jueves, 11 de mayo de 2023

A batalla de Ponte Ledesma, transmisión oral, a lingua e a poesía

Un documentario sobre a pegada da Batalla de Ponte Ledesma na lingua e na tradición oral.

A Batalla de Ponte Ledesma, que enfrentou as tropas de Napoleón e o exército popular galego da Xunta de TrasDeza en 1809, protagoniza o documental que realizou o alumnado de Oralidade e Regueifa de 3º da ESO do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. 

O documentario céntrase nas pegadas daquel acontecemento histórico na tradición oral que, douscentos anos despois, perviven na cultura da comarca do Ulla. 

O documentario ábrese co testemuño oral do avó dun alumno do Camballón que relata que o avó do seu avó, de nome Rodrigo, loitou na batalla de Ponte Ledesma, explicando detalles que se transmitiron de xeración en xeración na súa familia desde 1809. 

No audiovisual preséntase a batalla como posíbel orixe do entroido da Ulla, que se expresa nunha batalla dialéctica en verso entre xenerais. Estes versos foron noutros tempos improvisados nos coñecidos atranques, onde as armas son as coplas rimadas e a violencia se converteu en humor. 

Así, varios alumnos e alumnas da comarca falan da súa experiencia como xenerais do entroido do Ulla con orgullo e emoción. Tamén é importante no documentario a entrevista ao seu bisavó dun alumno da materia de “Regueifa e improvisación en verso”, onde coñecemos alguén que, ademais de memorizar as coplas na súa xuventude, tamén as improvisaba, no entroido de Merza.

No documentario fálase tamén dos traxes dos xenerais do Ulla, moi similares aos da Grand Armée, o exército de Napoleón Bonaparte, comparando os uniformes. Tamén ten unha atención especial na reportaxe a presenza de pavos reais na comarca, con cuxas plumas se elabora a decoración dos bicornes dos xenerais do Ulla, convertendo posibelmente esta comarca nunha das zonas de Europa onde que máis pavos reais se crían.

Os xenerais franceses Jean-Dieu Soult e Michel Ney dirixiron as tropas napoleónicas no século XIX e no documental recóllese a investigación que se realizou desde o Camballón –e através das redes sociais- para localizar cans que hoxe en día, máis de douscentos anos despois, foron bautizados como Sul e Nei. Esta pescuda activou o alumnado da comarca do Ulla através dos centros de ensino das Cruces, Silleda, a Bandeira, a Estrada, Boqueixón, Vedra, Touro, Milladoiro, Teo e o coléxio Lamas de Abade de Compostela. O resultado foi a recollida en vídeo e fotografía de varios cans que levan eses nomes.


O historiador e arqueólogo Víctor García Piñeiro, exalumno do Camballón, fecha o documentario a falar da pegada da batalla na toponimia local. García está a investigar na microtoponimia da zona do enfrontamento e fala de varios nomes de lugar relacionados co episodio bélico. 

Desde o Clube da Lingua” do IES Marco do Camballón afirman que “o documentario é o resultado dun traballo colectivo no que participou alumnado e profesorado de varios centros de ensino da comarca, de forma colaborativa e con xenerosidade, e que serve como exemplo de que investigar na historia axúdanos a coñecer mellor o noso presente”. Tamén sinalan que “a oralidade é unha construción social do pobo e neste documentario  coñecemos como através da nosa lingua se manifestan expresión culturais valiosas desde diferentes perspectivas: na poesía popular do entroido, na transmisión de relatosorais, nos nomes propios dos cans, na toponimia.”

Ademais, sinalan, “relacionar as orixes do entroido dos xenerais da Ulla coa actualidade é unha motivación para valorar unha cultura que se mantén viva grazas á colaboración e participación das novas xeracións pois nestes centros de ensino hai alumnado implicado na celebración dos xenerais do Ulla.”


No hay comentarios:

Publicar un comentario