martes, 5 de marzo de 2024

Mulleres inspiradoras

 Nunha semana tan significativa como esta, na que se celebra o Día Internacional da Muller, desenvolvemos no centro unha serie de actos e actividades conmemorativas.

Por cortesía do Concello de Vila de Cruces, empezamos a semana con unha mesa redonda baixo o título “Mulleres inspiradoras”. O concelleiro de igualdade deu apertura ao acto, do que puideron desfrutar o alumnado de 3º e 4º da ESO, coñecendo de primeira man a experiencia de catro mulleres traballadoras e pioneiras en moitos casos nos seus ámbitos laborais, mulleres loitadoras que tiveron que abrirse camiño facendo fronte a distintas adversidades, incluídas aquelas que tiveron que afrontar polo seu xénero. Así, compartiron con nós as súas experiencias a recoñecida artesá Elena, máis coñecida como a zoqueira de Merza; Mónica, licenciada en dereito e axente de emprego e desenvolvemento local do Concello; Rocío, empresaria hostaleira e Cinthia, emprendedora e luthier de clarinete.



Catro mulleres referentes que coa súa experiencia favorecen a inspiración nas alumnas e a visibilidade da muller en sectores masculinizados. A mesa estivo moderada por Fátima, tamén empresaria e emprendedora no sector dos recursos humanos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario