domingo, 22 de febrero de 2015

Visita de Carlos Negro

"O cerebro como arma de combate" e "Antes arrinco os beizos que darchos de balde" foron os versos que escolleu o alumnado de 4º de ESO. O de 3º, pola súa banda, encargouse de difundir polo centro unha serie de frases da película 3MSC, ademais de colocar un encerado na biblio con outro comentario para que opinase quen quixese, escribindo nel a súa achega. 
E todo isto a que viña? Pois foi parte dos preparativos para a visita de Carlos Negro do 11 de febreiro, que nos viña falar do seu poemario Penúltimas tendencias, co que xa levabamos varias semanas traballando nas clases. Foi chic a visita? Ou mellor sería dicir fashion? Aínda que se cadra foi rabuda... O mellor será que lle preguntedes aos participantes, pero as fotos tamén vos poderán dar algunha pista. E non esquezades que na biblio hai varios exemplares de Penúltimas tendencias agardando por alguén que os desvista...


E tras o "desfile" ante o alumnado de 3º e 4º, a todo gas presentámoslle tamén a Carlos Negro ao de 2º de ESO, que se achegara á súa poesía a través de Makinaria, poemario co que boa parte da rapazada quedou bastante flipada, a pesar de afirmaren algúns que os poetas todos teñen algo raro, nótaselles... Así que para a maior parte deles e delas foi unha dobre primeira experiencia: ler un libro de poesía e coñecer un poeta en vivo. Escoitaron, riron, cantaron (moi ben, por certo), entristecéronse, falaron e ata comeron chocolate!!! Que misterio este dos poetas e a poesía... Grazas, Carlos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario