Mostrando entradas con la etiqueta Orientación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Orientación. Mostrar todas las entradas

jueves, 11 de junio de 2026

Compartindo experiencias: do Bacharelato á ESO

Esta semana tivemos unha actividade moi especial no centro. Catro alumnas de 1º de Bacharelato de distintas especialidades: Alba, Sarai, Cintia e Helena,visitaron as aulas de 4º da ESO para compartir a súa experiencia neste primeiro curso.

Durante o encontro, explicaron como lles resultou o paso ao Bacharelato, que materias optativas escolleron e en que consiste cada unha delas. Tamén falaron con sinceridade sobre as dificultades iniciais, a adaptación ao novo ritmo de traballo e a importancia de levar as materias ao día.

Un dos aspectos máis valiosos da charla foi escoitar como elas mesmas recoñecían que, cando estaban en 4º da ESO, tampouco tiñan totalmente claro que camiño elixir. Porén, coincidiron en que, a día de hoxe, están satisfeitas coa decisión tomada.

Para rematar, animaron ao alumnado a esforzarse dende o principio e a afrontar o Bacharelato con responsabilidade e ilusión.

Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que axudou a resolver dúbidas e a achegar o Bacharelato ao alumnado de 4º da ESO.

martes, 12 de mayo de 2026

Teatro foro: o consumismo


Por fin chegou o día! Tras os últimos ensaios, o pasado 10 de abril presentamos o recurso didáctico sobre consumismo creado polo alumnado de 3º ESO e PDC. Unha peza composta por 11 escenas nas que o alumnado deu forma e vida a distintas posibles situacións arredor do tema central. Ademais, prepararon o atrezo, carteis con debuxos e un manifesto a favor do consumo responsable para concienciar aos
compañeiros/as de 2º ESO, que se converteron en espec-actores e espec-actrices!
E iso non é todo! A sesión estivo amenizada pola música do ukelele e mesmo cantamos todos xuntos a modo karaoke a prol dunha forma de vida menos materialista e consumista.

Nas ligazóns podedes ver como foron os ensaios finais e a representación da peza. Sen dúbida, unha experiencia moi enriquecedora que non deixou indiferente a ninguén. Con gañas de repetir, damos as grazas a todas as persoas colaboradoras, especialmente ao alumnado pola súa participación e implicación, ao profe Rubén polas súas ideas e melodías e a Ramón por darnos a coñecer o teatro foro e por facelo posible!

Menores nin unha pinga!

O alumnado de 1º e 3º da ESO participaron hoxe no obradoiro "Menores nin unha pinga", que trata de previr o consumo de alcohol en menores. 


lunes, 13 de abril de 2026

Camballón intercultural

Continuamos a poñer en valor a diversidade cultural. Desta volta plasmamos nun mural as distintas orixes e culturas do alumnado do centro. Os traballos xa locen no corredor intercultural!










 

lunes, 9 de marzo de 2026

Todos e todas somos diferentes

 No marco das actividades de titoría, no centro estamos a traballar a diversidade como un valor fundamental para a convivencia. A través de diferentes dinámicas e reflexións na aula, o alumnado está a afondar na importancia de respectar, comprender e valorar as diferenzas que existen entre as persoas.


Como parte deste proceso, o alumnado participará na decoración dos corredores do centro, creando murais, mensaxes e elementos visuais que representen a riqueza da diversidade en todas as súas formas. Esta actividade permitirá que as ideas traballadas nas sesións de titoría se fagan visibles nos espazos comúns do colexio.


O principal obxectivo desta iniciativa é sensibilizar e visibilizar a diversidade, fomentando unha actitude de respecto, empatía e inclusión entre toda a comunidade educativa. Deste xeito, o centro convértese tamén nun espazo que transmite valores e que lembra cada día a importancia de convivir nun ambiente onde todas as persoas teñen cabida.

lunes, 2 de marzo de 2026

Recordando ás vítimas de Gaza

Dende o inicio da guerra en Gaza en outubro de 2023, perderon a vida máis de 70.000 gazatíes, dos cales 20.000 eran menores de idade.

Sensibilizados coa barbarie que supón a guerra, sumámonos á iniciativa do IES Pintor Colmeiro (Silleda) e colaboramos con este centro no recordatorio das nenas e nenos tristemente falecidos a consecuencia do xenocidio na franxa de Gaza.

Rendemos así homenaxe ás vítimas menores, cuxos nomes figurarán nun espazo público da capital silledense tratando de que a súa vida non quede no esquecemento e lembrando a importancia dun mundo en paz. 

viernes, 20 de febrero de 2026

Saúde mental

Contiuamos a falar de saúde mental co alumnado de 4º ESO e o CM de Atención a persoas en situación de 
dependencia.


Desta volta tocou o turno ás emocións: aprendemos a identificalas, recoñecelas e xestionalas, ao tempo que poñemos en práctica habilidades sociais.

Todo isto, de man da Asociación Fonte da Virxe.

jueves, 12 de febrero de 2026

Obradoiro: Primeiros auxilios


 O alumnado de 2º ESO, 3º ESO e formación profesional participa nun obradoiro de primeiros auxilios impartido por profesorado da Universidade da Coruña.
Aprenderon de forma práctica a actuar en casos de esvaecementos, a realizar a manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP) e a empregar o desfibrilador.

Sen dúbida, unha lección moi útil que axuda a salvar vidas e agardamos que compartan cos máis achegados!

lunes, 2 de febrero de 2026

Saúde Mental


Iniciamos os obradoiros sobre saúde mental coa Asociación Fonte da Virxe.

Desta volta tocoulle o turno ao alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º curso do CM de Atención a persoas en situación de dependencia. Aprendemos sobre a importancia do benestar emocional, a coidarnos e a coidar aos demais. Nos cursos de formación profesional abordamos ademais o tema dende a perspectiva da saúde laboral. Nesta ligazón podedes consultar o resumo gráfico das sesións.

Esta actividade está incluída na liña de benestar emocional dentro dos proxectos de inclusión educativa convocados pola Consellería de Educación.

Universidade: USC e PAU


Participamos no programa "A ponte entre o ensino medio e a USC" coa visita de J.M Blanco, que informa ao alumnado de 1º de Bacharelato sobre a Universidade de Santiago e as PAU. 

viernes, 30 de enero de 2026

Que a dor allea non nos sexa indiferente: Día da Paz no Camballón

 Hoxe conmemoramos o Día da Paz no noso centro, unha xornada para parar, reflexionar e mirar de fronte unha realidade que este curso estamos a traballar especialmente: a guerra e os conflitos no mundo.

Como di esta fermosa versión da canción “Solo le pido a Dios”, a guerra é un “monstro grande e pisa forte toda a pobre inocencia da xente”. Unha mensaxe clara que nos convida a non ser indiferentes ante a dor, a inxustiza e o sufrimento de tantas persoas inocentes.

Con este espírito, elaboraron un mural sobre as guerras e conflitos actuais, co obxectivo de concienciar a toda a comunidade educativa sobre a situación do mundo e a importancia de construír a paz desde o respecto e a solidariedade.

Ao redor deste tema xiron tamén as actividades das titorías, pensadas para conmemorar o Día da Paz e
fomentar a reflexión, o diálogo e o pensamento crítico no alumnado.

Sen dúbida, o ser humano non pode mirar cara outro lado: a violencia e a violación dos dereitos humanos nunca poden estar por riba do respecto, do diálogo e da vía diplomática.

Agardamos, con este traballo, espertar conciencias e contribuír a desenvolver un espírito crítico e comprometido no noso alumnado, porque a paz constrúese cada día, tamén desde a escola.


Porque a paz non é só a ausencia de guerra, senón a presenza da xustiza, do respecto e da empatía. Desde a escola queremos lembrar que cada pequeno
xesto conta e que educar para a paz é educar para a vida. Que a dor allea non nos sexa indiferente e que nunca deixemos de crer que un mundo máis xusto e en paz é posible.

martes, 25 de noviembre de 2025

25 N

 Rendemos homenaxe ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás vítimas de violencia vicaria. No que vai de ano, 38 mulleres perderon a vida asasinadas polas súas parellas ou exparellas no noso país, cifra que se incrementa ata 1.333 dende o 2003, ano en que se empezaron a contabilizar rexistros.


