viernes, 14 de noviembre de 2014

MERSH no Camballón





O vindeiro venres 21 de novembro teremos o pracer de recibir, no IES "Marco do Camballón", a 25 estudantes da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela pertencentes á asociación MEIGA / IFMSA (Medicina Intercambios Galicia / Federación Internacional de Estudantes de Medicina para a Cooperación Internacional).

Trátase dun grupo de alumnas e alumnos dos últimos cursos da carreira que compartirán toda a mañá do venres co noso alumnado de 3º e 4º de ESO, impartindo docencia e realizando talleres sobre Sexualidade e Saúde Reprodutiva e Primeiros Auxilios e Soporte Vital Básico.

Estamos a falar do proxecto MERSH (Hospital de Educación Médica, Sexualidade e Saúde Reprodutiva) que naceu en Santiago, en marzo do ano pasado, da man de Paula Rodríguez Molino, a coordinadora do grupo.
Esta actividade ten as súas orixes noutra, que realiza tamén a asociación MEIGA, dirixida a alumnado de educación infantil e primaria: o Hospital de Osiños de Peluche (TBH, Teddy Bear Hospital).


Mais, a diferenza do Teddy Bear Hospital, que é unha actividade realizada tamén noutros países, o Hospital de Educación Médica, Sexualidade e Saúde Reprodutiva é unha iniciativa de MEIGA sen parangón no mundo. E as perspectivas de futuro desta asociación en relación ao MERSH son ben ambiciosas: por unha parte, levar o seu proxecto ao máximo número de centros educativos e a todas as provincias da nosa comunidade (en Pontevedra estréanse co IES "Marco do Camballón") e, por outro lado, que o seu Hospital sirva de exemplo para que outras universidades, tanto no ámbito nacional como internacional, comecen a levar a cabo iniciativas semellantes.




Lembrade que a vindeira semana comeza unha nova fase do CambaNet.
 O Departamento de Educación Físca será o encargado de formular as seguintes catro cuestións, algunha delas relacionada coa temática da actividade MERSH.


No hay comentarios:

Publicar un comentario