Mostrando entradas con la etiqueta Son das Cruces. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Son das Cruces. Mostrar todas las entradas

viernes, 19 de junio de 2026

Patrimonio e paisaxe en Santiago de Fontao

 O alumnado de 4º da ESO -Lucía, Olalla, Lucía, Xiana - participante no Proxecto Son das Cruces realizou  unha enriquecedora saída a Santiago de Fontao, culminando así o traballo desenvolvido ao longo de todo o curso.

Nesta ocasión, foron as propias alumnas e alumnos quen se converteron en guías, encargándose de dirixir a ruta dende o Cruceiro de Aguiar ata o antigo poboado mineiro. Ao longo do percorrido, compartiron cos seus compañeiros e profesorado todo o coñecemento adquirido, ofrecendo explicacións moi completas e interesantes.

Durante a visita, achegáronnos á toponimia da parroquia e á súa historia mineira, un dos elementos máis significativos da zona. Tamén falaron das distintas escolas que existiron, da desaparecida capela de San Antonio e da igrexa parroquial xacobea, así como da igrexa do poboado mineiro.

A ruta continuou por fermosas carballeiras que forman parte da paisaxe natural do lugar. Ademais, tiveron ocasión de coñecer espazos tan singulares como as antigas cárceres, o cuartel da Garda Civil, a casa dos enxeñeiros, antigo camiño romano, baños medicinais, pasando e a casa dos xefes da mina.

Un dos puntos máis curiosos foi a visita a un dos antigos cines da zona, hoxe reconvertido en auditorio, que serviu tamén para descubrir como era a vida social da época.


Foi unha mañá moi completa, chea de información, aprendizaxe e descubrimentos, na que tamén puideron ver fotografías antigas que lles permitiron comprender mellor a evolución do lugar ao longo do tempo.

Sen dúbida, unha experiencia moi valiosa que puxo en práctica todo o traballo realizado no proxecto e que contribuíu a reforzar o coñecemento e o orgullo polo patrimonio máis próximo.

Powered by Wikiloc

Descubrindo Santa María de Ollares co proxecto Son das Cruces

No marco do proxecto Son das Cruces, o alumnado de 4º da ESO realizou unha fermosa ruta pola parroquia de Santa María de Ollares, unha oportunidade única para coñecer de primeira man a riqueza natural, histórica e cultural da nosa contorna máis próxima.


A andaina comezou na Igrexa, situada na Cima da Vila, un lugar cargado de simbolismo dende o que se inicia o percorrido. Alí fixemos unha primeira parada para beber na fonte que leva o nome do lugar, recuperando así un pequeno xesto da tradición local. Dende este punto, puxemos rumbo cara á Costa, pasando pola fonte de Ollares, onde antigamente se situaba a escola da parroquia á que acudían nenos e nenas doutros tempos.

O camiño levounos a atravesar varias carballeiras, espazos de gran valor ambiental e paisaxístico, ata chegar a un fermoso merendeiro e á Aula da Natureza, situada á beira do encoro. Foi un momento ideal para descansar, compartir e gozar da contorna.

A continuación, emprendemos o regreso pola Chousa Vella, bordeando o encoro e pasando por novas carballeiras con árbores senlleiras que deixaron pegada no grupo pola súa beleza e singularidade. O percorrido levounos de volta á aldea, completando así unha ruta circular chea de descubrimentos.

A actividade rematou no lugar de Casas Novas, onde visitamos a capela de San Gregorio, pechando a xornada cun último achegamento ao patrimonio da parroquia.

Esta ruta pode consultarse en Wikiloc grazas ao traballo de Xiana, David, Almudena e Lucía, a quen queremos agradecer a súa colaboración.

Unha experiencia enriquecedora que nos permitiu coñecer mellor o noso territorio, valoralo e sentirnos parte del.




Powered by Wikiloc

jueves, 18 de junio de 2026

Descubrindo San Xoán de Toiriz: unha ruta con historia


O alumnado de 4º da ESO Fabián, Elena e Xoel participou recentemente nunha saída didáctica dentro do proxecto Son das Cruces, unha experiencia que nos permitiu coñecer de primeira man o patrimonio histórico e cultural da nosa contorna.

A ruta comezou no lugar da Cima da Aldea, dende onde iniciamos o percorrido por unha fermosa corredoira que nos levou ata Foxacos. Durante o traxecto, o alumnado puido observar elementos propios da paisaxe tradicional galega, así como reflexionar sobre a importancia de conservar estes espazos.

A continuación, desprazámonos ata Madrosende, onde visitamos a antiga escola de nenas. Neste mesmo lugar achegámonos á Igrexa de San Xoán, un templo de grande interese histórico, construído no século XII e que sufriu diversas reformas no século XVIII. Trátase dunha igrexa de unha soa nave cun ábside, na que destaca o altar, presidido por unha cruz datada no ano 1932. Tamén chamaron a atención as súas campás: a máis grande, de 1881, e a pequena, de 1880. Aqui atopamos un castiñeiro senlleiro.

O percorrido continuou pasando polo cruceiro da Senra en dirección a Fafias. Neste lugar atopamos un interesante elemento arquitectónico: a parte superior do portal dunha casa de pedra, coñecida como dintel ou cargadoiro, datada en 1771. Fafias foi tamén un punto importante na vida social da zona, xa que alí


se celebraba a feira das mazarocas. Ademais, antigamente acollía a escola dos nenos e conserva outro cruceiro que forma parte do patrimonio local.

Seguimos a ruta pasando pola fonte do lugar ata chegar á área recreativa, onde puidemos observar unha antiga inscrición, hoxe xa ilexible, que esperta a curiosidade sobre o pasado deste espazo.

Na aldea inda quedan moitos hórreos, construccións onde se gardaba o millo.

Finalmente, regresamos ao punto de partida, pechando así unha xornada enriquecedora na que o alumnado non só coñeceu mellor a súa contorna, senón que tamén valorou a importancia de preservar o noso patrimonio cultural e histórico.



Powered by Wikiloc

miércoles, 15 de abril de 2026

Santiago de Fontao: lugar de baños e volframio

 O alumnado de 4º da ESO da materia de Relixión levou a cabo unha enriquecedora ruta dentro do proxecto Son das Cruces pola parroquia de Santiago de Fontao, unha experiencia que nos permitiu descubrir o patrimonio, a historia e a paisaxe deste lugar tan singular.


A nosa andaina comezou no cruceiro de Aguiar, punto de partida desde o que Olalla, Lucía C., Lucía S. e Manuela nos ofreceron unha explicación sobre as fermosas vistas do río, onde se conservan algúns dos muíños da parroquia e desde onde tamén se pode contemplar o mosteiro de Carboeiro. Situám



onos ademais no antigo Camiño Real que conducía a Compostela, cargado de historia e simbolismo.

Comezamos o ascenso e axiña nos atopamos coa carballeira de San Antonio, espazo que lembra a existencia dunha antiga ermida. Continuamos o percorrido polo lugar da Brea, desde onde puidemos observar parte das antigas explotacións mineiras e o lugar dos Baños, onde hoxe se sitúa o Balneario Baños da Brea.

Xa no Quinteiro de Abaixo, chamaron a nosa atención os interesantes dinteles ou cargadoiros das vivendas, así como unha casa grande con capela. No Quinteiro de Arriba localizamos unha das escolas da parroquia, que non era a única, xa que tamén existían as do poboado e outra máis situada nun punto máis elevado.


Dirixímonos logo ao lugar de Fontao, onde se atopa a igrexa xacobea de estilo románico. A pesar das reformas, conserva elementos de gran valor, como nove canecillos con figuras animais e vexetais na cornixa do ábside. Tamén destaca un tímpano románico reutilizado na porta norte, unha peza granítica semicircular ricamente decorada. Neste lugar tamén coñecemos a casa de Belisario, pertencente a unha das familias máis destacadas da época.

Comezamos o descenso atravesando parte da antiga explotación mineira, observando as edificacións abandonadas que antigamente acollían panaderías, tabernas e carnicerías, situadas xunto ás casas dos enxeñeiros e dos xefes da mina. No percorrido pasamos tamén polo cárcere, o botiquín, o cuartel da Garda Civil e a que foi a última taberna en funcionamento ata hai apenas unha década.

