O alumnado de Camballón participou os días 12, 13 e 14 de abril nun encontro con alumnado vasco e catalán, dentro das actividades da Regueifesta.
Ademais, durante estes tres días, o alumnado celebrou unha Galeusca de improvisación oral entre adolescentes de Galicia, Euskadi e Cataluña, con diferentes actividades arredor da música, a sociolingüística e a poesía oral. Coa colaboración do profesorado e das familias, estes tres días continúan, un ano máis, os encontros anuais entre regueifeiras, bertsolaris e glosadores adolescentes. O ano pasado viaxamos ao País Vasco e o ano que vén visitaremos Cataluña. Nestas xornadas, ademais da canción improvisada, poñemos no centro das actividades as nosas tres linguas en proceso de normalización.
O pasado 14 de abril participamos na Gala Regueifesta-Enreguéifate, que reuniu a máis de mil escolares de toda Galicia nun espectáculo de improvisación oral no que o noso alumnado protagonizou diferentes momentos. Regueifamos nas probas de regueifa e formamos a banda do espectáculo. Máis de 30 centros docentes, do Courel a Trives, de Vigo a Vilalba, de Carballo a Burela, encheron un Auditorio que celebrou a gran festa escolar da Regueifa.
O Auditorio de Galicia converteuse nun avión das "Aerolinhas Galegas da Regueifa" e viamos con diferentes improvisadores por Europa, dende a Toscana ou Madeira ata Cuba. Lupe Blanco e Olalla Liñares pilotaron este avión que nos transportou ao mundo da improvisación oral con moita festa e creatividade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario