viernes, 22 de marzo de 2024

"Quérote Máis"


 Plan Proxecta Quérote Máis. Continuamos!


Desta volta deixamos un resumo do traballo efectuado no 2º trimestre co alumnado de 3º ESO e FPB no marco do programa de educación afectivo-sexual "Quérote Máis". 

Tras rematar algunha tarefa pendente...adentrámonos na diversidade afectivo-sexual! Na presentación que se xunta no enlace, podedes consultar as obras que realizou o alumnado, a fin de promover o respecto cara as distintas identidades e orientacións sexuais. 

Pero non só iso...Tamén tivemos tempo para investigar sobre o amor romántico e detectar os mesmos na música, literatura, publicidade...

Finalmente, abordamos a importancia da prevención. O alumnado descubríu a través de variadas metodoloxías e actividades os distintos métodos anticonceptivos e o seu papel na prevención de embarazos non desexados e ETS. Foron varias sesións interesantes nas que dialogamos sobre as preocupacións e dúbidas adolescentes, achegándonos tamén á regulación legal da IVE no noso país. 

Premendo nesta presentación podedes ver un resumo do traballado en imaxes.

Navega con Rumbo

O alumnado de 1º ESO e 1º FPB tivo a oportunidade de asistir á actividade, conducida por un enxeñeiro informático experto na materia, co que dialogaron de forma amena sobre internet e as oportunidades e perigos que pode levar asociados.


Dende logo, serán moi útiles os seus consellos e ter presente sempre o decálogo do bo uso de internet para unha navegación segura!

V Olimpíada Científica Xuvenil Española (OCJE)


 Alumnado de 2º e 3º de ESO, participando na V Olimpíada Científica Xuvenil Española (OCJE). Este é un certame científico interdisciplinario e colaborativo, aberto a equipos de 2 estudantes .

 O alumnado terá que combinar os seus coñecementos de matemáticas, física, química, xeoloxía e bioloxía, poñendo a proba as súas habilidades dedutivas e pensamento creativo.

jueves, 21 de marzo de 2024

Día da poesía

 

Conmemoramos do día da poesía lendo poemas de LuísaVillalta, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.


Visita á Fundación Xosé Neira Vilas



Hoxe o alumnado de 1º ESO foi de visita á Fundación Xosé Neira Vilas. Iria Aldegunde falounos da súa Banda Deseñada "Memorias dun neno labrego".


 Xosé Manuel Lobato fixo umha visita guiada moi interesante. Viva Neira Vilas!
No cementerio de Santiago de Gres fixemos unha homenaxe a Xosé Neira Vilas e a Anisia Mirandao botando unha regueifas na súa honra.


Tamén cantamos e fixemos un concurso de aturuxos e na Ponte Ledesma coñecemos a historia da Batalla de Ponte Ledesma.





martes, 19 de marzo de 2024

Mantemento de roupa



 En Apoio domiciliario, dentro do mantemento de roupa, adquirimos habilidades básicas de costura (coser a man e máquina, coser botóns...). 

Co motivo do 8M, o alumnado de 1º animáronse a facer uns pequenos broches.

lunes, 18 de marzo de 2024

Patrimonio en Vila de Cruces

Hoxe o alumnado de Relixión de 1º de ESO foi descubrir o patrimonio arquitectónico relixioso e cultural da nosa contora, en concreto exploraron a Igrexa de Nosa Señora da Piedade en Vila de Cruces. 

O patrimonio é un legado que recibimos dos nosos antepasados e que transmitimos ás futuras xeneracións. Por iso é importante descubrir cales poderon ser os motivos de colocar cada elemento nun lugar determinado. Grazas a dona Concha puidemos constatar algús cambios de elementos dentro da Igrexa e falounos das festas do pobo por iso na Igrexa hai imaxes como: San Bartolomeo, San Antonio, Nosa Señora da Piedade, San Isidro, Santa Rita, A Virxe do Pilar, Santa Lucía... entre outras imaxes. Tamén nos falou da tradicíón do Via Crucis que antigamente pola Semana Santa, se ía percorrendo canda un dos pasos e lembrando que ía sucedendo en cada unha das estacións.

Moitas grazas dona Concha por compartir cos nós tanta sabeduría!. 




domingo, 17 de marzo de 2024

Día do Cómic



O día do cómic celébrase hoxe, 17 de marzo para conmemorar o inicio da publicación da mítica revista TBO.








A nosa biblio está en proceso de recrear nas súas paredes a distintos personaxes ou esceas de BD, así lles está quedando ao alumnado dirixidos pola profesora de debuxo Marta Cueto.




Magnífico traballo!!

Esta semana celebramos o DÍA DO CÓMIC con mostras dos nosos fondos bibliográficos que poderedes atopar nos corredores do centro!!






viernes, 15 de marzo de 2024

Costura

 



No módulo de Apoio Domiciliario, o alumnado adquiren habilidades para atender ás persoas en situación de dependencia no ámbito domiciliario e institucional co fin de manter e mellorar a súa calidade de vida. Realizan actividades asistenciais, non sanitarias, psicosociais e de apoio á xestión doméstica.


Para o mantemento da roupa, aprenden as mellores formas de facer lavado e secado de roupa, pasar o ferro... E a realizar pequenos arranxos de roupa: coser un botón, usar a máquina de coser, subir o baixo dun pantalón, etc.




jueves, 14 de marzo de 2024

Olimpíada Filosófica de Galicia.

 

O alumno Adrián Lorenzo Pampín quedou de terceiro na modalidade de Dilema Moral da Olimpíada Filosófica de Galicia. O tema deste ano foi entorno ao ocio. 

Boa representación levamos do Camballón! 

Parabéns!




Visita ao CRE da ONCE en Pontevedra

O luns 11 o alumnado do ciclo de APSD visitamos o Centro de Recursos educativos da ONCE en Pontevedra. Dividíronos en 4 grupos nomeados tras personaxes ilustres: Helen Keller (oradora, activista e activista política xordo cega), Stevie Wonder (cantautor e activista social cego); Antonio Vicente Mosquete (presidente da ONCE de 1982-1987 e con discapacidade visual) e Louisse Braille (pedagogo cego que deseñou o sistema de lectoescritura braille)
Pasamos por 4 obradoiros:

1. Por parellas, aprendemos a guiar a unha persoa con diversidade visual.
2. Vimos como se imprime o material en Braille de forma personalizada dependendo da persoa usuaria (o nivel de Braille, a idade, o grao de visión).
3. Aprendemos un pouco de Braille e a usar unha máquina Perkins.
4. A máquina Perkins permite escribir en Braille.
5. A través do tacto, intentamos descubrir o que se agochaba nas bolsas e a súa representación en papel.
6. Puidemos coñecer os recursos educativos cos que contan: maquetas, mapas, xogos, libros...
7. E, por suposto, tecnolóxicos como móbiles e impresoras de Braille.
 
Aquí deixamos algunha fotos.
 

 
 
 
 
 

miércoles, 13 de marzo de 2024

Regueipremios 2024

 

As alumnas de Regueifa Nela, África, Marta, Manuela e Tiziana  foron premiadas  á mellor  regueifa cantada no Enreguéifate. É un gusto velas cantar e improvisando.

Parabéns as cinco!!



martes, 12 de marzo de 2024

Sistemas aumentativos e alternativos á Comunicación



No módulo Apoio á comunicación coñecemos e traballamos os Sistemas aumentativos e alternativos á Comunicación, e entre eles a Lingua de Signos Española (LSE).

Con motivo do 8M, o alumnado de 2º signaron unha mensaxe en LSE.



lunes, 11 de marzo de 2024

Fase final de Parlamento Xove.

 

 

As alumnas de Oratoria de 4º ESO Nerea Chacón, Xiana Sánchez, Nerea Canda e Daniela del Río, coordinadas pola profesora Araceli Costoya, clasificáronse o pasado fin de semana para disputar a fase final de Parlamento Xove.


sábado, 9 de marzo de 2024

Parlamento Xove

cabecera
Hoxe as nosas alumnas de Oratoria de 4º ESO participan no Parlamento Xove. Un programa da Xunta de Galicia baseado nunha formación e competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.

Moita sorte a Nerea Chacón, Xiana Sánchez, Nerea Canda e Daniela del Río, que foron acompañadas pola súa profesora de Oratoria, Araceli Costoya.

viernes, 8 de marzo de 2024

8M

Onte conmemoramos o 8M:

Igualdade laboral

Igualdade económica

Igualdade no fogar

Igualdade social

 Igualdade no trato

Igualdade de dereitos

Igualdade real....

 

O acto que tivo lugar no aparcadoiro do centro, comezou cun manifesto elaborado e lido polo alumnadode 4º ESO. As alumnas do Ciclo de Dependencia leron un texto e traducírono a lingua de signos. 


Rematou a conmemoración cunha batucada na que participan alumnas e profesoras do centro.

Para este día Xiana Sánchez diseñou esta cracha que se reparte entre toda a comunidade educativa.

O alumnado de TAPSD tamén contribuiron con este outro diseño realizado a man con fieltro.










martes, 5 de marzo de 2024

Mulleres inspiradoras

 Nunha semana tan significativa como esta, na que se celebra o Día Internacional da Muller, desenvolvemos no centro unha serie de actos e actividades conmemorativas.

Por cortesía do Concello de Vila de Cruces, empezamos a semana con unha mesa redonda baixo o título “Mulleres inspiradoras”. O concelleiro de igualdade deu apertura ao acto, do que puideron desfrutar o alumnado de 3º e 4º da ESO, coñecendo de primeira man a experiencia de catro mulleres traballadoras e pioneiras en moitos casos nos seus ámbitos laborais, mulleres loitadoras que tiveron que abrirse camiño facendo fronte a distintas adversidades, incluídas aquelas que tiveron que afrontar polo seu xénero. Así, compartiron con nós as súas experiencias a recoñecida artesá Elena, máis coñecida como a zoqueira de Merza; Mónica, licenciada en dereito e axente de emprego e desenvolvemento local do Concello; Rocío, empresaria hostaleira e Cinthia, emprendedora e luthier de clarinete.



Catro mulleres referentes que coa súa experiencia favorecen a inspiración nas alumnas e a visibilidade da muller en sectores masculinizados. A mesa estivo moderada por Fátima, tamén empresaria e emprendedora no sector dos recursos humanos.

lunes, 4 de marzo de 2024

Obradoiro de arqueoloxía


Hoxe tivemos un obradoiro de arqueoloxía. O alumnado de 1° de ESO puido coñecer as técnicas de fabricación de distintas pezas da Idade do Bronce. Observaron e puideron tocar restos arqueolóxicos e reproduccións elaboradas con cerámica, pedra ou metal. Tamén analizaron as formas de vida dos habitantes da Idade dos Metais. O obradoiro foi impartido por Victor García Piñeiro, antigo alumno do centro e arqueólogo. Moitas grazas pola visita, Victor!




A muller nos libros

 

Comezamos a Semana da Muller con  estas recomendacións lectoras que xa podedes ollar nos corredores do noso centro. Se estades interedas e interesados en algún libro non deixedes de vir pola Biblio.