Mostrando entradas con la etiqueta Proxecto Son das Cruces. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Proxecto Son das Cruces. Mostrar todas las entradas

viernes, 19 de junio de 2026

Patrimonio e paisaxe en Santiago de Fontao

 O alumnado de 4º da ESO -Lucía, Olalla, Lucía, Xiana - participante no Proxecto Son das Cruces realizou  unha enriquecedora saída a Santiago de Fontao, culminando así o traballo desenvolvido ao longo de todo o curso.

Nesta ocasión, foron as propias alumnas e alumnos quen se converteron en guías, encargándose de dirixir a ruta dende o Cruceiro de Aguiar ata o antigo poboado mineiro. Ao longo do percorrido, compartiron cos seus compañeiros e profesorado todo o coñecemento adquirido, ofrecendo explicacións moi completas e interesantes.

Durante a visita, achegáronnos á toponimia da parroquia e á súa historia mineira, un dos elementos máis significativos da zona. Tamén falaron das distintas escolas que existiron, da desaparecida capela de San Antonio e da igrexa parroquial xacobea, así como da igrexa do poboado mineiro.

A ruta continuou por fermosas carballeiras que forman parte da paisaxe natural do lugar. Ademais, tiveron ocasión de coñecer espazos tan singulares como as antigas cárceres, o cuartel da Garda Civil, a casa dos enxeñeiros, antigo camiño romano, baños medicinais, pasando e a casa dos xefes da mina.

Un dos puntos máis curiosos foi a visita a un dos antigos cines da zona, hoxe reconvertido en auditorio, que serviu tamén para descubrir como era a vida social da época.


Foi unha mañá moi completa, chea de información, aprendizaxe e descubrimentos, na que tamén puideron ver fotografías antigas que lles permitiron comprender mellor a evolución do lugar ao longo do tempo.

Sen dúbida, unha experiencia moi valiosa que puxo en práctica todo o traballo realizado no proxecto e que contribuíu a reforzar o coñecemento e o orgullo polo patrimonio máis próximo.

Powered by Wikiloc

Descubrindo Santa María de Ollares co proxecto Son das Cruces

No marco do proxecto Son das Cruces, o alumnado de 4º da ESO realizou unha fermosa ruta pola parroquia de Santa María de Ollares, unha oportunidade única para coñecer de primeira man a riqueza natural, histórica e cultural da nosa contorna máis próxima.


A andaina comezou na Igrexa, situada na Cima da Vila, un lugar cargado de simbolismo dende o que se inicia o percorrido. Alí fixemos unha primeira parada para beber na fonte que leva o nome do lugar, recuperando así un pequeno xesto da tradición local. Dende este punto, puxemos rumbo cara á Costa, pasando pola fonte de Ollares, onde antigamente se situaba a escola da parroquia á que acudían nenos e nenas doutros tempos.

O camiño levounos a atravesar varias carballeiras, espazos de gran valor ambiental e paisaxístico, ata chegar a un fermoso merendeiro e á Aula da Natureza, situada á beira do encoro. Foi un momento ideal para descansar, compartir e gozar da contorna.

A continuación, emprendemos o regreso pola Chousa Vella, bordeando o encoro e pasando por novas carballeiras con árbores senlleiras que deixaron pegada no grupo pola súa beleza e singularidade. O percorrido levounos de volta á aldea, completando así unha ruta circular chea de descubrimentos.

A actividade rematou no lugar de Casas Novas, onde visitamos a capela de San Gregorio, pechando a xornada cun último achegamento ao patrimonio da parroquia.

Esta ruta pode consultarse en Wikiloc grazas ao traballo de Xiana, David, Almudena e Lucía, a quen queremos agradecer a súa colaboración.

Unha experiencia enriquecedora que nos permitiu coñecer mellor o noso territorio, valoralo e sentirnos parte del.




Powered by Wikiloc

jueves, 18 de junio de 2026

Descubrindo San Xoán de Toiriz: unha ruta con historia


O alumnado de 4º da ESO Fabián, Elena e Xoel participou recentemente nunha saída didáctica dentro do proxecto Son das Cruces, unha experiencia que nos permitiu coñecer de primeira man o patrimonio histórico e cultural da nosa contorna.

A ruta comezou no lugar da Cima da Aldea, dende onde iniciamos o percorrido por unha fermosa corredoira que nos levou ata Foxacos. Durante o traxecto, o alumnado puido observar elementos propios da paisaxe tradicional galega, así como reflexionar sobre a importancia de conservar estes espazos.

A continuación, desprazámonos ata Madrosende, onde visitamos a antiga escola de nenas. Neste mesmo lugar achegámonos á Igrexa de San Xoán, un templo de grande interese histórico, construído no século XII e que sufriu diversas reformas no século XVIII. Trátase dunha igrexa de unha soa nave cun ábside, na que destaca o altar, presidido por unha cruz datada no ano 1932. Tamén chamaron a atención as súas campás: a máis grande, de 1881, e a pequena, de 1880. Aqui atopamos un castiñeiro senlleiro.

O percorrido continuou pasando polo cruceiro da Senra en dirección a Fafias. Neste lugar atopamos un interesante elemento arquitectónico: a parte superior do portal dunha casa de pedra, coñecida como dintel ou cargadoiro, datada en 1771. Fafias foi tamén un punto importante na vida social da zona, xa que alí


se celebraba a feira das mazarocas. Ademais, antigamente acollía a escola dos nenos e conserva outro cruceiro que forma parte do patrimonio local.

Seguimos a ruta pasando pola fonte do lugar ata chegar á área recreativa, onde puidemos observar unha antiga inscrición, hoxe xa ilexible, que esperta a curiosidade sobre o pasado deste espazo.

Na aldea inda quedan moitos hórreos, construccións onde se gardaba o millo.

Finalmente, regresamos ao punto de partida, pechando así unha xornada enriquecedora na que o alumnado non só coñeceu mellor a súa contorna, senón que tamén valorou a importancia de preservar o noso patrimonio cultural e histórico.



Powered by Wikiloc

miércoles, 15 de abril de 2026

Santiago de Fontao: lugar de baños e volframio

 O alumnado de 4º da ESO da materia de Relixión levou a cabo unha enriquecedora ruta dentro do proxecto Son das Cruces pola parroquia de Santiago de Fontao, unha experiencia que nos permitiu descubrir o patrimonio, a historia e a paisaxe deste lugar tan singular.


A nosa andaina comezou no cruceiro de Aguiar, punto de partida desde o que Olalla, Lucía C., Lucía S. e Manuela nos ofreceron unha explicación sobre as fermosas vistas do río, onde se conservan algúns dos muíños da parroquia e desde onde tamén se pode contemplar o mosteiro de Carboeiro. Situám



onos ademais no antigo Camiño Real que conducía a Compostela, cargado de historia e simbolismo.

Comezamos o ascenso e axiña nos atopamos coa carballeira de San Antonio, espazo que lembra a existencia dunha antiga ermida. Continuamos o percorrido polo lugar da Brea, desde onde puidemos observar parte das antigas explotacións mineiras e o lugar dos Baños, onde hoxe se sitúa o Balneario Baños da Brea.

Xa no Quinteiro de Abaixo, chamaron a nosa atención os interesantes dinteles ou cargadoiros das vivendas, así como unha casa grande con capela. No Quinteiro de Arriba localizamos unha das escolas da parroquia, que non era a única, xa que tamén existían as do poboado e outra máis situada nun punto máis elevado.


Dirixímonos logo ao lugar de Fontao, onde se atopa a igrexa xacobea de estilo románico. A pesar das reformas, conserva elementos de gran valor, como nove canecillos con figuras animais e vexetais na cornixa do ábside. Tamén destaca un tímpano románico reutilizado na porta norte, unha peza granítica semicircular ricamente decorada. Neste lugar tamén coñecemos a casa de Belisario, pertencente a unha das familias máis destacadas da época.

Comezamos o descenso atravesando parte da antiga explotación mineira, observando as edificacións abandonadas que antigamente acollían panaderías, tabernas e carnicerías, situadas xunto ás casas dos enxeñeiros e dos xefes da mina. No percorrido pasamos tamén polo cárcere, o botiquín, o cuartel da Garda Civil e a que foi a última taberna en funcionamento ata hai apenas unha década.

Xa de camiño ao poboado, puidemos ver o edificio do Guguru, que ao longo do tempo desempeñou funcións de prisión, vivenda dos responsables da mina e oficina. No poboado, hoxe remodelado, atopamos algúns carballos senlleiros e lembramos espazos como a antiga tenda de bicicletas, a fábrica de gaseosas e o actual campo da festa, visible ao lonxe.

A visita continuou polo cine, hoxe convertido nun auditorio con capacidade para 300 persoas, polo Museo do Volframio —antiga igrexa do poboado— e polas escolas e a casa do mestre. Este poboado, que na época do volframio chegou a ser unha auténtica vila, acollía unha intensa actividade económica e social, con numerosos oficios e profesionais: parteiras, pescadeiros, carniceiros, tecedeiras, xastres, taberneiros, muiñeiros…

Sen dúbida, esta ruta foi unha oportunidade única para coñecer de preto a historia, o patrimonio e a memoria colectiva da parroquia de Fontao, ao tempo que o alumnado se converteu en protagonista activo da aprendizaxe.

