Este traballo enmárcase no Proxecto Son das Cruces, unha iniciativa que o alumnado de 4º de ESO vén desenvolvendo dende o mes de setembro, coa intención de investigar, conservar e difundir a memoria cultural e sonora do municipio. Aínda que o grupo motor do proxecto é este nivel educativo, trátase dun labor colaborativo, no que participa todo o centro educativo a través da realización de entrevistas, da achega de testemuños e
da recollida de fotografías antigas e actuais.
Grazas a este proceso colectivo, o alumnado non só aprende a investigar e documentar o patrimonio inmaterial, senón que tamén se converte en protagonista activo da súa conservación e transmisión ás xeracións futuras. O Entroido de Vila de Cruces soa, vive e continúa grazas a este traballo compartido.
Unha das cuestións que xurdiron durante o traballo de investigación foi saber de que parroquia eran os xenerais que viñan ás Cruces hai arredor de 50 anos. As hipóteses que se manexan inclúen parroquias do propio concello como Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares ou Salgueiros, mais polo de agora non se puido confirmar con certeza a súa procedencia.Grazas ás imaxes recompiladas e aos testemuños orais, sabemos que en parroquias como Duxame, onde o Entroido deixou de celebrarse nos anos 70, ou Camanzo, cuxas celebracións tiveron lugar nos anos 50, non se conservan fotografías, pero si a memoria dos maiores. Estes lembran que eran entroidos moi animados, con grande participación e moita afluencia de xente.Cada parroquia contaba cun día propio para celebrar o Entroido, o que convertía estas datas nun auténtico percorrido festivo polo concello:
Merza: domingo de Corredor
Bascuas: xoves de Entroido
Camanzo: venres de Entroido
Piloño: domingo de Entroido
Brandariz (Brandomés): luns de Entroido
Salgueiros e As Cruces: martes de Entroido
Aínda quedan pendentes de confirmar os días correspondentes a Duxame e Ollares, o que amosa que este proxecto segue aberto á colaboración da veciñanza e á recuperación da memoria colectiva.





No hay comentarios:
Publicar un comentario