O alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato converteuse en pequenos investigadores e investigadoras para achegarse á vida e ao traballo de grandes científicos e científicas que, co seu talento, esforzo, curiosidade e perseveranza, contribuíron a transformar o mundo.
A través deste traballo de investigación, tiveron a oportunidade de coñecer as súas biografías, descubrir os seus principais achados e afondar nas achegas que realizaron á ciencia e á sociedade. Detrás de cada descubrimento hai unha historia de preguntas, desafíos, erros, aprendizaxes e moita ilusión por comprender mellor o mundo que nos rodea.
Esta actividade permitiulles non só ampliar os seus coñecementos científicos, senón tamén valorar a importancia da investigación, recoñecer o papel das persoas que fixeron avanzar a ciencia e reflexionar sobre como os seus descubrimentos seguen presentes nas nosas vidas.
Porque a ciencia tamén ten rostro, historia e nomes propios. E quen sabe se, entre estas pequenas investigacións, non estará a semente das grandes científicas e científicos do mañá!
Xoves 29 de outubro, nove menos cindo da mañá, o autobús agarda polos derradeiros un ou dous rezagados do alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato, para dirixirmos á capital galega co obxectivo de ver a peli española do momento.
Estamos chegando ó centro de Santiago, tralas pertinentes indicacións da profesora organizadora da actividade, baixamos preto do casco histórico, e poucos pasos despois mediante unha galería alcanzamos a sala onde vai ter lugar o evento. Unha pequena introdución das humildes características da empresa e da obra, realizada amablemente polo persoal do lugar, precede ó visionado do filme.
Un producto de ficción froito dun traballo moi riguroso de documentación e de arte, aínda que con persoas reais e acontecementos históricos que se entremezclan, xunto cunha excelente fotografía e banda sonora estremecedora, envolve ó espectador en torno a tres liñas argumentais cun, canto menos notable común denominador, quen sabe se máis. Esa información queda relegada a futuros espectadores e espectadoras, por aquelo de non facer spoiler.
Unha produción na que se reflexa drama, literatura, historia, incluso con algún pequeno toque humorístico, e que representou e segue representando o cine español alén das nosas fronteiras, sendo canto menos, didáctica e moi digna de ver.
É preciso destacar ó impecable comportamento do alumnado na actividade extraescolar, tanto durante o visionado do filme como antes e despois. Así dá gusto levalos a estas actividades.
Coa mirada posta na próxima celebración do Mes da Ciencia, o alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato púxose na pel de pequenos investigadores e investigadoras para descubrir a vida e o traballo de grandes científicos e científicas, así como as súas achegas á sociedade.
E a actualidade púxonolo aínda máis doado! A coincidencia da actividade coa entrega dos premios Nobel de 2026 espertou a curiosidade do alumnado e animou algúns estudantes a investigar sobre estes prestixiosos galardóns, incluíndo entre os seus traballos un dos premios concedidos nesta edición.
Comeza a andadura radiofónica de alumnado do centro que se fará nos recreos. Os voluntarios e voluntarias pertencentes ós grupos de 4ºda ESO, 1º de Bacharelato e do ciclo de APSD realizarán podcast sobre temática variada co obxectivo de amenizar os nosos ratos de lecer.
Comezarán a emitir a partir de mañá venres nos recreos.
Estes podcasts poderán ser escoitados na coñecida plataforma dixital IVOX inaugurando así as primeiras andaduras nas ondas do alumnado e esperemos que non sexan as derradeiras.
Sobre qué temas nos ilustrarán os nosos queridos pupilos?
Estade atentos as ondas do IES Marco do Camballón e descubrirédelo!
A II edición do Certame de Curtas Documentais Carlos Asorey, organizado pola Fundación Paco Lareo-A Solaina, foi toda unha sorpresa e unha experiencia moi enriquecedora.
Foi un pracer formar parte do xurado e achegarnos a tres propostas documentais: Penagache,
de Marcos Seijo; Casarocos, de Alicia López; e A senda da Deshabitaxe, de Candela Conde.
A xornada de hoxe contou tamén cun emotivo saúdo de Alfonso Pato, director do Festival de Cans, que puxo un toque especial a este encontro arredor do cinema e da cultura galega.
Unha experiencia para lembrar, compartir e seguir celebrando o talento e as historias que nacen da nosa terra.
Grazas á Fundación Paco Lareo-A Solaina por facelo posible!
Durante o mes de maio o alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato participou nunha andaina a Toiriz enmarcada no Proxecto Ríos. Guiados por Alberto, chegamos á area recreativa, donde os nosos rapaces e rapazas estudaron a fauna, a flora e calidade da auga. Durante a xornada leváronse a cabo análises en situ, por exemplo, do pH e da concentración de sulfatos e nitratos. Estas análisis completáronse con outras no laboratorio do centro, nas
que se determinaron, entre outros, os cloruros. En fin, foi unha xornada de disfrute na que, ademais de fomentar a actividade física e o coidado do medio ambiente, se puxeron en funciamento capacidades científicas como a observación, a experimentación e extracción de conclusións.
A economía está presente no noso día a día, aínda que ás veces non sexamos plenamente conscientes diso. Detrás de cada decisión, de cada prezo, de cada elección de consumo, hai conceptos e dinámicas que explican como funciona o mundo que nos rodea.
Con esta idea nace o podcast de Economía elaborado polo alumnado de 1º de Bacharelato: un espazo de reflexión, aprendizaxe e comunicación no que os estudantes se converten en protagonistas, investigando, analizando e explicando temas económicos de actualidade dun xeito claro e próximo.
Esta semana tivemos unha actividade moi especial no centro. Catro alumnas de 1º de Bacharelato de distintas especialidades: Alba, Sarai, Cintia e Helena,visitaron as aulas de 4º da ESO para compartir a súa experiencia neste primeiro curso.
Durante o encontro, explicaron como lles resultou o paso ao Bacharelato, que materias optativas escolleron e en que consiste cada unha delas. Tamén falaron con sinceridade sobre as dificultades iniciais, a adaptación ao novo ritmo de traballo e a importancia de levar as materias ao día.
Un dos aspectos máis valiosos da charla foi escoitar como elas mesmas recoñecían que, cando estaban en 4º da ESO, tampouco tiñan totalmente claro que camiño elixir. Porén, coincidiron en que, a día de hoxe, están satisfeitas coa decisión tomada.
Para rematar, animaron ao alumnado a esforzarse dende o principio e a afrontar o Bacharelato con responsabilidade e ilusión.
Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que axudou a resolver dúbidas e a achegar o Bacharelato ao alumnado de 4º da ESO.
As alumnas de Literatura Universal gravaron na radio tres esceas de Casa de muñecas de Henrik Ibsen, unha obra na que a súa protagonista, Nora, se rebela contra o papel tradicional imposto á muller e remat a abandonando á súa familia para atoparse a si mesma. A radio foi un magnífico descubrimento , un espazo espléndido para a lectura dramatizada.
O alumnado de 1° de Bacharelato traballou durante todo o curso na elaboración dun "DICIONARIO DE SOCIOLINGÜÍSTICA"" persoal no que se recollen máis de 50 conceptos técnicos que explican as relacións entre as linguas e as sociedades nas que se empregan e, neste caso, aplicados ao galego.
Hoxe o IES Marco do Camballón contou coa visita do astrofísico Eduardo Ojero Pascual, que impartiu unha interesante charla ao alumnado de 1º da ESO e 1º de Bacharelato. Durante a sesión, explicou diferentes aspectos do Sistema Solar e achegou curiosidades sobre os seus corpos celestes. Tamén dedicou unha parte da intervención ao eclipse solar que terá lugar o vindeiro 12 de agosto, explicando as súas características e a mellor maneira de observalo con seguridade. O alumnado participou con interese e puido resolver dúbidas sobre este fenómeno astronómico. A actividade resultou moi enriquecedora e contribuíu a espertar o interese pola ciencia e a astronomía.