Powered by Wikiloc

jueves, 5 de febrero de 2026

Investigando sobre o entroido


Ao longo das últimas semanas, o alumnado estivo na procura e recompilación de imaxes vencelladas ao patrimonio cultural do Entroido do Concello de Vila de Cruces, poñendo en valor unha das tradicións máis singulares e identitarias da nosa contorna.

Este traballo enmárcase no Proxecto Son das Cruces, unha iniciativa que o alumnado de 4º de ESO vén desenvolvendo dende o mes de setembro, coa intención de investigar, conservar e difundir a memoria cultural e sonora do municipio. Aínda que o grupo motor do proxecto é este nivel educativo, trátase dun labor colaborativo, no que participa todo o centro educativo a través da realización de entrevistas, da achega de testemuños e

da recollida de fotografías antigas e actuais.

Grazas a este proceso colectivo, o alumnado non só aprende a investigar e documentar o patrimonio inmaterial, senón que tamén se converte en protagonista activo da súa conservación e transmisión ás xeracións futuras. O Entroido de Vila de Cruces soa, vive e continúa grazas a este traballo compartido.

Unha das cuestións que xurdiron durante o traballo de investigación foi saber de que parroquia eran os xenerais que viñan ás Cruces hai arredor de 50 anos. As hipóteses que se manexan inclúen parroquias do propio concello como Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares ou Salgueiros, mais polo de agora non se puido confirmar con certeza a súa procedencia.

Grazas ás imaxes recompiladas e aos testemuños orais, sabemos que en parroquias como Duxame, onde o Entroido deixou de celebrarse nos anos 70, ou Camanzo, cuxas celebracións tiveron lugar nos anos 50, non se conservan fotografías, pero si a memoria dos maiores. Estes lembran que eran entroidos moi animados, con grande participación e moita afluencia de xente.

Cada parroquia contaba cun día propio para celebrar o Entroido, o que convertía estas datas nun auténtico percorrido festivo polo concello:


Merza: domingo de Corredor

Bascuas: xoves de Entroido

Camanzo: venres de Entroido

Piloño: domingo de Entroido

Brandariz (Brandomés): luns de Entroido

Salgueiros e As Cruces: martes de Entroido

Aínda quedan pendentes de confirmar os días correspondentes a Duxame e Ollares, o que amosa que este proxecto segue aberto á colaboración da veciñanza e á recuperación da memoria colectiva.



Esperamos seguir contando con esta colaboración, que nos axuda a escribir a historia dun concello e das súas parroquias, mantendo viva a memoria colectiva do Entroido do Concello de Vila de Cruces.

lunes, 19 de enero de 2026

Que non morra a tradición do Alto de Xenerais

 No Proxecto Somos das Cruces, que se desenvolve na materia de Relixión co alumnado de 4º de ESO, levamos xa catro cursos traballando na recuperación e posta en valor da memoria e da identidade do noso concello. Ao longo deste tempo fomos descubrindo tradicións, vivencias e recordos que forman parte do que somos.


Este ano, coincidindo co entroido, tocou volver ás entrevistas realizadas en cursos anteriores para coñecer como se vivía esta festa nas Cruces. Así soubemos que antigamente, o martes de carnaval, había un desfile que remataba no cine, onde despois se entregaban premios. Co paso do tempo quixeron innovar, fai 50 anos aproximadamente, e, grazas á iniciativa dalgúns mozos, chamaron aos xenerais das parroquias do concello que realizaban o tradicional Alto de Xenerais: Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares e Salgueiros.

Co paso dos anos, esta tradición foise perdendo en case todas as parroquias agás  en Merza. Outras parroquias como Salgueiros retomou en 2007 pero parou ca pandemia e Piloño recupérao este, tras varios anos de parón.




Este curso tamén se cumpre unha data moi especial: fai 10 anos que comezamos a traballar esta tradición do entroido da nosa comarca xunto co CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira. Aquí apredemos como se facía escola, Xosé levaba moitos anos traballando co alumnado.  Ao ano seguinte o proxecto estendeuse a: CEIP de Merza (hoxe xa pechado), CEIP de Piloño e CEIP Nosa Señora da Piedade. Co tempo o colexio de Bandeira deixou de participar e instituto xunto cos outros colexios do concello crearon unha rede de centros unidos pola memoria do entroido, o que nós chamamos Encontro de Entroido intercentros.






Despois de todo o investigado, este ano xurdiu unha nova reflexión: quizais as Cruces tamén precisan ter uns xenerais propios, nacidos aquí, que se atrevan a desfilar, a dar as vivas e a manter viva unha tradición que tamén forma parte da súa historia. Quizais este sexa o seguinte paso…

Vivan as xeneralas e xenerais de Vila de Cruces!!