jueves, 30 de abril de 2026

Día do orgullo e da diversidade



Hoxe celebramos o día do orgullo e a diversidade. Despois de ver os últimos capítulos da serie Heartstopper baixamos ao ximnasio onde o alumnado de Bacharelato leu un manifesto. Tamén tivemos actuacións de canto, baile e regueifa. Para rematar asistimos a unha actuación de @lashermanasdefan o no auditorio municipal. 








Foi unha celebración da liberdade que puxo en valor a riqueza que achega a diversidade á sociedade. Unha xornada para lembrar a importancia do respecto, a igualdade e a inclusión. 

miércoles, 29 de abril de 2026

En Plan Ben

 O alumnado de 4º ESO participou esta semana no programa da Deputación de Pontevedra "En plan ben: aulas saudables", que trata de promover a saúde mental e benestar emocional a través de distintas temáticas.

Neste primeiro obradoiro abórdase de xeito práctico e interactivo a prevención, educando sobre a utilización de substancias e condutas abusivas.

Reflexionamos sobre a presión grupal e os influxos sociais (publicidade, redes sociais...) e a súa relación coas condutas abusivas, con e sen substancia, adquirindo habilidades sociais e de afrontamento destas influenzas.

martes, 28 de abril de 2026

Visita á Fundación Paco Lareo

O alumnado de 1º de ESO de Relixión, visitou onte a Fundación Paco Lareo.
Da man de Carmen Lareo, presidenta da Fundación, coñeceron as obras de distintos artistas que están expostas na Solaina. Tamén  descubriron a figura de Paco Lareo, as actividades da fundación e o seu importante papel como foco cultural e dinamizador do rural.
Queremos agradecer a Carmen Lareo a súa acollida e amabilidade!





Apadriñamento lector

O alumnado de Relixión de 1º de ESO acudiu onte ao CEIP Plurilingüe Cerdeiriñas de Piloño a realizar un apadriñamento lector. No patio do centro leron contos ao
alumnado de infantil que estivo moi atento e interesado nas historias que os seus padriños e madriñas maiores contaban.
A continuación, na biblioteca do centro, realizaron unha actividade en torno á









lectura. Fixeron unhas árbores moi fermosas. Nos troncos escribiron os seus nomes e pintaron debuxos alusivos aos contos, creando así o bosque dos libros!
Foi unha xornada moi especial na que compartimos historias e experiencias! Moitas grazas ás profes de infantil polo seu traballo e implicación!

lunes, 27 de abril de 2026

Camballón diverso

 Continuamos a abrazar a diversidade, neste caso afectivo-sexual. Concienciamos sobre o respecto ás distintas identidades e orientacións sexuais a través da reflexión e o xogo. Empregamos para elo noticias e temas de actualidade e en grupos tratamos de adiviñar a orientación sexual de distintas personaxes coñecidas, fomentando a empatía e tratando de erradicar estereotipos.

viernes, 24 de abril de 2026

Nas alturas dos Picos: unha viaxe para lembrar

 A nosa saída a Asturias e Cantabria chega ao seu fin deixando unha chea de experiencias inesquecibles. Un dos momentos máis impactantes foi, sen dúbida, a subida no único telesférico dos Picos, que nos elevou máis de 200 metros ata situarnos preto dos 2.000 metros de altitude. A medida que ascendían, o silencio e a inmensidade da paisaxe ían conquistando a todos e todas.

Xa no alto, dende o Miradoiro do Balcón, tiveron a oportunidade de comprender mellor este impresionante entorno natural. Alí, o alumnado participou nunha explicación completa na que se abordaron aspectos clave como a formación xeolóxica dos Picos, as características do seu clima, a súa rica historia, a diversidade biolóxica e mesmo trazos da etnografía da zona.

Ademais, realizaron un paseo polas altas cimas de Cantabria, onde puideron observar a pegada dos antigos glaciares, minas abandonadas e un espectacular ambiente de alta montaña. A experiencia fíxose aínda máis especial ao ter a sorte de ver voar sobre as súas cabezas aves como os voitres e os alimouches, completando así unha xornada única en contacto directo coa natureza.

Foi unha experiencia que combinou aprendizaxe e emoción, natureza e convivencia, e que, sen dúbida, permanecerá na memoria de todos e todas como unha das vivencias máis enriquecedoras do curso.

Un día inesquecible en Cabárceno

 

Hoxe o alumnado viviu unha xornada moi especial visitando o Parque da Natureza de Cabárceno, un espazo único situado nun antigo enclave mineiro que sorprende pola súa beleza e dimensión.

Ao longo do día, puideron observar de preto unha gran variedade de animais salvaxes que viven en réxime de semiliberdade, aprendendo sobre os seus hábitats, costumes e a importancia da súa conservación. Leóns, elefantes, xirafas ou osos foron algúns dos protagonistas desta experiencia tan enriquecedora.

Un dos momentos máis emocionantes da visita foi, sen dúbida, a demostración de voo de aves rapaces, onde o alumnado quedou abraiado coa destreza e elegancia destas aves en pleno voo.


Sen dúbida, foi unha saída didáctica chea de aprendizaxes, emocións e convivencia que quedará na memoria de todos e todas.



jueves, 23 de abril de 2026

Obradoiro de dixitalización: a fenda dixital

 Hoxe o alumnado de 1º da ESO tivo unha visita moi especial! Veunos ver Carla, unha antiga alumna que actualmente estuda Pedagoxía. Xunto con varios compañeiros/as da súa clase desenvolveron un obradoiro de dixitalización sobre a brecha dixital na aula do primeiro curso.

Foi unha actividade práctica onde a rapazada puido aprender sobre a fenda dixital, as súas causas, consecuencias, tipos....e no que se estimulou a reflexión e o pensamento crítico sobre o tema. Mesmo durante a realización dos traballos grupais, a rapazada puido comprobar as vantaxes e desvantaxes de ter ou non acceso á rede e medios dixitais.  

O profesorado e o alumnado só podemos dar as grazas por esta clase tan especial e desexarlle moita sorte a estes futuros pedagogos/as!


Premios concurso escritura rápida




 Hoxe celebramos o día do libro entregando os premios do concurso de escritura rápida, realizado a pasada semana durante a hora de ler.

Parabéns a Manuela Quinteiro (4º ESO) e Gonzalo Sobrado (1º de ESO) tamén a Elena Castro (4º ESO) e Joel García (4º ESO) que no aparecen na imaxe por estar de excursión.

Ler abre portas a mundos infinitos


Co gallo do Día do Libro, queremos lembrar algo moi sinxelo pero moi poderoso: ler ábrenos portas. Portas a mundos descoñecidos, a historias que nos fan viaxar sen movernos do sitio, a ideas que nos
axudan a comprender mellor quen somos e o mundo que nos rodea.

Cada libro é unha oportunidade. Unha oportunidade para soñar, para aprender, para sentir. A lectura fainos máis libres, máis críticos e tamén máis creativos. Non importa que tipo de libros che gusten: aventuras, misterio, fantasía ou historias reais. O importante é atopar ese libro que te enganche e deixarte levar.

Dende a Biblioteca  animamos a todo o alumnado, profesorado e comunidade educativa a facer da lectura un hábito, un pequeno momento do día para desconectar e conectar ao mesmo tempo. Porque quen le, nunca está só… e sempre ten unha porta aberta a algo novo.

miércoles, 22 de abril de 2026

Un día de aventura, encontro e emocións entre o Sella e Covadonga

No segundo día da  excursión, o entusiasmo xa se notaba dende primeira hora da mañá. Coa brétema
levantándose pouco a pouco e o son da auga acompañándonos, o alumnado preparouse para unha das experiencias máis esperadas: o descenso en canoa polo río Sella. 



Entre risas, algún que outro salpico inesperado e moito compañeirismo, foron
avanzando ao ritmo da corrente, descubrindo a beleza da natureza e aprendendo tamén a coordinarse e axudarse uns aos outros.

A aventura da mañá deixou paso a unha tarde máis tranquila, pero non menos especial. Visitamos Covadonga, un lugar cheo de historia, espiritualidade e significado. A impoñente basílica acolleunos co seu silencio solemne. Despois, achegámonos á coñecida Cova da Santina, onde moitos aproveitaron para facer unha pequena parada persoal, un intre de calma no medio da viaxe.

Para rematar o día, paseamos por Cangas de Onís, gozando do ambiente das súas rúas e da beleza da súa ponte romana, símbolo dunha terra rica en tradición e cultura. Foi o peche perfecto para unha xornada intensa, chea de emocións, aprendizaxes e momentos compartidos que, sen dúbida, quedarán na memoria de todos e todas.






Charla UVigo

 O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato participa nas charlas xerais da UVigo. 

Recibiron información sobre os graos que se estudan nesta universidade, cuestións relativas á vida universitaria, becas e programas de mobilidade. 

Graza pola visita Noa! Sen dúbida as túas achegas serán de gran utilidade para a toma de decisións e de cara a estar mellor preparados para o futuro próximo. 




martes, 21 de abril de 2026

Aventura, convivencia e natureza en Asturias e Cantabria


O alumnado de Relixión de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato comezou a súa excursión a Asturias e Cantabria, acompañado polos profesores Araceli e Samuel. 



Durante catro días, vivirán unha experiencia de convivencia única, na que compartirán tempo, fortalecerán vínculos e estarán en contacto directo coa natureza, traballando o respecto, a solidariedade e a cooperación.




Neste primeiro día, a aventura xa comezou con forza nun parque de
actividades, onde o alumnado puido poñer a proba a súa destreza, superar retos e, sobre todo, aprender a confiar nos demais e en si mesmos. Foi unha xornada chea de emocións, risas e compañeirismo.





E mañá… que novas experiencias lles agardarán? Seguro que será outro día cheo de descubrimentos, aprendizaxes e momentos inesquecibles que seguirán facendo desta viaxe unha vivencia moi especial.

lunes, 20 de abril de 2026

Compartindo contos, creando ilusións. Apadriñamento lector

 



O alumnado de 1º de ESO da materia de Relixión visitou hoxe ao alumnado de infantil do colexio A Nosa Señora da Piedade para compartir unha fermosa xornada de lectura.




Durante a mañá, pequenos e maiores gozaron de contos, xogos e momentos de convivencia que encheron o parque de ilusión e sorrisos. Esta actividade permitiu non só fomentar o gusto pola lectura, senón tamén fortalecer valores como a empatía, o coidado dos demais e a colaboración.





Queremos agradecer ás profes de infantil a súa acollida e o seu excelente traballo, que fixeron desta experiencia un recordo moi especial para todo o alumnado












jueves, 16 de abril de 2026

Obradoiro de cociña

 As alumnas do ciclo de TAPSD asistiron onte a un obradoiro de cociña coa nosa profe Maruja. Utilizaron a carne sobrante do caldo de gloria que tiñan conxelada para facer filloas. Unha receita sinxela que pode servir para reutilizar productos sobrantes de outras elaboracións. Queremos expresar a nosa gratitude a Maruja que sempre está disposta a colaborar compartindo os seus coñecementos e o seu bo facer.