Desde o IES Marco do Camballón queremos agradecerlle a Eduardo a súa disposición e colaboración, así como a súa capacidade para achegar o coñecemento científico ao noso alumnado dunha forma amena e motivadora.
A nosa saída a Asturias e Cantabria chega ao seu fin deixando unha chea de experiencias inesquecibles. Un dos momentos máis impactantes foi, sen dúbida, a subida no único telesférico dos Picos, que nos elevou máis de 200 metros ata situarnos preto dos 2.000 metros de altitude. A medida que ascendían, o silencio e a inmensidade da paisaxe ían conquistando a todos e todas.
Xa no alto, dende o Miradoiro do Balcón, tiveron a oportunidade de comprender mellor este impresionante entorno natural. Alí, o alumnado participou nunha explicación completa na que se abordaron aspectos clave como a formación xeolóxica dos Picos, as características do seu clima, a súa rica historia, a diversidade biolóxica e mesmo trazos da etnografía da zona.
Ademais, realizaron un paseo polas altas cimas de Cantabria, onde puideron observar a pegada dos antigos glaciares, minas abandonadas e un espectacular ambiente de alta montaña. A experiencia fíxose aínda máis especial ao ter a sorte de ver voar sobre as súas cabezas aves como os voitres e os alimouches, completando así unha xornada única en contacto directo coa natureza.
Foi unha experiencia que combinou aprendizaxe e emoción, natureza e convivencia, e que, sen dúbida, permanecerá na memoria de todos e todas como unha das vivencias máis enriquecedoras do curso.
Hoxe o alumnado viviu unha xornada moi especial visitando o Parque da Natureza de Cabárceno, un espazo único situado nun antigo enclave mineiro que sorprende pola súa beleza e dimensión.
Ao longo do día, puideron observar de preto unha gran variedade de animais salvaxes que viven en réxime de semiliberdade, aprendendo sobre os seus hábitats, costumes e a importancia da súa conservación. Leóns, elefantes, xirafas ou osos foron algúns dos protagonistas desta experiencia tan enriquecedora.
Un dos momentos máis emocionantes da visita foi, sen dúbida, a demostración de voo de aves rapaces, onde o alumnado quedou abraiado coa destreza e elegancia destas aves en pleno voo.
Sen dúbida, foi unha saída didáctica chea de aprendizaxes, emocións e convivencia que quedará na memoria de todos e todas.
No segundo día da excursión, o entusiasmo xa se notaba dende primeira hora da mañá. Coa brétema levantándose pouco a pouco e o son da auga acompañándonos, o alumnado preparouse para unha das experiencias máis esperadas: o descenso en canoa polo río Sella.
Entre risas, algún que outro salpico inesperado e moito compañeirismo, foron avanzando ao ritmo da corrente, descubrindo a beleza da natureza e aprendendo tamén a coordinarse e axudarse uns aos outros.
A aventura da mañá deixou paso a unha tarde máis tranquila, pero non menos especial. Visitamos Covadonga, un lugar cheo de historia, espiritualidade e significado. A impoñente basílica acolleunos co seu silencio solemne. Despois, achegámonos á coñecida Cova da Santina, onde moitos aproveitaron para facer unha pequena parada persoal, un intre de calma no medio da viaxe.
Para rematar o día, paseamos por Cangas de Onís, gozando do ambiente das súas rúas e da beleza da súa ponte romana, símbolo dunha terra rica en tradición e cultura. Foi o peche perfecto para unha xornada intensa, chea de emocións, aprendizaxes e momentos compartidos que, sen dúbida, quedarán na memoria de todos e todas.
O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato participa nas charlas xerais da UVigo.
Recibiron información sobre os graos que se estudan nesta universidade, cuestións relativas á vida universitaria, becas e programas de mobilidade.
