miércoles, 16 de marzo de 2022

O poeta que baila. Florencio Delgado Gurriarán

"O poeta que baila" tivo hoxe un día moi emocionante. A principios do curso enviamos un poema de Florencio Delgado Gurriarán a Xabier Díaz, un poema con adufes e ferreñas, e explicámoslle este proxecto e, para a nosa sorpresa, aquel email converteuse nunha aventura para construír un tema musical en grupo. Hoxe máis de 20 alumnas e alumnos e profes do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, xuntámonos con Xabier e comezamos a facer música. Realmente, parece que Florencio compuxo a principios do século XX este poema con adufes para Xabier Diaz, The Tamborine Man, o século XXI. Hoxe vivimos unha xornada de traballo que non esqueceremos nunca. E seguimos traballando!


Grazas, Xabier! 
 


Pandeirada

Nenas, vinde á pandeirada,
que sinto, no peito, o adufe
do meu desexo, rapazas.
Os ollares churrusqueiros
son mans a bater no adufe
que anda a soar no meu peito.
Nenas, vinde á pandeirada,
a pór acordes co adufe
ás ferreñas das risadas.
Estoupe, que estoupe, que estoupe o pandeiro;
nas bocas floridas que estoupen os beixos;
estoupen os risos e os salaios ledos;
estoupe o xustillo, gaiola dos peitos!
Ledicia da pandeirada:
arcos-peitos, branco-adufe,
frechas-tentacións o rachan.
Eléctrico de desexos
vai estoupar meu adufe
co bater dos vosos beizos.
Ledicia da pandeirada:
acordes co meu adufe
vosas ferreñas, rapazas.
Tanxe, que tanxe, nena rebuldeira,
coas mans que buligan coma bolboretas.
Tanxe, que tanxe, tamén eu tanxera
a bicos, o adufe da boca vermella!

No hay comentarios:

Publicar un comentario