Mostrando entradas con la etiqueta 2º Bac. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2º Bac. Mostrar todas las entradas

viernes, 30 de octubre de 2026

Unha ronda do séptimo arte: " La bola negra"

 Xoves 29 de outubro, nove menos cindo da mañá, o autobús agarda polos derradeiros un ou dous rezagados do alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato, para dirixirmos á capital galega co obxectivo de ver a peli española do momento.

Estamos chegando ó centro de Santiago, tralas pertinentes indicacións da profesora organizadora da actividade, baixamos preto do casco histórico, e poucos pasos despois mediante unha galería alcanzamos a sala onde vai ter lugar o evento. Unha pequena introdución das humildes características da empresa e da obra, realizada amablemente polo persoal do lugar, precede ó visionado do filme. 

Un producto de ficción froito dun traballo moi riguroso de documentación e de arte, aínda que con persoas reais e acontecementos históricos que se entremezclan, xunto cunha excelente fotografía e banda sonora estremecedora, envolve ó espectador en torno a tres liñas argumentais cun, canto menos notable común denominador, quen sabe se máis. Esa información queda relegada a futuros espectadores e espectadoras, por aquelo de non facer spoiler.

Unha produción na que se reflexa drama, literatura, historia, incluso con algún pequeno toque humorístico, e que representou e segue representando o cine español alén das nosas fronteiras, sendo canto menos, didáctica e moi digna de ver.

É preciso destacar ó impecable comportamento do alumnado na actividade extraescolar, tanto durante o visionado do filme como antes e despois. Así dá gusto levalos a estas actividades. 


viernes, 9 de octubre de 2026

Sorpresas no Certamen Carlos Asorey

A II edición do Certame de Curtas Documentais Carlos Asorey, organizado pola Fundación Paco Lareo-A Solaina, foi toda unha sorpresa e unha experiencia moi enriquecedora.

Foi un pracer formar parte do xurado e achegarnos a tres propostas documentais: Penagache,


de Marcos Seijo; Casarocos, de Alicia López; e A senda da Deshabitaxe, de Candela Conde.

A xornada  de hoxe contou tamén cun emotivo saúdo de Alfonso Pato, director do Festival de Cans, que puxo un toque especial a este encontro arredor do cinema e da cultura galega.

Unha experiencia para lembrar, compartir e seguir celebrando o talento e as historias que nacen da nosa terra.

Grazas á Fundación Paco Lareo-A Solaina por facelo posible!


jueves, 8 de octubre de 2026

O noso propio noticieiro

 O alumnado de 2º de Bacharelato de Relixión achegouse esta semana á actualidade dun xeito diferente: analizando o xornal e creando o seu propio noticieiro.




Despois de revisar diferentes novas, cada alumno e alumna escolleu aquelas que máis lle impactaron ou lle fixeron reflexionar. A partir delas, prepararon as súas intervencións para explicar non só que acontecera, senón tamén por que esa noticia lles chamara especialmente a atención.


Unha actividade para traballar a actualidade, a capacidade de análise e o pensamento crítico, pero tamén para descubrir que cada mirada sobre o mundo é única e ten algo que achegar.
Agora só queda darlle ao play e escoitar o que teñen que contarnos!

 

 

 

miércoles, 17 de junio de 2026

Matemáticas para entender o mundo: o IES Marco do Camballón publica un novo volume de MARCO NUMÉRICO

 


A publicación, elaborada polo alumnado de 2º de Bacharelato, será presentada o vindeiro 16 de xuño nun acto aberto ao público coa participación da matemática Elena Vázquez Abal.

O Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón vén de publicar o sétimo volume de MARCO NUMÉRICO, a revista de investigación matemática elaborada polo alumnado da materia Métodos Estatísticos e Numéricos de 2º de Bacharelato.

Trátase dun proxecto educativo consolidado no centro que, ao longo dos últimos anos, permitiu ao alumnado desenvolver investigacións propias arredor de cuestións de actualidade mediante a aplicación de ferramentas estatísticas e modelos matemáticos. A iniciativa combina a aprendizaxe dos contidos da materia co desenvolvemento de competencias científicas, documentais e comunicativas, achegando o alumnado aos procesos propios da investigación académica.


