Durante as últimas sesións na materia de Relixión, o alumnado de 3º de ESO estivo a traballar e reflexionar arredor dun valor fundamental para a convivencia: a paz.
A actividade comezou cunha pregunta sinxela pero profunda: Que é a paz para ti? A partir das súas respostas xurdiron palabras como respecto, diálogo, xustiza, solidariedade, liberdade, igualdade ou convivencia. O alumnado tamén identificou situacións nas que perciben a ausencia de paz, tanto a nivel mundial como no seu propio entorno máis próximo.
Posteriormente reflexionaron sobre as causas dos conflitos, sinalando aspectos como a falta de diálogo, as desigualdades sociais, o abuso de poder, a discriminación, a pobreza, o racismo ou a intolerancia. Ao mesmo tempo analizaron que cousas contribúen á construción da paz, destacando a importancia da educación, da empatía, da cooperación, da solidariedade, do respecto ás diferenzas e da resolución pacífica dos conflitos.
Unha parte moi significativa da actividade foi o análise crítico de noticias reais aparecidas no xornal. Cada alumno e alumna escolleu dúas noticias: unha relacionada cun conflito ou situación de inxustiza, e outra vinculada a iniciativas ou accións que contribúen á paz.
En cada exposición explicaron de que trataba a noticia, que tipo de conflito ou problema reflectía, que persoas estaban implicadas e que consecuencias tiña para a sociedade. Ademais, remataron cunha frase persoal de reflexión, expresando o que esa noticia lles facía pensar e que aprendizaxe sacaban dela.



No hay comentarios:
Publicar un comentario