Graza pola visita Noa! Sen dúbida as túas achegas serán de gran utilidade para a toma de decisións e de cara a estar mellor preparados para o futuro próximo.
O alumnado de Relixión de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato comezou a súa excursión a Asturias e Cantabria, acompañado polos profesores Araceli e Samuel.
Durante catro días, vivirán unha experiencia de convivencia única, na que compartirán tempo, fortalecerán vínculos e estarán en contacto directo coa natureza, traballando o respecto, a solidariedade e a cooperación.
Neste primeiro día, a aventura xa comezou con forza nun parque de actividades, onde o alumnado puido poñer a proba a súa destreza, superar retos e, sobre todo, aprender a confiar nos demais e en si mesmos. Foi unha xornada chea de emocións, risas e compañeirismo.
E mañá… que novas experiencias lles agardarán? Seguro que será outro día cheo de descubrimentos, aprendizaxes e momentos inesquecibles que seguirán facendo desta viaxe unha vivencia moi especial.
O alumnado do club de lectura, dende 1º de ESO a 2º Bacharelato, viviu onte unha experiencia moi especial cunha saída a Santa Comba, onde tiveron a oportunidade de achegarse a un dos escenarios literarios que marcaron as súas lecturas deste curso: as minas de Varilongo, espazo no que se desenvolve a novela A casa da mina, de María Carmen Caramés Gorgal.
Esta visita permitiu conectar a literatura coa realidade, transformando as páxinas do libro nunha vivencia directa e significativa. Durante a xornada, o noso alumnado estivo acompañado polo alumnado do IES Terra de Xallas, compartindo así unha experiencia enriquecedora de convivencia e aprendizaxe.
Un dos momentos máis valiosos da visita foi, sen dúbida, o encontro con dúas mulleres que coñecen de primeira man a historia da mina: dona María Mourelle e dona María López. Ambas lembraron como, sendo moi novas, participaron nos duros traballos mineiros, ofrecendo ao alumnado un testemuño vivo cheo de memoria, emoción e verdade.
Da súa man, percorremos un tramo das antigas minas de Varilongo, descubrindo non só o espazo físico, senón tamén as historias humanas que nel quedaron gravadas. As súas palabras axudaron a comprender mellor a dureza das condicións laborais, así como a importancia social e económica que a mina tivo na zona.
Tras esta intensa visita, o grupo desprazouse ata O Ézaro, onde compartiron o xantar nun ambiente distendido e de convivencia. Alí tamén houbo tempo para a creatividade e a tradición oral, cunha divertida sesión de regueifa guiada por Jéssica Nantón, que puxo o broche lúdico a unha xornada xa de por si inesquecible.
Cómpre salientar, ademais, o vínculo histórico que une Santa Comba e Vila de Cruces, xa que ambos territorios comparten a explotación das minas de wolframio nunha época especialmente dura, como foi a Guerra Civil e a posguerra. Este contexto engadiu aínda máis significado á visita, permitindo ao alumnado comprender mellor o pano de fondo histórico da obra lida.
E esta experiencia non remata aquí: convidámosvos a que o vindeiro 4 de maio nos acompañedes a percorrer Santiago de Fontao, un lugar cheo de historia e memoria. Un pobo pequeno na súa orixe, pero que chegou a acoller a milleiros de persoas que viñeron traballar nas minas e que garda, aínda hoxe, moitos recordos por descubrir e compartir.
Sen dúbida, unha experiencia completa que uniu literatura, historia, memoria e convivencia, e que o alumnado levará consigo moito máis alá das aulas.
Participamos no programa "A ponte entre o ensino medio e a USC" coa visita de J.M Blanco, que informa ao alumnado de 1º de Bacharelato sobre a Universidade de Santiago e as PAU.
No día do crebacabezas, atopamos ao alumnado traballando sen descanso para rematar este cadro de 1000 pezas.... conseguiramos antes de que remate o curso? Xa vos teremos informadas e informados?