Nesta nova edición recóllense dez artigos que abordan problemas e fenómenos de ámbitos tan diversos como a ciencia forense, a meteoroloxía, o deporte, a ecoloxía mariña, a microbioloxía, o mercado laboral, a astronomía, a percepción humana ou a intelixencia artificial. Os traballos aplican conceptos como o teorema de Bayes, as cadeas de Markov, os modelos binomiais e normais ou as técnicas de estimación estatística para analizar situacións reais desde unha perspectiva matemática.

Como é habitual en todos os volumes da revista, o limiar está asinado por unha personalidade destacada da comunidade científica galega. Nesta ocasión, a autora convidada é Elena Vázquez Abal, catedrática da área de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, unha das matemáticas galegas de maior prestixio e recoñecemento no ámbito da investigación e da divulgación científica.

Os artigos incluídos neste sétimo volume son:


● Culpábel ou inocente? Estudo bayesiano da evidencia forense

● Valor preditivo das alertas de tormenta en Galiza. Bayes contra o lume

● Cando o VAR intervén. O teorema de Bayes na análise de decisións arbitrais

● O ciclo de nitróxeno en ecosistemas mariños galegos. Un modelo markoviano

● Evolución microbiana: aplicacións de Markov na aparición de superbacterias

● Fluxos no emprego: análise da dinámica laboral española mediante cadeas de Markov

● Do tránsito á confirmación: modelando deteccións de exoplanetas con binomial e normal

● A percepción humana da temperatura: estimación do erro medio na avaliación térmica

● Como nos engana a intelixencia artificial? Estimación da proporción de acertos na identificación de imaxes

● Velocidade de reacción ante estímulos visuais: estimación da media mediante intervalos de confianza


A presentación oficial da revista tivo lugar onte na Biblioteca do IES Marco do Camballón. O acto contou coa participación do alumnado autor dos traballos, profesorado do centro e da propia Elena Vázquez Abal, que compartirá co público asistente a súa visión sobre o papel das matemáticas e da investigación na sociedade actual.

Con esta iniciativa, o IES Marco do Camballón reafirma a súa aposta por unha educación baseada na investigación, no pensamento crítico e na divulgación científica, fomentando entre o alumnado o interese polas matemáticas e a súa aplicación aos retos do mundo contemporáneo.



jueves, 11 de junio de 2026

Descubrindo Lucca


 Hoxe tivemos a oportunidade de coñecer Lucca, unha fermosa cidade toscana chea de historia e encanto. A nosa primeira parada foi a catedral de San Martiño, o Duomo de Lucca, onde puidemos admirar o coñecido Labirinto de Teseo e a súa impresionante fachada, chea de detalles artísticos.



Continuamos a visita no Palazzo Mansi, un elegante palacio que alberga unha interesante pinacoteca e que nos permitiu achegarnos ao luxo e á arte doutras épocas.

Máis tarde, paseamos ata o Anfiteatro, unha das prazas máis singulares da cidade, construída sobre un antigo anfiteatro romano. O seu ambiente animado e a súa forma elíptica fixeron desta parada un dos momentos máis especiais do día.

Para rematar a xornada, regresamos ao hotel en Montecatini, onde puidemos relaxarnos e gozar da piscina. Un divertido xogo púxolle o broche final a un día intenso e inesquecible.



miércoles, 10 de junio de 2026

Florencia


 O terceiro día da excursión estivo marcado pola beleza e a intensidade artística de Florencia, unha cidade que respira historia en cada recuncho.










Comezamos a xornada visitando a famosa Galería Uffizi, un dos museos máis importantes do mundo. Alí puidemos contemplar obras mestras do Renacemento e, sen dúbida, un dos momentos máis especiais foi estar fronte ao icónico cadro O nacemento de Venus de Sandro Botticelli. 




A continuación, dirixímonos ao impresionante Palazzo Pitti, un antigo palacio renacentista que reflicte o poder e a riqueza das familias nobres da época. Os seus espazos e coleccións transportáronnos a outr
o tempo, permitindo comprender mellor a historia da cidade.




Pola tarde, gozamos dun paseo polas fermosas rúas de Florenza, descubrindo prazas, tendas e detalles arquitectónicos que fan desta cidade un lugar único. Cada paso era unha nova sorpresa, unha nova historia que descubrir.









O día rematou cun dos momentos máis impresionantes da viaxe: a visita á Catedral de Santa María del Fiore e á súa espectacular cúpula, obra de Filippo Brunelleschi. A Cúpula de Brunelleschi é unha marabilla da enxeñaría e un símbolo da cidade. Contemplar Florenza desde alí arriba foi, sen dúbida, unha experiencia inesquecible.








martes, 9 de junio de 2026

Segundo día en Bolonia: historia, arte e vida nas rúas


O segundo día da excursión en Bolonia estivo cheo de descubrimentos e momentos para lembrar. Comezamos a xornada cunha visita ao impresionante Palazzo Archiginnasio, un dos edificios máis emblemáticos da cidade e antiga sede da universidade. Alí puidemos mergullarnos na historia académica de Bolonia e admirar as súas paredes cheas de escudos e símbolos.




Un dos momentos máis especiais foi a entrada no Teatro Anatómico, un espazo fascinante onde antigamente se realizaban as leccións de anatomía. O alumnado quedou sorprendido pola riqueza dos detalles en madeira e pola importancia histórica deste lugar único.

Despois continuamos o percorrido ata a Praza de Neptuno, onde tivemos tempo para descansar, facer fotos e gozar do ambiente animado da cidade. 





Para rematar, deixámonos levar polo encanto das rúas de Bolonia cun paseo tranquilo, descubrindo recunchos con historia, soportais interminables e pequenas tendas cheas de vida. 





Sen dúbida, un día completo que nos permitiu coñecer mellor a riqueza cultural e histórica de Bolonia, ao tempo que seguimos creando recordos inesquecibles.






lunes, 8 de junio de 2026

Viaxe de fin de etapa: o alumnado de 2º BAC descobre Pisa

 


O alumnado de 2º de Bacharelato comeza unha viaxe moi especial: unha excursión que chega despois dun dos momentos máis importantes da súa etapa académica, a superación da PAU. Tras meses de esforzo, estudo e nervios, tocaba celebrar… e facelo xuntos.



O destino elixido foi Italia, concretamente a fermosa rexión da Toscana, un lugar cheo de historia, arte e paisaxes inesquecibles. E como non podía ser doutro xeito, o primeiro día levounos a unha das cidades máis emblemáticas: Pisa.

Alí puideron pasear pola impresionante Praza dos Milagres, onde se atopa a famosa Torre de Pisa, símbolo recoñecido en todo o mundo. 

Tamén tiveron ocasión de admirar a beleza da catedral e descubrir un pouco máis sobre a historia desta cidade italiana, combinando así lecer e aprendizaxe nun mesmo día.









miércoles, 22 de abril de 2026

Charla UVigo

 O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato participa nas charlas xerais da UVigo. 

Recibiron información sobre os graos que se estudan nesta universidade, cuestións relativas á vida universitaria, becas e programas de mobilidade. 

Graza pola visita Noa! Sen dúbida as túas achegas serán de gran utilidade para a toma de decisións e de cara a estar mellor preparados para o futuro próximo. 




jueves, 9 de abril de 2026

O club de lectura en Varilongo

O alumnado do club de lectura, dende 1º de ESO a 2º Bacharelato, viviu onte unha experiencia moi especial cunha saída a Santa Comba, onde tiveron a oportunidade de achegarse a un dos escenarios literarios que marcaron as súas lecturas deste curso: as minas de Varilongo, espazo no que se desenvolve a novela A casa da mina, de María Carmen Caramés Gorgal.

Esta visita permitiu conectar a literatura coa realidade, transformando as páxinas do libro nunha vivencia directa e significativa. Durante a xornada, o noso alumnado estivo acompañado polo alumnado do IES Terra de Xallas, compartindo así unha experiencia enriquecedora de convivencia e aprendizaxe.

Un dos momentos máis valiosos da visita foi, sen dúbida, o encontro con dúas mulleres que coñecen de primeira man a historia da mina: dona María Mourelle e dona María López. Ambas lembraron como, sendo moi novas, participaron nos duros traballos mineiros, ofrecendo ao alumnado un testemuño vivo cheo de memoria, emoción e verdade.


Da súa man, percorremos un tramo das antigas minas de Varilongo, descubrindo non só o espazo físico, senón tamén as historias humanas que nel quedaron gravadas. As súas palabras axudaron a comprender mellor a dureza das condicións laborais, así como a importancia social e económica que a mina tivo na zona.

