miércoles, 15 de abril de 2026

Santiago de Fontao: lugar de baños e volframio

 O alumnado de 4º da ESO da materia de Relixión levou a cabo unha enriquecedora ruta dentro do proxecto Son das Cruces pola parroquia de Santiago de Fontao, unha experiencia que nos permitiu descubrir o patrimonio, a historia e a paisaxe deste lugar tan singular.


A nosa andaina comezou no cruceiro de Aguiar, punto de partida desde o que Olalla, Lucía C., Lucía S. e Manuela nos ofreceron unha explicación sobre as fermosas vistas do río, onde se conservan algúns dos muíños da parroquia e desde onde tamén se pode contemplar o mosteiro de Carboeiro. Situám



onos ademais no antigo Camiño Real que conducía a Compostela, cargado de historia e simbolismo.

Comezamos o ascenso e axiña nos atopamos coa carballeira de San Antonio, espazo que lembra a existencia dunha antiga ermida. Continuamos o percorrido polo lugar da Brea, desde onde puidemos observar parte das antigas explotacións mineiras e o lugar dos Baños, onde hoxe se sitúa o Balneario Baños da Brea.

Xa no Quinteiro de Abaixo, chamaron a nosa atención os interesantes dinteles ou cargadoiros das vivendas, así como unha casa grande con capela. No Quinteiro de Arriba localizamos unha das escolas da parroquia, que non era a única, xa que tamén existían as do poboado e outra máis situada nun punto máis elevado.


Dirixímonos logo ao lugar de Fontao, onde se atopa a igrexa xacobea de estilo románico. A pesar das reformas, conserva elementos de gran valor, como nove canecillos con figuras animais e vexetais na cornixa do ábside. Tamén destaca un tímpano románico reutilizado na porta norte, unha peza granítica semicircular ricamente decorada. Neste lugar tamén coñecemos a casa de Belisario, pertencente a unha das familias máis destacadas da época.

Comezamos o descenso atravesando parte da antiga explotación mineira, observando as edificacións abandonadas que antigamente acollían panaderías, tabernas e carnicerías, situadas xunto ás casas dos enxeñeiros e dos xefes da mina. No percorrido pasamos tamén polo cárcere, o botiquín, o cuartel da Garda Civil e a que foi a última taberna en funcionamento ata hai apenas unha década.

Xa de camiño ao poboado, puidemos ver o edificio do Guguru, que ao longo do tempo desempeñou funcións de prisión, vivenda dos responsables da mina e oficina. No poboado, hoxe remodelado, atopamos algúns carballos senlleiros e lembramos espazos como a antiga tenda de bicicletas, a fábrica de gaseosas e o actual campo da festa, visible ao lonxe.

A visita continuou polo cine, hoxe convertido nun auditorio con capacidade para 300 persoas, polo Museo do Volframio —antiga igrexa do poboado— e polas escolas e a casa do mestre. Este poboado, que na época do volframio chegou a ser unha auténtica vila, acollía unha intensa actividade económica e social, con numerosos oficios e profesionais: parteiras, pescadeiros, carniceiros, tecedeiras, xastres, taberneiros, muiñeiros…

Sen dúbida, esta ruta foi unha oportunidade única para coñecer de preto a historia, o patrimonio e a memoria colectiva da parroquia de Fontao, ao tempo que o alumnado se converteu en protagonista activo da aprendizaxe.

Powered by Wikiloc

No hay comentarios:

Publicar un comentario