martes, 29 de abril de 2014

Jorge Mira no IES "Marco do Camballón"


Pechamos este mes do libro e a lectura recibindo a visita de Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da USC, divulgador científico responsable do programa ConCiencia, escritor de obras como A ciencia no punto de mira (nº de rexistro 5478 e sinatura 50/MIR/cie na nosa biblioteca) e colaborador en varios programas de TV como Cifras e Letras. Esta última faceta súa e o feito de que este ano foi o encargado de presentar o Día da Ciencia en Galego, faino un personaxe coñecido para a maioría de vós.



Este mércores 30 estará con nós na aula Manuel Dobarro a partir das 12:50 para falarnos de curiosidades científicas varias. 

Estamos seguros de que desfrutaremos da súa charla.



lunes, 28 de abril de 2014

Por fin o 7000

CHEGOU  O   DÍA
do 7000


Este mes de abril, estamos de celebración na biblioteca:

  • agasallamos aos nosos visitantes con cadernos, marcapáxinas e doces;
  •  entregamos a Celia Manzorro e Anaïs Cornado os premios do concurso de fotografía Con L de Lente, Lectura e Libro ;
  • decoramos o noso espazo con imaxes e poemas de Penúltimas tendencias, o último poemario de Carlos Negro, que estará hoxe entre nós para comentar a súa obra.


E que é iso do 7000?

Pois que a nosa biblioteca, entre libros, películas e CD de música, dá abeiro xa a unha colección que acadou a cifra de 7000 exemplares. O número de rexistro 7000 ten para nós un valor simbólico de continuidade, de expectativas cumpridas, de traballo produtivo. Quixemos, polo tanto, que a obra que levase este número fose especial e reflectise os valores e anceios da nosa comunidade educativa. E, quen mellor que Carlos Negro, docente e poeta comprometido coa mocidade e co ensino, para recibir este recoñecemento?
Pero acadar esta meta, obríganos tamén a botar a vista atrás e percorrer en sentido inverso e con nostalxia o camiño que nos trouxo ata aquí. Nesa ollada cara aos inicios hai tres persoas que destacan porque puxeron os alicerces desta biblioteca, botárona a andar e deseñaron o funcionamento que aínda nos segue guiando: son María Anido, que nos bota de menos como nós a ela e que segue as nosas andainas no facebook e no blog Abre os ollos, Rosa Salgueiro, que continúa traballando man a man con este equipo e é quen organizou o evento de hoxe, e José Fernández Asorey, o noso amanuense, unha peza de luxo na nosa biblioteca. Grazas aos tres e grazas tamén a todos os que pasaron e pasades por aquí para facer que estes andeis cobren vida cada día.


FELIZ 7000 A TOD@S


domingo, 27 de abril de 2014

sábado, 26 de abril de 2014

viernes, 25 de abril de 2014


Faltan 3 días…






para o 7000


40 anos da Revoluçao dos cravos

Hoxe celébranse os 40 anos da Revolución dos Caraveis coa que o país irmán, Portugal, derrocou unha ditadura cega, xorda e afastada da realidade social valéndose de tres armas infalibles: a poesía (Grandola Vila Morena de Zeca Afonso), unha flor saíndo dun fusil e neutralizando as súas mortíferas balas e o pacifismo e a insubmisión dun home de 24 anos que se negou a acatar a orde de disparar o seu tanque. Deixámosvos aquí o traballo do profesr do IES Fontexería, José Alfonso Blanco Quintela, que comparte nome co bardo da Revoluçao dos cravos.


 

jueves, 24 de abril de 2014

miércoles, 23 de abril de 2014

Concurso de fotografía


Chegou o 23 de abril e con el un día de festa e celebración na nosa biblioteca. Ademais de decoracións, doces e agasallos, adxudicamos os premios do concurso de fotografía. Temos que destacar a calidade dos traballos presentados e a dificultade da toma de decisión final. 
Aquí vos deixamos as dúas obras ganadoras para que xulguedes vós mesmos. 
Os nosos parabéns a 
Celia Manzorro e Anaïs Cornado,

Chapeau!

Primeiro premio


Celia Manzorro, Nobody compares


Segundo premio


Anaïs Cornado, Cup of tea


Faltan 5 días…








para o 7000



Día Internacional do Libro

Para commemorar o día Internacional do Libro o alumnado de 2º de ESO na materia de Relixión estivo elaborando un clipmetraxe dunha duración aproximada dun minuto. Os resultados foron estes:




Este é outro dos exemplos:





É para rematar:


Día do Libro






Hoxe na nosa Biblioteca hai sorpresas!!

Para os que nos visiten temos marcapáxinas, libreta, pin e algo doce.
Feliz día do libro

martes, 22 de abril de 2014

lunes, 21 de abril de 2014

viernes, 18 de abril de 2014

Adeus a Gabriel García Márquez



17 de abril de 2014

Adeus a Gabriel García Márquez.
Dentro da enorme explosión de talento narrativo que supuxo o chamado “boom latinoamericano”, quizais non sexa inxusto considerar a García Márquez a figura máis destacada dunha verdadeira pléiade de escritores de altísimo nivel (Carpentier, Borges, Asturias, Vargas Llosa, Cortázar e moitos máis). Abandeirado da corrente coñecida como “realismo máxico”, foi galardoado en 1982 co premio Nobel de literatura. Da súa imaxinación naceron novelas e relatos breves que, sen dúbida algunha, figurarán sempre entre as mellores creacións en lingua castelá:

Cien años de soledad
El otoño del patriarca
El coronel no tiene quien le escriba
Los funerales de la mama grande
El amor en los tiempos del cólera
La triste e increíble historia de la cándida Eréndira y su abuela desalmada
Del amor y otros demonios


Déixanos nun mes de abril, como fixeron Cervantes ou Shakespeare.


viernes, 11 de abril de 2014

Taller de Papel

Taller de elaboración de Papel .

