viernes, 19 de junio de 2026

Descubrindo Santa María de Ollares co proxecto Son das Cruces

No marco do proxecto Son das Cruces, o alumnado de 4º da ESO realizou unha fermosa ruta pola parroquia de Santa María de Ollares, unha oportunidade única para coñecer de primeira man a riqueza natural, histórica e cultural da nosa contorna máis próxima.


A andaina comezou na Igrexa, situada na Cima da Vila, un lugar cargado de simbolismo dende o que se inicia o percorrido. Alí fixemos unha primeira parada para beber na fonte que leva o nome do lugar, recuperando así un pequeno xesto da tradición local. Dende este punto, puxemos rumbo cara á Costa, pasando pola fonte de Ollares, onde antigamente se situaba a escola da parroquia á que acudían nenos e nenas doutros tempos.

O camiño levounos a atravesar varias carballeiras, espazos de gran valor ambiental e paisaxístico, ata chegar a un fermoso merendeiro e á Aula da Natureza, situada á beira do encoro. Foi un momento ideal para descansar, compartir e gozar da contorna.

A continuación, emprendemos o regreso pola Chousa Vella, bordeando o encoro e pasando por novas carballeiras con árbores senlleiras que deixaron pegada no grupo pola súa beleza e singularidade. O percorrido levounos de volta á aldea, completando así unha ruta circular chea de descubrimentos.

A actividade rematou no lugar de Casas Novas, onde visitamos a capela de San Gregorio, pechando a xornada cun último achegamento ao patrimonio da parroquia.

Esta ruta pode consultarse en Wikiloc grazas ao traballo de Xiana, David, Almudena e Lucía, a quen queremos agradecer a súa colaboración.

Unha experiencia enriquecedora que nos permitiu coñecer mellor o noso territorio, valoralo e sentirnos parte del.




Powered by Wikiloc

No hay comentarios:

Publicar un comentario