Mostrando entradas con la etiqueta MarumaSat V. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta MarumaSat V. Mostrar todas las entradas

jueves, 11 de mayo de 2023

Participamos no lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V

 

O IES Marco do Camballón participou no operativo de lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V, organizado pola NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega. O despegue tivo lugar o 10 de maio ás 12 h desde a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. 
NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega é un proxecto educativo que envolve a varios centros de secundaria e bacharelato galegos e leva en marcha desde o curso 2014-15. Os centros que forman parte da NOSA son o IES Miraflores (de Oleiros),  IES Marco do Camballón (de Vila de Cruces), IES Arzobispo Xelmirez II (de Santiago de Compostela) e o CPI O Cruce (de Cerceda). A este lanzamento precedérono outros catro, os das MarumaSat I á IV, todos eles con resultados moi exitosos: interesantes experimentos a bordo, impresionantes imaxes da curvatura terrestre gravadas polas cámaras que viaxan na cápsula, novas cotas de altura cada vez maiores…

Coa MarumaSat V retómanse os lanzamentos das cápsulas estratosféricas MarumaSat, que quedaron suspendidos desde o ano 2020 coa pandemia da COVID. Os obxectivos deste novo lanzamento quedaron definidos naquel ano 2020, nun congreso organizado en Santiago de Compostela ao que asistiu o alumnado dos centros participantes. 

Un dos obxectivos da MarumaSat V é a incorporación dunha cámara 360º que gravará neste formato as imaxes do ascenso e descenso. A cápsula tamén incorpora unha estrutura impresa

en 3D deseñada para portar un ovo, co propósito de que resista os abaneos da viaxe e o impacto da aterraxe e regrese intacto á superficie. Ademais diso, instalarase un dispositivo LoRa para estabelecer comunicación por radio coa cápsula. Tamén se rexistrarán diversas magnitudes atmosféricas así como o campo magnético terrestre en altura.

As previsións de traxectoria indicaban que a aterraxe tería lugar nun punto do concello de Quiroga, como efectivamente ocorreu. Tras o lanzamento, organizouse un equipo de rescate, con alumnado dos centros implicado,s que se desprazou até as coordenadas da aterraxe. A cápsula pousouse nas estribacións do Courel, nun punto de difícil acceso. Finalmente, a media tarde e con algo de esforzo, recuperamos a cápsula intacta con todos os experimentos a bordo.

O noso alumnado asumiu o proceso de inflado e atado do globo, paracaídas e cápsula. 

Ademais, encarágaronse da cobertura en directo do lanzamento desde a canle de Youtube da NOSA, emisión que se realiza este ano por primeira vez.


Queremos agradecer ao noso alumnado a súa implicación no proxecto, que favoreceu que todo se resolvera con éxito. A partir de agora, analizaremos os datos recollidos para elaborar os informes cientíticos que se exporán no seguinte congreso da NOSA.