Tras esta intensa visita, o grupo desprazouse ata O Ézaro, onde compartiron o xantar nun ambiente distendido e de convivencia. Alí tamén houbo tempo para a creatividade e a tradición oral, cunha divertida sesión de regueifa guiada por Jéssica Nantón, que puxo o broche lúdico a unha xornada xa de por si inesquecible.

Cómpre salientar, ademais, o vínculo histórico que une Santa Comba e Vila de Cruces, xa que ambos territorios comparten a explotación das minas de wolframio nunha época especialmente dura, como foi a Guerra Civil e a posguerra. Este contexto engadiu aínda máis significado á visita, permitindo ao alumnado comprender mellor o pano de fondo histórico da obra lida.

E esta experiencia non remata aquí: convidámosvos a que o vindeiro 4 de maio nos acompañedes a percorrer Santiago de Fontao, un lugar cheo de historia e memoria. Un pobo pequeno na súa orixe, pero que chegou a acoller a milleiros de persoas que viñeron traballar nas minas e que garda, aínda hoxe,
moitos recordos por descubrir e compartir.

Sen dúbida, unha experiencia completa que uniu literatura, historia, memoria e convivencia, e que o alumnado levará consigo moito máis alá das aulas.



jueves, 12 de marzo de 2026

O alumnado leva a aula á radio

No noso centro o alumnado continúa demostrando que aprender pode ser tamén creativo, dinámico e moi motivador. Nas últimas semanas, os rapaces e rapazas están a traballar contidos de diversas materias a través da radio escolar, elaborando programas e podcast sobre temas moi variados relacionados co que estudan na aula.

Esta experiencia permítelles investigar, seleccionar información relevante e transformala nun formato atractivo para quen escoita. Deste xeito, os contidos de diferentes áreas convértense en programas interesantes nos que o alumnado explica, debate e comparte o aprendido.

Ademais, a radio convértese nun espazo perfecto para desenvolver habilidades moi importantes: a capacidade de traballar en equipo, organizar tarefas, respectar as opinións dos compañeiros e expresarse con claridade diante dun micrófono. Cada programa é o resultado dun proceso colaborativo no que todos e todas achegan algo: desde a preparación do guión ata a gravación final.

Os podcast que están a crear demostran non só o que saben, senón tamén a súa creatividade, responsabilidade e entusiasmo por comunicar. Sen dúbida, a radio escolar está a converterse nunha ferramenta educativa moi valiosa, na que aprender e comunicar van da man.

miércoles, 21 de enero de 2026

Investigando parque Naturais de España

 O alumnado de 2º de Bacharelato realizou unha actividade de investigación sobre varios Parques Nacionais de España, co obxectivo de coñecer mellor a súa riqueza natural, a súa biodiversidade e a importancia da súa conservación. Organizados en grupos, cada equipo buscou información sobre un espazo protexido diferente: o Parque Nacional de Timanfaya, a Serra Nevada, as Táboas de Daimiel, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, Aigüestortes i Estany de Sant Maurici, os Picos de Europa e o Arquipélago de Cabrera.
Durante o traballo, o alumnado investigou aspectos como a localización xeográfica, a paisaxe, o clima, a flora e a fauna características de cada parque, así como as principais ameazas ambientais ás que se enfrontan. Tamén reflexionaron sobre a importancia de protexer estes espazos naturais e sobre o papel que desempeñan na loita contra o cambio climático e na conservación da biodiversidade.
Finalmente, cada grupo compartiu coa clase a información recompilada mediante pequenas exposicións orais, acompañadas de imaxes e datos relevantes. A actividade permitiu ao alumnado ampliar os seus coñecementos sobre o patrimonio natural español, desenvolver habilidades de busca e selección de información e tomar conciencia da necesidade de coidar e respectar os espazos naturais.




viernes, 19 de diciembre de 2025

Visita a Cobideza, dona Cobiña

 

O alumnado de 2º de Bacharelato, da materia Empresa e deseño de modelos negocio, visitou a queixería Doña Cobiña que pertenece á cooperativa Cobideza.




María Manteiga, antigua alumna do centro, mostroulles o proceso de fabricación dos productos e o funcionamiento da empresa.