maña, da man da  María José Viz Blanco autora do libro La extraña desaparición de  Carolina Santomé . Esta actividade está incluída dentro do proxecto Son das Cruces que quere dar a coñecer o noso Concello, nesta ocasión a Parroquia de Santa María de Piloño.

 Agradecer a colaboración de: María José Viz, Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño, Carmen Lareo, Familia Viz Blanco, Familia Soto Parcero, Familia Varela Quintela, Asociación Social e Cultural Garatuzas de Piloño, Felipe Fernández Martín, Esther Viz, Suso Varela López, Begoña García Otero e Mari Rodríguez Arteaga deixarnos empregar fotos dos lugares por onde pasa o Roteiro.









martes, 2 de mayo de 2023

Autorresponsabilidade

 


Que é a autorresponsabilidade? Que consecuencias teñen as nosas decisións? Estas cuestións, entre outras, foron analizadas nunha sesión dedicada á "autorresponsabilidade e saúde" co alumnado de 1º do ciclo básico de Servizos Administrativos e 4º da ESO, onde puideron reflexionar sobre a importancia das súas eleccións, por exemplo, fronte ao consumo de substancias perxudiciais para a saúde ou fronte á sexualidade.

Na xornada sensibilizouse ao alumnado sobre a relevancia de aprender a dicir non e ser capaces de afrontar de forma adecuada a presión do grupo, tomando conciencia da importancia das decisións propias e da responsabilidade de cadaquén nos seus actos e consecuencias.

Prevención de adiccións con substancia




O alumnado de 2º da ESO estivo a falar con Begoña sobre o tabaco, alcohol e outras drogas, nunha xornada dedicada á prevención de adiccións con substancia. Nas sesións, analizaron os mecanismos que xeran dependencia así como os motivos polos que o consumo de drogas resulta prexudicial para a saúde. 

No caso de substancias como o alcohol ou o tabaco, o seu consumo está moi vinculado ao ocio e mesmo normalizado na nosa sociedade, ao tratarse de drogas legais e permitidas a partir da maioría de idade, o que facilita o acceso ás mesmas. Por isto, se cabe, é máis relevante tomar conciencia e dispor de información que permita aprender a dicir non. 

Mitos e perigos



O pasado xoves visitounos Silvia, traballadora de Proxecto Home, que desenvolveu un obradoiro con alumnado de 1º Formación Profesional Básica e 4º da ESO. 

O alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo da entidade, que se encarga do tratamento, rehabilitación e reinserción sociolaboral de persoas con problemas de adicción.

Os menores recibiron ademais formación sobre as adiccións, tanto con substancia como sen ela, descubrindo os principais mitos e peligros das mesmas. Todo elo coa finalidade favorecer a prevención, fomentando a responsabilidade na toma de decisións e promovendo un ocio saudable. 

Educación emocional

 

Dedicamos algunhas sesións á educación emocional, impartidas por Begoña, unha antiga docente do centro, e das que puideron disfrutar o alumnado de 2º ESO, 3º ESO, 4º ESO, 1º FPB e 1º APSD. 

Nun mundo no que todo vai rápido e as responsabilidades e o estrés parecen ser o eixo dominante, é complexo tomar conciencia dun mesmx ou de como nos sentimos. Dedicarse tempo a un mesmx parece quedar relegado a un segundo plano, a pesar de ser moi necesario. Así, debemos coidar de nós para ser quen de estar ben e dar o mellor de nós mesmxs aos demais. Xa que logo, traballamos neste obradoiro as emocións, tomando conciencia de como nos sentimos para despois poñer en práctica a relaxación muscular progresiva.  

Deste xeito, aprendemos técnicas útiles para a vida diaria e que de seguro nos farán sentir moito mellor! O alumndo quedou moi satisfeito e relaxado! 



lunes, 1 de mayo de 2023

Son das Cruces. Camanzo

 Hoxe pudemos percorrer a parroquia de Camanzo da man duns guías moi especiais de 4º de ESO percorrendo preto de 15 Kilómetros. Saímos da Farrapa e pasamos pola Pena, Capela das Mercedes, Monasterio de San Salvador de Camanzo, A Tilleira, Frieira, A Amosa, Souto, Cernadela e voltamos ao punto de saída.