martes, 29 de marzo de 2022

Encontro con Iria Anido


Hoxe tivemos un taller de poesía conducico pola poeta cruceña Iria Anido. A presentación realizouna Xiana,  alumna de Investigación e tratamento da Información e aproveitaron para facerlle algunhas preguntas.








 

martes, 22 de marzo de 2022

Obradoiro de educación emocional

Desta volta, Verónica e Natalia da cooperativa Educalecrín, realizan obradoiros de educación emocional co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. Achegámonos nas sesións ao concepto de intelixencia emocional, para o que é fundamental recoñecer e aceptar as emocións para aprender a xestionalas (conciencia e regulación emocional), o que favorecerá o noso benestar. O autocoñecemento, aceptar o erro como normal e oportunidade para a mellora, a resilencia e a importancia do propio autocoidado e das redes de apoio, son aspectos dos que tamén falamos no obradoiro, no que reflexionamos sobre o diálogo interno que mantemos con nós mesmos/as, á par que aprendemos ferramentas para transformalo, o que repercutirá positivamente na nosa saúde emocional.



Obradoiro de relacións saudables


Recibimos a visita de Natalia e Verónica, fundadoras de Educalecrín, que desenvolveron co alumnado diversos obradoiros. A rapazada de 3º e 4º da ESO participou na actividade denominada “Relacións saudables”, na que se abordou a importancia do manexo adecuado das emocións e dunha boa autoestima para manter relacións saudables con un mesmo e cos demais. Quererse a un mesmo/a, manter relacións diversas, aprender a comunicarse de forma non violenta e detectar as crenzas limitantes tradicionalmente aprendidas, como os mitos do amor romántico por exemplo, favorecerá as relacións intrapersoais e interpersoais saudables e evitará a dependencia emocional.

Todo isto son cuestións que se trataron no obradoiro e que posteriormente se plasmaron de forma gráfica traballando grupalmente, mediante un exercicio no cal o alumnado debían discutir e agrupar certos comportamentos segundo foran tóxicos ou saudables nas relacións de parella.

 
 
 


 

lunes, 21 de marzo de 2022

Semana da poesía

 O alumnado de 1º ESO estivo traballando poemas populares galegos na materia e Investigación e tratamento da Información (INEIN) e estes foron o resultado dos seus traballos.



Semana da poesía



O departamento de Lingua e literatura Castelá propuxo ao seu alumnado de 2º, 3º e Club de Lectura, escribir un poema que lles guste (pode ser inventado ou copialo) e facer un debuxo que reflicta o que para eles e elas significa ou as sensacións ou emocións que lles transmite.
 Aquí recollemos unha mostra do resultado desta actividade.




Mediación

Continuamos coa mediación! De cando en vez, ademais de outras dinámicas e sesións de reflexión, realizamos algún roleplaying para aprender a mediar de forma práctica, á par que coñecemos as fases da mediación.

domingo, 20 de marzo de 2022

Le poesía


 Durante estas semanas imos ter exposto varios libros de poesía non corredores por se queredes botarlle unha ollada

viernes, 18 de marzo de 2022

Obradoiros de Hydra

 



Ao longo desta semana recibimos a visita das técnicas de Hydra, unha axencia de marketing e comunicación, que a cotío traballan e investigan sobre os usos e comportamentos nas redes para mellorar as vendas dos seus clientes.

Que uso facemos das novas tecnoloxías e como nos comportamos no mundo dixital pode ter consecuencias, polo as técnicas falaron co alumnado de 2º da ESO sobre os riscos das redes sociais (sexting, grooming, ciberacoso...), e deron a coñecer ao alumnado de 3º da ESO como funciona o mundo dos influencers e a importancia da privacidade na rede, pois o certo é que estamos máis expostos do que inicialmente poideramos pensar. Foron unhas sesións moi amenas nas que nos animaron a manter un comportamento prudente e adecuado nos medios virtuais.

jueves, 17 de marzo de 2022

Número PI

África García Lorenzo, alumna de 1º ESO no IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), vén de estabelecer un novo récord de memorización do número, cun total de 166 cifras decimais.

Este récord encadra nun concurso organizado polo departamento de matemáticas do centro co gallo do Día Internacional do número, que se celebra cada 14 de marzo. A anterior marca correra a cargo de Nuria Torres Novo, cun total de 145 cifras.

O departamento de matemáticas está a xestionar o rexistro oficial da marca de África no Pi World Ranking List, onde se recollen todos os récords de memorización de cifras decimais do número. De xeito preliminar, a marca de África podería colocarse no posto 600 a nivel mundial e 10 a nivel español.

Con esta iniciativa, o departamento de matemáticas quere favorecer o coñecemento e importancia do número. Entre outras iniciativas, tamén promoverá un programa de radio e un obradoiro de esopías, composicións narrativas asociadas á natureza do número.

miércoles, 16 de marzo de 2022

O poeta que baila. Florencio Delgado Gurriarán

"O poeta que baila" tivo hoxe un día moi emocionante. A principios do curso enviamos un poema de Florencio Delgado Gurriarán a Xabier Díaz, un poema con adufes e ferreñas, e explicámoslle este proxecto e, para a nosa sorpresa, aquel email converteuse nunha aventura para construír un tema musical en grupo. Hoxe máis de 20 alumnas e alumnos e profes do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, xuntámonos con Xabier e comezamos a facer música. Realmente, parece que Florencio compuxo a principios do século XX este poema con adufes para Xabier Diaz, The Tamborine Man, o século XXI. Hoxe vivimos unha xornada de traballo que non esqueceremos nunca. E seguimos traballando!


Grazas, Xabier! 
 


Pandeirada

Nenas, vinde á pandeirada,
que sinto, no peito, o adufe
do meu desexo, rapazas.
Os ollares churrusqueiros
son mans a bater no adufe
que anda a soar no meu peito.
Nenas, vinde á pandeirada,
a pór acordes co adufe
ás ferreñas das risadas.
Estoupe, que estoupe, que estoupe o pandeiro;
nas bocas floridas que estoupen os beixos;
estoupen os risos e os salaios ledos;
estoupe o xustillo, gaiola dos peitos!
Ledicia da pandeirada:
arcos-peitos, branco-adufe,
frechas-tentacións o rachan.
Eléctrico de desexos
vai estoupar meu adufe
co bater dos vosos beizos.
Ledicia da pandeirada:
acordes co meu adufe
vosas ferreñas, rapazas.
Tanxe, que tanxe, nena rebuldeira,
coas mans que buligan coma bolboretas.
Tanxe, que tanxe, tamén eu tanxera
a bicos, o adufe da boca vermella!

martes, 15 de marzo de 2022

III Encontro feminista

No día de hoxe tivo lugar o III Encontro feminista do IES Marco do Camballón. Comezou a xornada cun coloquio sobre a situación da muller no mundo audiovisual, conducido polos compañeiros de 1º de Bacharelato de Oratoria. Entregáronse os premios Juana López Elizagaray pola igualdade a María Dolores Celsa Sánchez Barral, nai de dous alumnos do centro, e a Montserrat Sanmartín Gómez, profesora do noso centro. 

Tamén coñecemos un pouco a dona Juana López Elizagaray, mestra de Besexos, grazas a un vídeo cuxo guión foi creado por Ricardo Santiso de 3º de ESO.

No vídeo participa alumnado de 3º de ESO e a alumna Aleixandra Torres alumna de 2º de Bacharelato e veciña de Besexos.

Dende o centro queremos tamén colaborar con algún proxecto solidario coincidindo coa data de Encontro. Este ano, María Pacheco, alumna de 2º Bacharelato coordinou, xunto con todo o alumnado de Psicoloxía do proxecto, Nós tamén somos A Palma, informounos de que ata o venres 18 seguimos recaudando fondos para enviar ao Cabildo de A Palma para aportar un gran de area aos damnificados desta localidade.

Rematamos cun concerto do grupo De Vacas!

Esta é unha mostra do que pasou ao longo da mañá.


 

 

lunes, 14 de marzo de 2022

A ponte entre o ensino medio e a USC

 



Rematamos a semana coa visita dunha profesora da USC, que explicou ao alumnado de 2º de Bacharelato cuestións relativas á universidade: estudos, admisión, aloxamento, vida universitaria.... dentro do marco do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC", coa finalidade de que o alumnado se vaia preparando para a seguinte etapa despois de rematar o ensino medio.


 

jueves, 10 de marzo de 2022

Nós tamén somos A Palma

Hai varias situacións actualmente que nos están facendo pensar moito. O alumnado de Psicoloxía  de 2º  de Bacharelato realizou uns vídeos onde recollen o un resumo da situación que viviron e viven na Palma. A vida das persoa muda nun intre.


