Mostrando entradas con la etiqueta IX Encontro de Entroido. Entroido intercentros. Entroido. Xenerais do Ulla. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta IX Encontro de Entroido. Entroido intercentros. Entroido. Xenerais do Ulla. Mostrar todas las entradas

lunes, 9 de febrero de 2026

Vivas aos Xenerais: un Encontro de Entroido para lembrar

 O Encontro de Entroido foi, sen dúbida, un éxito rotundo. O alumnado non só gozou intensamente da xornada, senón que tamén deixou claro que o Entroido é unha tradición fondamente viva e sentida no noso concello. O que se viviu foi unha representación completa e chea de forza do noso Entroido, onde non faltou ningún dos seus elementos máis característicos.

O acto deu comezo co alto dos Xenerais, cargado de pillería, humor e cancións retranqueiras que arrincaron risas e aplausos do público. O centinela fixo o seu papel dando paso ao correo, ao que se lle preguntou que quería, para logo permitir o atranque, no que os Xenerais criticaron con ironía e intelixencia problemas políticos tanto de carácter nacional como internacional. Pero o Entroido tamén mira cara ao próximo, e esa función asumírona os Moros —personaxes disfrazados de vellada—, encargados de poñer o foco nas problemáticas da contorna máis cercana.

O alcalde tomou a palabra para contar os proxectos previstos para este ano, antes de pechar o acto co sermón do frade, que, fiel á tradición, aconsellou ás persoas oíntes sobre como deben actuar na súa vida diaria. 

Ao longo de todo o encontro non faltaron as regueifas nin as vivas dos Xenerais, enchendo o ambiente de entusiasmo, participación e identidade cultural compartida.

Este encontro demostrou, unha vez máis, que o Entroido segue moi presente nas novas xeracións. Para o ano que vén celebrarase unha nova edición, coa ilusión de seguir mantendo viva esta tradición. Grazas aos centros educativos por facer posible que isto continúe.

viernes, 6 de febrero de 2026

IX Encontro de entroido

 


O podcast que acabamos de publicar é só un pequeno adianto de todo o que está por vir. Un aperitivo sonoro que nos abre a porta ao Encontro de Entroido, unha cita moi especial que reunirá á comunidade educativa de Vila de Cruces nun día cheo de creatividade, convivencia e celebración compartida.

Animámosvos a escoitalo e, sobre todo, a achegarvos ao Auditorio Xosé Casal a partir das 11 aproximadamente, onde terá lugar o encontro intercentros no que participarán o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, o CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e o IES Marco do Camballón. O que se escoita no podcast é só unha mostra do talento, da ilusión e do traballo colaborativo que se poderá vivir en directo.

Dádelle ao play, deixádevos contagiar polo ambiente… e preparádevos para gozar dun Entroido que promete ser inesquecible.

martes, 3 de febrero de 2026

O alumnado do IES Marco do Camballón mergúllase no Alto dos Xenerais de Salgueiros



O alumnado do IES Marco do Camballón está a vivir o Entroido desde dentro participando no Encontro Intercentros. Estes días atópanse ensaiando os personaxes máis representativos do Alto dos Xenerais de Salgueiros, unha das expresións máis singulares do noso Entroido tradicional.







Centinela, correo, xenerais, moros, frade e alcalde van collendo forma grazas ao traballo do alumnado, que conta ademais coa axuda e o acompañamento de membros do Carnaval de Salgueiros. Xuntos están a compartir saberes, tradición e moita ilusión para manter viva esta celebración tan nosa.


martes, 27 de enero de 2026

IX Encontro Intercentros de entroido

O vindeiro 6 de febreiro celebrarase no Auditorio Xosé Casal o IX Encontro Intercentros de Entroido do Concello de Vila de Cruces, unha xornada de convivencia que reunirá ao alumnado dos tres centros educativos do concello.                                                   Este encontro favorece que a historia e a tradición do Entroido continúen vivas nas novas xeracións, promovendo o coñecemento e o respecto polo patrimonio cultural propio de Vila de Cruces.   Se o tempo acompaña, a xornada completarase cun momento moi especial: o desfile dos Primeiros Xenerais das Cruces, que percorrerán a Rúa Vázquez, continuando pola Travesía Vázquez nº 5 ata chegar ao auditorio, onde se escoitarán os tradicionais vivas, enchendo as rúas de música, cor e tradición.                        A tradición dos Xenerais das Cruces cumpre este ano 50 anos de historia. A súa orixe remóntase a cando un grupo de mozos do pobo decidiu modificar e dar forma a unha celebración que hoxe é sinal de identidade do Entroido cruceño.                             Naqueles primeiros anos, chamaron aos xenerais dalgunhas das parroquías do concello —Bascuas, Camanzo, Duxame, Merza, Ollares ou Piloño— para participar nos actos. De cal delas foi exactamente o primeiro xeneral? Non o sabemos con certeza, pero esa incógnita tamén forma parte da riqueza dunha tradición transmitida de xeración en xeración, máis viva ca nunca.
Unha cita xa consolidada no calendario educativo e cultural do concello, que combina educación, convivencia e identidade local.


viernes, 16 de enero de 2026

Coñecendo os persoaxes do noso entroido

 

 

 O alumnado de 4º de ESO participou nunha charla moi especial para coñecer algúns dos personaxes do entroido da man de Pepe, Ariana e Juan, membros
do Entroido de Salgueiros.



Durante a sesión presentáronnos todos os personaxes que forman parte do entroido, pero detivéronse especialmente no centinela, o correo e os xenerais, xa que serán estes os personaxes que o alumnado terá que representar proximamente. Puideron coñecer como actúa cada un deles, de que falan nos seus versos e cal é o seu papel dentro da mascarada.

 


A experiencia foi aínda máis completa cando algunhas alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de vestir a chaqueta de xeneral, escoitar as vivas e sentir en primeira persoa a forza dos versos recitados.


 

 Mostraron outros traxes que teñen na parroquia algún deles moi antigo feito dunha "colcha moruna" que as vendías persoas de fora polas aldeas. 



Agora si que xa podemos dar o pistoletazo de saída ao encontro intercentros do concello … así que arrancamos!! 🎭🔥

 










 

En breve teredes máis información do IX Encontro de Entrodo.