Nos últimos 12 anos, 65 menores foron asasinados por seus pais ou as parellas das súas nais. Neste 2025, foron 3 os menores vítimas de violencia vicaria. 


As bolboretas de cor violeta representan a cada unha das mulleres vítimas neste 2025, mentres que as bolboretas brancas recordan aos menores vítimas de violencia vicaria. 

viernes, 21 de noviembre de 2025

QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES!


O alumnado de 3º e 4º da ESO participou no programa "Que non te líen, ti elixes!", ofertado pola Consellería de Educación para abordar a orientación vocacional dende a perspectiva de xénero.

O alumnado puido comprobar que as profesións non teñen xénero e a importancia da toma de decisións vocacionais libre de estereotipos. 

miércoles, 5 de noviembre de 2025

Taller de Benestar Emocional

O alumnado de 1º de Bacharelato estivo a traballar con unha psicóloga do centro Quérote Máis sobre benestar emocional. Que son as emocións, as súas funcións e a súa influenza na conduta, foron algunhas das cuestións abordadas de xeito práctico, aprendendo sobre como manexar as ditas emocións para estar mellor con nós mesmos/as. 





viernes, 24 de octubre de 2025

Quero, quérome, querémonos

 





Rematamos o obradoiro "Quero, quérome, querémonos", iniciado a semana pasada co alumnado de formación profesional básica e o ciclo medio de atención a persoas en situación de dependencia. Nesta ocasión, o alumnado continuou a reflexionar sobre o amor romántico, achegouse ao coñecemento dos indicadores dunha relación sana e insana e puido coñecer moito sobre sexualidade a través do xogo en equipos.



jueves, 23 de octubre de 2025

Masculinidade en prol da igualdade


Continuamos a traballar en materia de igualdade, desta volta, reflexionando sobre os estereotipos e roles de xénero cos alumnos do 1º curso do ciclo medio de soldadura e caldeiraría. Entre outras cuestións, falamos da influenza da socialización diferencial na construción do xénero, de conciliación e corresponsabilidade. Porque a masculinidade non está reñida coa igualdade.



miércoles, 22 de octubre de 2025

Quero, quérome, querémonos


O alumnado de formación profesional básica e o ciclo medio de "atención a persoas en situación de dependencia" asisten ao obradoiro "Quero, quérome, querémonos", no que se falou sobre afectividade e relacións de parella, á par que reflexionaron sobre os mitos do amor romántico. A próxima semana continuaremos a traballar no tema!



viernes, 17 de octubre de 2025

Que non vemos nos medios

 


O alumnado de 4º ESO participaron hoxe nunha actividade de Orientación que se vai desenvolver en varias sesións.





jueves, 29 de mayo de 2025

III Mostra de Orientación de A Estrada

O 27 e 28 de maio celebrouse a III Mostra de Orientación de A Estrada, que o alumnado de 4º ESO e 1º APSD tivo a oportunidade de visitar. 


Puideron coñecer a oferta formativa dos institutos da contorna, visitar os stands de formación profesional e das tres universidades galegas, así como outros da Policía Nacional, Garda Civil e Forzas Armadas. Tamén estiveron presentes puntos informativos das ensinanzas de réxime especial, Escola de Pilotos Aeroflota do Noroeste (AFN) e asociacións como Ocionautras e Acrofam, entre outros. 

Sen dúbida, unha inciativa moi útil para favorecer o proceso de toma de decisións vocacional no alumnado, a través do coñecemento da oferta formativa. 

miércoles, 14 de mayo de 2025

Iniciación segura á pegada dixital




Participamos no programa "Iniciación segura á pegada dixital", no que o alumnado de 1º e 2º da ESO toma conciencia da importancia do rastro que se deixa en internet e aprenden sobre seguridade e privacidade nas redes sociais e no ciberespacio.