 
 


miércoles, 9 de marzo de 2022

III Encontro feminista

Co gallo do 8M, o IES Marco do Camballón promove o III Encontro Feminista. Con este evento, o centro quere propiciar espazos de debate sobre o conflito de xénero.

No acto, desenvolverase un coloquio sobre a situación da muller no mundo audiovisual. Contaremos coa participación das actrices Mariana Fernández Pérez (docente na ESAD), Camila Bossa e Isabel Blanco. O coloquio estará moderado por alumnado de Iniciación ao debate, de 1º BAC.

Tamén terá lugar a entrega do Premio Juana López Elizagaray pola igualdade. Con esta iniciativa, o centro quere recoñecer o traballo a prol da igualdade desenvolvido por persoas, colectivos ou institucións do ámbito local. Nesta convocatoria, as premiadas son María Dolores Celsa Sánchez Barral, taxista en Vila de Cruces, e Montserrat Sanmartín Gómez, profesora no noso centro.

Pechará o evento un concerto do grupo DE VACAS.

A convocatoria deste curso recupera o formato presencial. Celebrarase o 15 de marzo no Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces.


 

martes, 8 de marzo de 2022

viernes, 4 de marzo de 2022

Obradoiro de Educación Afectivo-Sexual.

Como cada curso, recibimos a visita do centro Quérote Máis, que falaron sobre educación afectivo-sexual co alumnado de 3º da ESO e FP Básica, un tema de vital importancia na adolescencia, etapa na que o alumnado está construindo a súa propia identidade. Ademais de comentar sobre sexualidade, mitos, estereotipos....tamén se impulsou a diversidade e o pensamento crítico do alumnado.

Prevención de adiccións con substancia


No mes de febreiro, as titoras de 4º da ESO e o departamento de orientación levamos a cabo un obradoiro de prevención de consumo de drogas co alumnado deste curso. Foron varias sesións nas que se abordou a problemática da adicción con susbtancias, a fin de incidir na súa prevención.

Falamos sobre o tabaco, alcol e drogas ilegais, as súas consecuencias na saúde e o seu impacto na persoa e no ámbito cercano, os factores de risco e de protección, os mitos arredor do consumo destas substancias....todo elo mediante a análise de visualizacións e o intercambio de opinións co alumnado.

Un obradoiro necesario nun momento vital transcendental como é a adolescencia, no que as propias características da etapa e a presión do grupo xogan un papel clave na toma de decisións, favorecendo con este tipo de actividades a perspectiva crítica e responsable ante as mesmas.  

 

 


 

Mediación. Fases e representación

Continuamos a traballar en mediación co alumnado de 1º e 2º da ESO. Achegámonos ao coñecemento das fases da mediación como proceso formal, e que mellor maneira de aprender sobre as mesmas practicando mediante roleplaying!

 


Mediación.Conflito e comunicación.

Seguimos a traballar en mediación. Neste caso abordamos o conflito e a comunicación co alumnado de 2º da ESO, mediante dinámicas grupais.

Representamos unha situación conflitiva coa técnica da laranxa, onde o alumnado puido comprobar como ás veces os conflitos se xeran de forma absurda. Así, non debemos obcecarnos na nosa posición, cómpre ser flexibles, escoitar de forma activa e ter en conta tanto os intereses propios como os da outra parte, pois moitas veces a solución é máis sinxela do que parece!

Coa técnica do rumor, o alumnado aprendeu de forma práctica, vivencial e divertida sobre as distorsións na comunicación, que tantas veces xeran malos entendidos e provocan conflitos.


 

 

Mediación


Velaquí un vídeo das primeiras sesións da difusión e formación en mediación co alumnado de 1º e 2º da ESO.
Dedicamos as primeiras xornadas á presentación da mediación como estratexia de resolución pacífica de conflitos e a falar sobre a importancia da asertividade e empatía na resolución dos mesmos. Tamén tivemos tempo de coñecernos mellor, mediante dinámicas como a tela de araña!

Abordamos a intelixencia emocional (identificación, recoñecemento e expresión de emocións) como clave para manter relacións saudables a nivel intrapersoal e interpersoal, aceptando as distintas emocións como válidas e necesarias, e coñecemos a tamén a importancia da mediación como estrutura preventiva fronte ao acoso escolar. Todo isto mediante vídeos e análise de casos de transcendencia mediática, que serviron como marco para o diálogo e reflexión posterior, amosándose o alumnado moi participativo, sensible e empático. 


 

 

jueves, 3 de marzo de 2022