Xa de camiño ao poboado, puidemos ver o edificio do Guguru, que ao longo do tempo desempeñou funcións de prisión, vivenda dos responsables da mina e oficina. No poboado, hoxe remodelado, atopamos algúns carballos senlleiros e lembramos espazos como a antiga tenda de bicicletas, a fábrica de gaseosas e o actual campo da festa, visible ao lonxe.

A visita continuou polo cine, hoxe convertido nun auditorio con capacidade para 300 persoas, polo Museo do Volframio —antiga igrexa do poboado— e polas escolas e a casa do mestre. Este poboado, que na época do volframio chegou a ser unha auténtica vila, acollía unha intensa actividade económica e social, con numerosos oficios e profesionais: parteiras, pescadeiros, carniceiros, tecedeiras, xastres, taberneiros, muiñeiros…

Sen dúbida, esta ruta foi unha oportunidade única para coñecer de preto a historia, o patrimonio e a memoria colectiva da parroquia de Fontao, ao tempo que o alumnado se converteu en protagonista activo da aprendizaxe.

Powered by Wikiloc

jueves, 5 de febrero de 2026

Investigando sobre o entroido


Ao longo das últimas semanas, o alumnado estivo na procura e recompilación de imaxes vencelladas ao patrimonio cultural do Entroido do Concello de Vila de Cruces, poñendo en valor unha das tradicións máis singulares e identitarias da nosa contorna.

Este traballo enmárcase no Proxecto Son das Cruces, unha iniciativa que o alumnado de 4º de ESO vén desenvolvendo dende o mes de setembro, coa intención de investigar, conservar e difundir a memoria cultural e sonora do municipio. Aínda que o grupo motor do proxecto é este nivel educativo, trátase dun labor colaborativo, no que participa todo o centro educativo a través da realización de entrevistas, da achega de testemuños e

da recollida de fotografías antigas e actuais.

Grazas a este proceso colectivo, o alumnado non só aprende a investigar e documentar o patrimonio inmaterial, senón que tamén se converte en protagonista activo da súa conservación e transmisión ás xeracións futuras. O Entroido de Vila de Cruces soa, vive e continúa grazas a este traballo compartido.

Unha das cuestións que xurdiron durante o traballo de investigación foi saber de que parroquia eran os xenerais que viñan ás Cruces hai arredor de 50 anos. As hipóteses que se manexan inclúen parroquias do propio concello como Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares ou Salgueiros, mais polo de agora non se puido confirmar con certeza a súa procedencia.

Grazas ás imaxes recompiladas e aos testemuños orais, sabemos que en parroquias como Duxame, onde o Entroido deixou de celebrarse nos anos 70, ou Camanzo, cuxas celebracións tiveron lugar nos anos 50, non se conservan fotografías, pero si a memoria dos maiores. Estes lembran que eran entroidos moi animados, con grande participación e moita afluencia de xente.

Cada parroquia contaba cun día propio para celebrar o Entroido, o que convertía estas datas nun auténtico percorrido festivo polo concello:


Merza: domingo de Corredor

Bascuas: xoves de Entroido

Camanzo: venres de Entroido

Piloño: domingo de Entroido

Brandariz (Brandomés): luns de Entroido

Salgueiros e As Cruces: martes de Entroido

Aínda quedan pendentes de confirmar os días correspondentes a Duxame e Ollares, o que amosa que este proxecto segue aberto á colaboración da veciñanza e á recuperación da memoria colectiva.



Esperamos seguir contando con esta colaboración, que nos axuda a escribir a historia dun concello e das súas parroquias, mantendo viva a memoria colectiva do Entroido do Concello de Vila de Cruces.

lunes, 19 de enero de 2026

Que non morra a tradición do Alto de Xenerais

 No Proxecto Somos das Cruces, que se desenvolve na materia de Relixión co alumnado de 4º de ESO, levamos xa catro cursos traballando na recuperación e posta en valor da memoria e da identidade do noso concello. Ao longo deste tempo fomos descubrindo tradicións, vivencias e recordos que forman parte do que somos.


