Mostrando entradas con la etiqueta A casa da mina. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A casa da mina. Mostrar todas las entradas

jueves, 9 de abril de 2026

O club de lectura en Varilongo

O alumnado do club de lectura, dende 1º de ESO a 2º Bacharelato, viviu onte unha experiencia moi especial cunha saída a Santa Comba, onde tiveron a oportunidade de achegarse a un dos escenarios literarios que marcaron as súas lecturas deste curso: as minas de Varilongo, espazo no que se desenvolve a novela A casa da mina, de María Carmen Caramés Gorgal.

Esta visita permitiu conectar a literatura coa realidade, transformando as páxinas do libro nunha vivencia directa e significativa. Durante a xornada, o noso alumnado estivo acompañado polo alumnado do IES Terra de Xallas, compartindo así unha experiencia enriquecedora de convivencia e aprendizaxe.

Un dos momentos máis valiosos da visita foi, sen dúbida, o encontro con dúas mulleres que coñecen de primeira man a historia da mina: dona María Mourelle e dona María López. Ambas lembraron como, sendo moi novas, participaron nos duros traballos mineiros, ofrecendo ao alumnado un testemuño vivo cheo de memoria, emoción e verdade.


Da súa man, percorremos un tramo das antigas minas de Varilongo, descubrindo non só o espazo físico, senón tamén as historias humanas que nel quedaron gravadas. As súas palabras axudaron a comprender mellor a dureza das condicións laborais, así como a importancia social e económica que a mina tivo na zona.

Tras esta intensa visita, o grupo desprazouse ata O Ézaro, onde compartiron o xantar nun ambiente distendido e de convivencia. Alí tamén houbo tempo para a creatividade e a tradición oral, cunha divertida sesión de regueifa guiada por Jéssica Nantón, que puxo o broche lúdico a unha xornada xa de por si inesquecible.

Cómpre salientar, ademais, o vínculo histórico que une Santa Comba e Vila de Cruces, xa que ambos territorios comparten a explotación das minas de wolframio nunha época especialmente dura, como foi a Guerra Civil e a posguerra. Este contexto engadiu aínda máis significado á visita, permitindo ao alumnado comprender mellor o pano de fondo histórico da obra lida.

E esta experiencia non remata aquí: convidámosvos a que o vindeiro 4 de maio nos acompañedes a percorrer Santiago de Fontao, un lugar cheo de historia e memoria. Un pobo pequeno na súa orixe, pero que chegou a acoller a milleiros de persoas que viñeron traballar nas minas e que garda, aínda hoxe,
moitos recordos por descubrir e compartir.

Sen dúbida, unha experiencia completa que uniu literatura, historia, memoria e convivencia, e que o alumnado levará consigo moito máis alá das aulas.



miércoles, 26 de noviembre de 2025

Entrevista a Maica Gorgal

 

O alumnado de 2º de Bacharelato gravou na radio unha entrevista coa autora que próximamente difundiremos.

Esta actividade está relacionada co proxecto Donas de si, centrado no estudo do papel das mulleres nas minas de Fontao.
Moitas grazas pola túa visita, Maica, foi un pracer escoitarte! Quédanos pendente esa viaxe a Santa Comba para coñecer a Casa da mina de Varilongo!




A casa da mina de Maica Gorgal



Hoxe visitounos Maica Gorgal @maicagorgal autora do libro A casa da mina. 










O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato asistiu a unha charla sobre o proceso de creación do libro, as personaxes e os vínculos personais da autora coa historia. Tamén falaron sobre a situación da muller na época na que está ambientado o libro e do seu papel nas minas de wolframio.