viernes, 30 de enero de 2026

Que a dor allea non nos sexa indiferente: Día da Paz no Camballón

 Hoxe conmemoramos o Día da Paz no noso centro, unha xornada para parar, reflexionar e mirar de fronte unha realidade que este curso estamos a traballar especialmente: a guerra e os conflitos no mundo.

Como di esta fermosa versión da canción “Solo le pido a Dios”, a guerra é un “monstro grande e pisa forte toda a pobre inocencia da xente”. Unha mensaxe clara que nos convida a non ser indiferentes ante a dor, a inxustiza e o sufrimento de tantas persoas inocentes.

Con este espírito, elaboraron un mural sobre as guerras e conflitos actuais, co obxectivo de concienciar a toda a comunidade educativa sobre a situación do mundo e a importancia de construír a paz desde o respecto e a solidariedade.

Ao redor deste tema xiron tamén as actividades das titorías, pensadas para conmemorar o Día da Paz e
fomentar a reflexión, o diálogo e o pensamento crítico no alumnado.

Sen dúbida, o ser humano non pode mirar cara outro lado: a violencia e a violación dos dereitos humanos nunca poden estar por riba do respecto, do diálogo e da vía diplomática.

Agardamos, con este traballo, espertar conciencias e contribuír a desenvolver un espírito crítico e comprometido no noso alumnado, porque a paz constrúese cada día, tamén desde a escola.


Porque a paz non é só a ausencia de guerra, senón a presenza da xustiza, do respecto e da empatía. Desde a escola queremos lembrar que cada pequeno
xesto conta e que educar para a paz é educar para a vida. Que a dor allea non nos sexa indiferente e que nunca deixemos de crer que un mundo máis xusto e en paz é posible.

No hay comentarios:

Publicar un comentario