O acto deu comezo co alto dos Xenerais, cargado de pillería, humor e cancións retranqueiras que arrincaron risas e aplausos do público. O centinela fixo o seu papel dando paso ao correo, ao que se lle preguntou que quería, para logo permitir o atranque, no que os Xenerais criticaron con ironía e intelixencia problemas políticos tanto de carácter nacional como internacional. Pero o Entroido tamén mira cara ao próximo, e esa función asumírona os Moros —personaxes disfrazados de vellada—, encargados de poñer o foco nas problemáticas da contorna máis cercana.
O alcalde tomou a palabra para contar os proxectos previstos para este ano, antes de pechar o acto co sermón do frade, que, fiel á tradición, aconsellou ás persoas oíntes sobre como deben actuar na súa vida diaria.
Ao longo de todo o encontro non faltaron as regueifas nin as vivas dos Xenerais, enchendo o ambiente de entusiasmo, participación e identidade cultural compartida.
Este encontro demostrou, unha vez máis, que o Entroido segue moi presente nas novas xeracións. Para o ano que vén celebrarase unha nova edición, coa ilusión de seguir mantendo viva esta tradición. Grazas aos centros educativos por facer posible que isto continúe.

No hay comentarios:
Publicar un comentario