Este ano, coincidindo co entroido, tocou volver ás entrevistas realizadas en cursos anteriores para coñecer como se vivía esta festa nas Cruces. Así soubemos que antigamente, o martes de carnaval, había un desfile que remataba no cine, onde despois se entregaban premios. Co paso do tempo quixeron innovar, fai 50 anos aproximadamente, e, grazas á iniciativa dalgúns mozos, chamaron aos xenerais das parroquias do concello que realizaban o tradicional Alto de Xenerais: Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares e Salgueiros.
Co paso dos anos, esta tradición foise perdendo en case todas as parroquias agás en Merza. Outras parroquias como Salgueiros retomou en 2007 pero parou ca pandemia e Piloño recupérao este, tras varios anos de parón.
Este curso tamén se cumpre unha data moi especial: fai 10 anos que comezamos a traballar esta tradición do entroido da nosa comarca xunto co CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira. Aquí apredemos como se facía escola, Xosé levaba moitos anos traballando co alumnado. Ao ano seguinte o proxecto estendeuse a: CEIP de Merza (hoxe xa pechado), CEIP de Piloño e CEIP Nosa Señora da Piedade. Co tempo o colexio de Bandeira deixou de participar e instituto xunto cos outros colexios do concello crearon unha rede de centros unidos pola memoria do entroido, o que nós chamamos Encontro de Entroido intercentros.
Despois de todo o investigado, este ano xurdiu unha nova reflexión: quizais as Cruces tamén precisan ter uns xenerais propios, nacidos aquí, que se atrevan a desfilar, a dar as vivas e a manter viva unha tradición que tamén forma parte da súa historia. Quizais este sexa o seguinte paso…
Vivan as xeneralas e xenerais de Vila de Cruces!!


No hay comentarios:
Publicar un comentario