Este ano, coincidindo co entroido, tocou volver ás entrevistas realizadas en cursos anteriores para coñecer como se vivía esta festa nas Cruces. Así soubemos que antigamente, o martes de carnaval, había un desfile que remataba no cine, onde despois se entregaban premios. Co paso do tempo quixeron innovar, fai 50 anos aproximadamente, e, grazas á iniciativa dalgúns mozos, chamaron aos xenerais das parroquias do concello que realizaban o tradicional Alto de Xenerais: Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares e Salgueiros.

Co paso dos anos, esta tradición foise perdendo en case todas as parroquias agás  en Merza. Outras parroquias como Salgueiros retomou en 2007 pero parou ca pandemia e Piloño recupérao este, tras varios anos de parón.




Este curso tamén se cumpre unha data moi especial: fai 10 anos que comezamos a traballar esta tradición do entroido da nosa comarca xunto co CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira. Aquí apredemos como se facía escola, Xosé levaba moitos anos traballando co alumnado.  Ao ano seguinte o proxecto estendeuse a: CEIP de Merza (hoxe xa pechado), CEIP de Piloño e CEIP Nosa Señora da Piedade. Co tempo o colexio de Bandeira deixou de participar e instituto xunto cos outros colexios do concello crearon unha rede de centros unidos pola memoria do entroido, o que nós chamamos Encontro de Entroido intercentros.






Despois de todo o investigado, este ano xurdiu unha nova reflexión: quizais as Cruces tamén precisan ter uns xenerais propios, nacidos aquí, que se atrevan a desfilar, a dar as vivas e a manter viva unha tradición que tamén forma parte da súa historia. Quizais este sexa o seguinte paso…

Vivan as xeneralas e xenerais de Vila de Cruces!!

viernes, 20 de junio de 2025

Son das Cruces. Ruta San Pedro de Losón




O alumnado de 4º remata coas rutas do proxecto Son das Cruces cunha Ruta pola parroquia de San Pedro de Losón dirixida por Abraham, Vicky, Gabriel e Wilson, que tiveron axuda de Belén e Nancy. Comezaron no lugar da Fervenza coa visita a Igrexa de San Pedro onde a parte dos restos do románico desta igrexa, temos que destacar o retablo de 1859, un cadro das ánimas, é un crucifico que aínda que pareza extraño, brota. Despois foron a Fonte da Picha, viron o muíño de Bernardo (de propiedade privada e que cobraba por moer), despois ao muiño de Benedicto. Despois foron a Fonte da lavandeira 1921, pasaron pola taberna de Isolina. No lugar de Lamela do medio había un Pazo que tiña un secadoiro de tabaco e unha eira de mallar  e tamén este lugar hai unha fonte que leva o nome Lamela do medio, que non se puido ver pola maleza que había. Dirixíronse cara a Fonte de Lara a carón da cal vive Jesús Suárez, unha persoa que fai verdadeiras obras de arte con calquer tipo de material e en distintos materiais, de feito fixo varias donacións a igrexa como un San Isidro feito en madeiras e unha Virxe da Guía con material de refugallo. 

Non podía rematar a ruta sen ir ao lugar de Penagudín pra ver a casa dos Villanueva, agora propiedade doutra familia, cunha lenda ben curiosa da Virxe do Corpiño. Dende esta case non só se vía a capela senon que está cerca o monte onde se apareceu esta Virxe a uns pastores. 




Powered by Wikiloc

miércoles, 18 de junio de 2025

Son das Cruces. Ruta Oirós

Outro lugar interesante para visitar é Oirós, unha parroquia do Concello. Bruno, Alba, Matteo e Tiziana partiron da Necrópole megalítica de Oirós coñecida como Brañas do Camballón, na parte máis elevada da
parroquia e  foron baixando pasando polos Carballos da Cerca, Pedroso (lugar onde antigamente había unha casa grande), Cascacheda, Pazos, (onde hai unha pequena plazuela cun cruceiro doado por unha familia no 1993), Pazos onde visitaron a Fonte Picha de Orza. Proseguiron o camiño hacía o campo da festa onde hai un cruceiro e debaixo está a Fonte da Penela. 

Dirixíronse cara a Souto para ir a Igrexa de Santa María que está no lugar de Oirós, alí don Manuel
ensinounos o interior da Igrexa que ten unha parte Románica de planta de Cruz Latina pero que tivo varias modificación e finalmente voltamos para as Brañas do Camballón onde visitamos algunhas deles que están descoidadas. 

Powered by Wikiloc

martes, 17 de junio de 2025

Son das Cruces. Ruta Larazo

 Shaila, Cintia, Helena e Sarai foron as encargadas de mostrarnos San Xoán de Larazo. Partiron do lugar


de Contiña e o primeiro que atoparon foi o lavadoiro do lugar. Despois viron o muiño de Portabalde, no que está en funcionamento. Seguimos hacia as escolas de Larazo, unha delas estaba destinada as rapazas (nel fanse varias actividades para as reunións veciñais) e a outra aos rapaces (hoxe local social) e foron beber a fonte de Cedelle. Voltaron para visitar a capela do Sagrado Corazón a carón da que está a casa reitoral da parroquia. 

Se se queren ver unhas boas vista do pantano tedes que ir lugar de Larazo e xa queda cerca a igrexa parroquial de San Xoán de Lazaro, onde descubrimos pegadas do pintor insuense Lorenzo, como ven recolle nunha inscripción do altar. Pero esta igrexa ten detalles moi peculiares na sacristía decorada cunha cenefas,  unha pía  e unha ventana que da ao altar. 

Avanzando hacia o campo da festa, atoparon a casa do maestro, unha casa importante onde naceron doce fillos e cada un tiña un caseiro. A carón desta casa está o cruceiro, antes estaba un pouco máis para diante, pero que se cambiou por mor da carretera. Cada ano, a procesión de Corpus vai ata este cruceiro e despois voltar a igrexa.  Xa no campo da festa, podedes ver un monolito co himno de Feliciano Cajide, más conocido por Contiña, músico de Larazo, pero tamén dirixiu varias bandas da comarca, como A Baíña e Muimenta, e foi compositor e letrista.

Powered by Wikiloc

jueves, 12 de junio de 2025

Son das Cruces. Ruta Santo Tomé de Insua


E onte da man de alumnado de 4º de ESO, Antía, Xairo, Fran e Xoán tocou descubrir a parroquia de Santo Tomé de Insua. Nesta ruta estiveron acompañados polo señor Manolo e a súa filla Cristina Partiron do lugar de Dorvisou onde estiveron na escola, construida grazas a algúns dos veciños do lugar incluido un pintor emigrado, que tamén decorou o seu interior con diversas pinturas realizadas por el. Este lugar tamén está a Capela da Virxe das Dores que uns veciños de Cumeiro construiron como ben di na entrada, aquí celebrábase a festa na honra desta Virxe en Maio. Seguindo a ruta pasamos pola que fora a casa do pintor, casa importante con hórreo e próxima a ela descubriron unha das horreas que hai na parroquia.

Este lugar conta con varios muiños como o de Cubelos, o de Lareos, o do Couto que contaba con lavadoiro onde ían as mulleres do lugar lavar. Todos eles estaban repartidos por días entre a veciñanza e os arranxos corrían ao seu cargo.  Despois pasaron polo Muiño de Xordedo, tamén coñecido como o da Cangalla, xa que unha gran enchenta levou o muiño e a cangalleira quedou colgada dunha árbore, nel moían os veciños de Xordedo. Despois fomos hacia Castro, ver o campo da festa de San Roque, que se facía o 14 de setembro e que ten unha fonte cuxa auga se di que cura diferentes males. Aqui tamén se pode ver un Carballo centenario. 

Nesta parroquia hai outra escola, na parte baixa esta a escola e na segunda planta era a vivenda da mestra que foi reformada no 2003 e que se adica a local social.

Continuaron  hacia o campo da festa construido fai trinta anos con gradas onde se facían o Santo Tomé o 19 e 20 de agosto, antigamente era o 21e 22 de decembro, despois foron hacia a Igrexa Parroquial onde viron a rectoral e un local das escolas católicas, pasamos o muiño do Castro, a ponte e dirixíamos hacia o muiño co


cura para despois ir hacia o Couto, único lugar de toda a aldea que fai máis de 70 anos tiña luz grazas a que un veciño diseñou unha especie de turbina ou xenerador de luz que as noites abastecía a este lugar da parroquia. Cada noite os veciños turnábanse para botar a turbina a andar e finalmente voltaron a Dorvisou, de onde partiron. 



martes, 3 de junio de 2025

Son das Cruces. Ruta Salgueiros


Agora que o tempo o permite, o alumnado de 4º de ESO de Relixión remata as súas rutas dentro do Proxecto Somos das Cruces. Aquí podedes ver o recorrido marcado na parroquia de Salgueiros que son máis ou menos 8 kilómetros. A parte de poder observar unha paisaxe expectacular con moitísimos carballos centenarios, está unha antiga corredoira en O Penedo,  dinteis de portais de 1911-1915, a Igrexa de San Pedro e a Capela de Santa Cruz en Lareo, varias fontes coma a de Lareo, un lavadoiro e a casa da escola. 

Powered by Wikiloc

lunes, 2 de junio de 2025

Son das Cruces: Ruta Sabrexo

Co bo tempo, o alumnado de 4º ESO voltou as súas andainas polo noso concello, desta vez tocou ir a Sabrexo con Alberto, Álex, Sheila e Diego marcaron a súa ruta saíndo da Igrexa de Santa María e pasaron polo cruceiro que hai no camposanto,  posteriormente dirixíronse hacia o Rigueiro de Orza.  Ao longo do percorrido comprobaron que, en cada un dos lugares desta parroquia hai unha fonte, en Fontarcada, onde tamén destaca o díntel de 1909, Barral cuxa fonte foi inagurada en 1926 polo alcalde Jesús María Santaló. Continuaron polo lugar dos Castros, en Souto viron a Fonte de Remollapan. Non puidemos ir ver a fonte de San Miguel que está saíndo do núcleo de Sabrexo hacia Cortizada, outro dos lugares de Sabrexo que non visitaron debido a que queda a unha distancia bastante longa, esta fonte ten a auga máis sabrosa de todo Sabrexo e está auga sempre está moi fría.Tamén lle ensiñaron un alxibe, que era un depósito para almacenar auga e despois se recollía nun balde. Este lugar puideron ver varios dinteis. Continuaron o percorrido hacia Outeiro, pasaron por Orza, dende onde se pode ver a Escola, hoxe vivenda, e foron hacia o río para ver o Muíño do liño de Batán e pasando por un muíño particular.

Xa na última parte do percorrido foron hacia Sabrexo onde visitaron a fonte datada a súa inaguración en 1920.

Powered by Wikiloc

viernes, 31 de mayo de 2024

Ruta Santa Mariña de Bascuas.

  O  alumnado de 4º ESO estivo percorrendo a Parroquia de Bascuas. Partiron do lugar de Fondevila onde visitaron a primeira escola, a cal é unha das vivendas máis antigas da parroquia, como se pode ver no portal 1821. Pasaron pola fonte e lavadoiro do mesmo lugar datado de 1908 ambas edificacións a carón da Casa de turismo rural Casa dos Cregos. Visitamos   o campo da festa do Outeiriño que agora está en desuso por ter outro cunha mellor ubicación e mais extensión de terreo que tamén viron. Visitaron o torno de Barcala, unha construcción que empregaba a auga para que o carpinteiro puidera tornear a madeira sen tanto esforzo. 

