miércoles, 22 de mayo de 2024

Participamos no último lanzamento da NOSA

 Este mércores 22 de maio, o alumnado de 4º ESO do IES Marco do Camballón participou no lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VI, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela ás 13 h. A actividade está organizada pola NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega, da que forman parte outros cinco centros públicos do país canda o noso: CPI O Cruce (Cerceda), IES Miraflores (Oleiros), IES Xelmírez II (Santiago de Compostela), IES Ramón Caamaño (Muxía) e CEE de Panxón (Nigrán).

A cápsula montaba os experimentos da chamada Misión asubIA, en referencia ás potencialidades da intelixencia artificial que se incorporaron. Son os seguintes:

- Un levitador para medir as variacións de velocidade de transmisión do son en altitude. Este experimento foi proposto pola intelixencia artificial, en concreto pola ferramenta coñecida como ChatGPT.

- Dous experimentos biolóxicos, unha mostra de ADN e outra dun fungo liofilizado para estudar como lles afectan condicións atmosféricas extremas. 

- Unha placa peltier que transforma as baixas temperaturas exteriores en voltaxe, de xeito que nun lanzamento futuro poida ser empregalo como fonte de alimentación doutros dispositivos internos.

- Un localizador LoRa, deseñado por alumnado, para rexistrar coordenadas de posición.

- Unha radiosonda para medición de variábeis atmosféricas, que servirán para unha análise numérica e tamén para a elaboración da harmonía musical do ascenso co emprego da ferramentas de intelixencia artificial.

O lanzamento foi un éxito, se ben non estivo exento de dificultades. A cápsula vai impulsada por un globo meteorolóxico inflado con helio, e este ano tivemos que xestionar unha importante dificultade nese aspecto. O primeiro globo rispóusenos nos intres previos á conta atrás. Nun traballo de equipo excepcional, o alumnado soubo refacerse e en cuestión de minutos preparamos un segundo globo e estabamos listos para o lanzamento. Todo saíu ben desta vez e puidemos entrar na segunda fase, que

é o rescate da cápsula no punto de aterraxe.

O grupo de seguemento e rescate do noso centro estivo formado por Daniela del Río, Nerea Canda, Victoria Méndez, Xiana Rey e Xiana Taboada. Coas coordenadas da aterraxe, o noso equipo foi o primeiro en chegar ás inmediacións, nun punto da montaña raiano con Castela. Tras un breve rastrexo da contorna, atopamos a cápsula en boas condicións tras o impacto. O seguinte paso será a análise dos datos rexistrados de cara ao seguinte congreso. 

Outros dos fitos deste ano foi que, por segundo ano consecutivo, un equipo do noso centro retransmitiu o lanzamento en directo a través da canle de Youtube da NOSA, coa novidade de empregarmos medios profesionais xestionados polo alumnado (rexidor: Unai Ayude; cámara: Xiana Sánchez; presentadores: Pablo Núñez e Xoán Vila; director: Xabier Ferro).

O profesorado da NOSA quere felicitar e agradecer o magnífico traballo e compromiso do alumnado do centro en todas as responsabilidades do proxecto nas que se involucrou. Neste punto, non podemos esquecer o difícil comentido do equipo de atado e inflado que, malia o momento de tensión vivido, soubo resolvelo de xeito óptimo, con cabeza e tempero. Parabéns a todas e todos!


No hay comentarios:

Publicar un comentario