Mostrando entradas con la etiqueta Xenerais de Vila de Cruces. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xenerais de Vila de Cruces. Mostrar todas las entradas

viernes, 2 de octubre de 2026

Arranca a Escola de Xenerais do Ulla

 Comeza unha nova andaina para o noso alumnado de 3º e 4º de ESO! A Escola de Xenerais do Ulla abriu as súas portas coa presenza de representantes das


asociacións de entroido de Merza, Piloño e Salgueiros, así como de Noemí Lois, concelleira de Benestar Social, Deporte e Sanidade, que quixo acompañarnos.

Contamos tamén con Suso Leal, que compartiu connosco as primeiras nocións para iniciarnos nesta fermosa aventura e descubrir a riqueza dunha tradición que forma parte da nosa identidade.

E se hai algo que nos emocionou especialmente foi poder coñecer e poñer en valor o traxe de Xeneral da Asociación Vello dos Cornos, con máis de 70 anos de historia. Unha peza que garda nas súas costuras memoria, tradición e orgullo.



Agora comeza o camiño. Que soen as cornetas, que medre a ilusión e que a tradición siga viva nas novas xeracións!

 

 

 

 


 

martes, 29 de septiembre de 2026

A tradición volve á escola: os Xenerais do Ulla chegan ao noso centro

A tradición volve á escola: os Xenerais do Ulla chegan ao noso centro O Entroido da nosa terra ten voz, ten música, ten cor... e ten moita historia que contar.

Este venres 2 outubro, o noso centro volverá abrir as portas á tradición para

vivir unha xornada moi especial arredor dos Xenerais do Ulla e doutras figuras propias do Entroido da nosa contor
na.
 Nesta ocasión teremos a sorte de contar con Jesús Leal, creador de versos para o Entroido de Salgueiros, que nos achegará ao mundo das coplas, dos versos e desa maneira tan nosa de contar, con retranca e enxeño, o que acontece ao noso redor. Pero non estará só. Tamén nos acompañarán as Asociacións Culturais dos Vellos dos Cornos de Merza e Cornamentas de Piloño, que compartirán coa nosa comunidade educativa os seus coñecementos, as súas experiencias e o valor dunha tradición que forma parte da identidade da nosa contorna. As tradicións non viven nos libros: viven nas persoas. Esta actividade dá continuidade á Escola de Xenerais, que naceu o curso pasado no noso centro coa ilusión de achegar esta manifestación cultural á rapazada e, sobre todo, de contribuír a que non se perda e poida continuar pasando de xeración en xeración. Queremos que o noso alumnado descubra que detrás de cada verso, de cada personaxe, de cada traxe e de cada copla hai unha historia. A historia das nosas familias, das nosas aldeas, das nosas parroquias e da nosa xente. E agora tócalles a eles e a elas tomar o relevo.  
Quizais algún descubra que leva dentro un poeta. Quizais outro se anime a subir a un escenario.  Quizais alguén descubra por primeira vez unha tradición que sempre estivo aí, ao seu carón.  E quizais, entre todos, consigamos que os Xenerais sigan cabalgando moitos anos máis. Porque conservar unha tradición non significa simplemente mirar cara atrás. Significa coñecela, vivila e darlle futuro. Por iso queremos animar a toda a rapazada a participar, preguntar, escoitar, rir, aprender e deixarse sorprender.  O Entroido é festa, pero tamén é memoria, identidade e cultura. E este venres... o noso instituto énchese de tradición! 
 Que viva o Entroido! 
Que vivan os Xenerais do Ulla! 
E que nunca falten novas xeracións dispostas a manter viva a nosa tradición!

lunes, 9 de febrero de 2026

Vivas aos Xenerais: un Encontro de Entroido para lembrar

 O Encontro de Entroido foi, sen dúbida, un éxito rotundo. O alumnado non só gozou intensamente da xornada, senón que tamén deixou claro que o Entroido é unha tradición fondamente viva e sentida no noso concello. O que se viviu foi unha representación completa e chea de forza do noso Entroido, onde non faltou ningún dos seus elementos máis característicos.

O acto deu comezo co alto dos Xenerais, cargado de pillería, humor e cancións retranqueiras que arrincaron risas e aplausos do público. O centinela fixo o seu papel dando paso ao correo, ao que se lle preguntou que quería, para logo permitir o atranque, no que os Xenerais criticaron con ironía e intelixencia problemas políticos tanto de carácter nacional como internacional. Pero o Entroido tamén mira cara ao próximo, e esa función asumírona os Moros —personaxes disfrazados de vellada—, encargados de poñer o foco nas problemáticas da contorna máis cercana.

O alcalde tomou a palabra para contar os proxectos previstos para este ano, antes de pechar o acto co sermón do frade, que, fiel á tradición, aconsellou ás persoas oíntes sobre como deben actuar na súa vida diaria. 

Ao longo de todo o encontro non faltaron as regueifas nin as vivas dos Xenerais, enchendo o ambiente de entusiasmo, participación e identidade cultural compartida.

Este encontro demostrou, unha vez máis, que o Entroido segue moi presente nas novas xeracións. Para o ano que vén celebrarase unha nova edición, coa ilusión de seguir mantendo viva esta tradición. Grazas aos centros educativos por facer posible que isto continúe.

viernes, 23 de enero de 2026

Primicia do voluntariado da radio

 O alumnado voluntario da radio, estivo contando unha primicia, que irán facer para o entroido? Terá algo que ver cunha actividade que veu impartir membros do Entroido de Salgueiros?






lunes, 19 de enero de 2026

Que non morra a tradición do Alto de Xenerais

 No Proxecto Somos das Cruces, que se desenvolve na materia de Relixión co alumnado de 4º de ESO, levamos xa catro cursos traballando na recuperación e posta en valor da memoria e da identidade do noso concello. Ao longo deste tempo fomos descubrindo tradicións, vivencias e recordos que forman parte do que somos.


Este ano, coincidindo co entroido, tocou volver ás entrevistas realizadas en cursos anteriores para coñecer como se vivía esta festa nas Cruces. Así soubemos que antigamente, o martes de carnaval, había un desfile que remataba no cine, onde despois se entregaban premios. Co paso do tempo quixeron innovar, fai 50 anos aproximadamente, e, grazas á iniciativa dalgúns mozos, chamaron aos xenerais das parroquias do concello que realizaban o tradicional Alto de Xenerais: Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares e Salgueiros.

Co paso dos anos, esta tradición foise perdendo en case todas as parroquias agás  en Merza. Outras parroquias como Salgueiros retomou en 2007 pero parou ca pandemia e Piloño recupérao este, tras varios anos de parón.




Este curso tamén se cumpre unha data moi especial: fai 10 anos que comezamos a traballar esta tradición do entroido da nosa comarca xunto co CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira. Aquí apredemos como se facía escola, Xosé levaba moitos anos traballando co alumnado.  Ao ano seguinte o proxecto estendeuse a: CEIP de Merza (hoxe xa pechado), CEIP de Piloño e CEIP Nosa Señora da Piedade. Co tempo o colexio de Bandeira deixou de participar e instituto xunto cos outros colexios do concello crearon unha rede de centros unidos pola memoria do entroido, o que nós chamamos Encontro de Entroido intercentros.






Despois de todo o investigado, este ano xurdiu unha nova reflexión: quizais as Cruces tamén precisan ter uns xenerais propios, nacidos aquí, que se atrevan a desfilar, a dar as vivas e a manter viva unha tradición que tamén forma parte da súa historia. Quizais este sexa o seguinte paso…

Vivan as xeneralas e xenerais de Vila de Cruces!!

viernes, 16 de enero de 2026

Coñecendo os persoaxes do noso entroido

 

 

 O alumnado de 4º de ESO participou nunha charla moi especial para coñecer algúns dos personaxes do entroido da man de Pepe, Ariana e Juan, membros
do Entroido de Salgueiros.



Durante a sesión presentáronnos todos os personaxes que forman parte do entroido, pero detivéronse especialmente no centinela, o correo e os xenerais, xa que serán estes os personaxes que o alumnado terá que representar proximamente. Puideron coñecer como actúa cada un deles, de que falan nos seus versos e cal é o seu papel dentro da mascarada.

 


A experiencia foi aínda máis completa cando algunhas alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de vestir a chaqueta de xeneral, escoitar as vivas e sentir en primeira persoa a forza dos versos recitados.


 

 Mostraron outros traxes que teñen na parroquia algún deles moi antigo feito dunha "colcha moruna" que as vendías persoas de fora polas aldeas. 



Agora si que xa podemos dar o pistoletazo de saída ao encontro intercentros do concello … así que arrancamos!! 🎭🔥

 










 

En breve teredes máis información do IX Encontro de Entrodo.