No lugar Dosmestres viron o palomar da Rigueira, a fonte e lavadoiro antigo da aldea de Arriba, hoxe en desuso, e tamén fonte moderna que está situada no parque infantil desta parroquia.
Visitamos a igrexa, a mámoa, a moa de Oleiro xa a carón do río Deza. Onde tamén vimos a balsa, a pesqueira, o serradero e o muiño que pertenece da familia Soto, tamén coñecida coma os da Rigueira.
Rematamos no porto para despois dirixirmos ata o punto de partida, pasando pola casa de turismo rural e visitando o seu palomar.

viernes, 26 de abril de 2024

Piloño e a Extraña desaparición de Carolina Santomé

 O alumnado de 1º e 2º de ESO de Relixión percorreron hoxe Mourenzo (Piloño), o lugar onde nace e vive Carolina Santomé. Partimos da panadería de Juan, pasamos pola parada de bus, o campo da festa ou tamén chamado o 21, a casa dos avós Águeda e Ándrés (Pazo de Raíndo), a Igrexa de Santa María (onde se celebran as festas patronais de: Santa María, San Roque e a Virxe das Dores e onde casa Carolina). a escola de Don Eulogio e rematamos na fundación Paco Lareo (que fala do ferreiro Anselmo, pai de Carolina, que comparte oficio con Don Manuel Lareo, pai de Paco).






lunes, 5 de junio de 2023

Son das Cruces. Ruta Brandariz

O alumnado de 4º de ESO de Relixión elaboraron a ruta de Brandariz que parte de lugar de Vilar, pasando polo mosteiro de Brandoris, Pinlle e remata outra vez en Vilar. Fomos a moitos puntos de importancia para a historia da veciñanza desta parroquia pero  quedan moitos outros fora que serán tidos enconta. 


Aquí queda o código Qr por se queredes botarlle unha ollada. 







viernes, 26 de mayo de 2023

Son das Cruces. Merza

 O alumnado de Relixión dirixíuse hoxe a Merza para explicarnos o Roteiro que elaboraron este curso percorremos algo máis de 10 Kilómetros acompañados por varios veciños da parroquia que ademáis foron entrevistados polo alumnado. Saímos de Espil e dirixímonos cara a Costa do Carril, pasando por Outeiro, Ponte dos Cabalos, A Carixa, Reboredo, San Campio, a Bouza,  O Castelo, Sulago, a Moa e voltamos ao punto de saída.


Aquí podedes seguir a ruta se é do voso interese.




miércoles, 3 de mayo de 2023

Roteiro de Piloño

 Todo listo na Fundación Paco Lareo- A Solaina de Piloño, para o Roteiro literario de maña, da man da  María José Viz Blanco autora do libro La extraña desaparición de  Carolina Santomé . Esta actividade está incluída dentro do proxecto Son das Cruces que quere dar a coñecer o noso Concello, nesta ocasión a Parroquia de Santa María de Piloño.

 Agradecer a colaboración de: María José Viz, Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño, Carmen Lareo, Familia Viz Blanco, Familia Soto Parcero, Familia Varela Quintela, Asociación Social e Cultural Garatuzas de Piloño, Felipe Fernández Martín, Esther Viz, Suso Varela López, Begoña García Otero e Mari Rodríguez Arteaga deixarnos empregar fotos dos lugares por onde pasa o Roteiro.









lunes, 1 de mayo de 2023

Son das Cruces. Camanzo

 Hoxe pudemos percorrer a parroquia de Camanzo da man duns guías moi especiais de 4º de ESO percorrendo preto de 15 Kilómetros. Saímos da Farrapa e pasamos pola Pena, Capela das Mercedes, Monasterio de San Salvador de Camanzo, A Tilleira, Frieira, A Amosa, Souto, Cernadela e voltamos ao punto de saída.



jueves, 27 de abril de 2023

Roteiro por Piloño

O vindeiro 4 de Maio ás 11.30 imos poder disfrutar dun roteiro literario  da obra La extraña desaparición de Caroliña Santomé, da man da súa autora,  María José Viz Blanco.
 Son dous kilómetros escasos cargados de emocións. 
Ao final do roteiro poderemos ver na Fundación Paco Lareo imaxe inéditas dos lugares por onde pasamos.



 

jueves, 16 de marzo de 2023

Rosalia de Castro e a nosa Contorna

O alumnado de 4º de ESO de Relixión anda a percorrer varias parroquias do noso concello dentro do Proxecto Son das Cruces, onde pretenden coñecer un pouco máis a contorna na que viven. 
Andiveron retratando a natureza que os rodea cada día e elaboraron un pequeno herbario con fragmentos de Rosalía de Castro. Hai fotos doutros concellos limítrofes. Fantástico traballo!!