O mércores 9 de abril, pola tarde,os alumnos de 2º ESO  estiveron fabricando papel.
Para iso, precisaron dun recipiente grande con auga e pasta de papel mesturados. Logo de remover a mestura, introducían un aparello parecido a unha peneira e sacábano para voltealo posteriormente sobre un trapo. Unha vez acadadas unhas dez ou doce, poñíanse nunha prensa e finalmente tendíanse a secar. Ao transcorrir o tempo de secado, obtívose o papel.
Tamés tivemos unha sesión de encuadernación do papel onde cada dous fixemos o noso caderno de notas.

miércoles, 9 de abril de 2014

Primeiros auxilios

Dous membros de Protección Civil de Lalín viñeron o  martes ao instituto para dar unha charla e facer unhas prácticas, co alumnado de 3º ESO, sobre os Primeiros Auxilios.
A primeira  parte foi teórica,  mostraron os procedementos ante unha vítima de accidente ou de enfermidade repentina (PAS: protexer, alertar e socorrer).
Na segunda parte, levouse a cabo a práctica no ximnasio. O alumnado puido realizar as maniobras básicas de RCP, a colocación de posición lateral de seguridade (PLS) e a forma de inmovilizar unha vítima dun accidente.

lunes, 7 de abril de 2014

Excursión a Santiago

O alumnado de 3º ESO foi a Santiago o pasado día 9 de abril ao Auditorio de Galicia  e ao Museo de Pobo Galego. Foi unha mañá adicada por completo á música popular galega. Primeiro o concerto didáctico no Auditorio a cargo da agrupación Ultreia de música e danza. Tras isto fomos ao Museo do Pobo Galego onde nos explicaron de maneira moi didáctica a continua presenza da nosa música ao longo dos momentos máis sinalados do ciclo do ano. Asemade puidemos achegarnos ao Panteón de Galegos Ilustres e á famosa triple escaleira helicoidal de Domingo de Andrade. Todo quedou inmortalizado baixo a cámara de Carmen. Aquí vos deixamos unha escolma da súa reportaxe fotográfica:

sábado, 5 de abril de 2014

Abril, o mes do libro e da lectura

Chegou o mes de abril e con el promesas de augas mil (é que non tivemos abondo?), pero tamén de libros e plácidas lecturas nos días de vacacións que se aveciñan.
Na biblioteca queremos celebrar este mes tan especial organizando ou colaborando na realización de diferentes actividades:
1. Lembrade que temos un concurso de fotografía aberto (a data límite de envío é o 22 deste mes).
2. Contaremos coa visita sorpresa dun escritor.
3. O mércores 30 teremos entre nós a Jorge Mira, a quen escoitaremos falar de curiosidades científicas varias.
4. Haberá unha sorpresa para @s que vos animedes a pasar pola biblioteca o mércores 23.
Non faltedes!

E agora entre nós, sabedes por que o Día Internacional do Libro é o 23 de abril e non calquera outro?
Aquí tedes unha breve explicación:


O 23 de abril de 1616 enterraban en Madrid a Miguel de Cervantes Saavedera, sen dúbida, o máis importante escritor en lingua castelá de todos os tempos. Dez días máis tarde, o 23 de abril de 1616, choraban en Londres a morte do senlleiro dramaturgo William Shakespeare.
Uuu, como é iso? O 23 de abril e 10 días máis tarde, outra vez o 23 de abril? Pois ben, non nos equivocamos.
Ocorre que na Inglaterra do século XVII aínda se rexían polo calendario xuliano o que Xulio César encargara ao astrónomo greco-exipcio Sosíxenes. Porén, ese calendario tiña un problema: cada ano duraba once minutos e catorce segundos máis que o ano astronómico real. Parece un desaxuste pequeno, pero conforme pasaba o tempo, a diferenza non paraba de medrar e o caos acadou tal magnitude que no século XVI o papa Gregorio XIII promoveu unha nova reforma do calendario que eliminase os días sobrantes, que daquela xa eran dez. Así se fixo e nos países católicos –España entre eles– a xente foise á cama na noite do xoves 4 de outubro de 1582 e ergueuse na mañá do venres 15 de outubro de 1582 (ese si que foi un cambio horario!). Non obstante, os países de confesión protestante ou ortodoxa seguiron rexéndose durante moito tempo polo vello calendario xuliano (Inglaterra, por exemplo, non adoptou o gregoriano ata 1752). Esa é a razón de que, aínda que entre a morte de Cervantes e de Shakespeare transcorreron 11 días, tomamos o mesmo día, o 23 de abril, para conmemorar a súa obra e celebrar o Día do Libro.


 Neste enlace tamén podedes ver un traballo sobre a historia do libro que expuxemos o curso pasado.