viernes, 19 de junio de 2026

Homenaxe a Delia

A comunidade educativa do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces rendeu hoxe unha emotiva homenaxe a Delia García Lagos, integrante da área de Administración, con motivo da súa xubilación.

Tras 28 anos de dedicación ao centro, Delia despídese deixando unha fonda pegada grazas á súa profesionalidade, compromiso e trato próximo. Ao longo deste tempo foi unha figura moi querida polos distintos equipos directivos, así como polo conxunto do profesorado, alumnado e persoal non docente.

O acto estivo cargado de emocións. Alumnado e persoal do instituto formaron un corredor humano para despedila entre aplausos. A continuación, tras unhas palabras de recoñecemento, fíxoselle entrega dun ramo de flores e dunha placa conmemorativa co nome «Espazo Delia García», que será colocada no seu despacho como lembranza permanente do seu paso polo centro.

Con este sinxelo pero sentido acto, a comunidade educativa quixo agradecerlle todos estes anos de traballo e dedicación, desexándolle o mellor nesta nova etapa da súa vida. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario