miércoles, 24 de abril de 2024

Visitamos SOGAMA



O alumnado de 3°ESO, dentro das actividades do CP EduSostibilidade, visitou as instalacións de SOGAMA para coñecer o proceso do tratamento de todo tipo de lixo, para ser conscientes da importancia que ten a súa correcta separación nos 
 
 
distintos contedores, para poñer en valor a triple R (Reducir, Reutilizar e Reciclar) e para coñecer o tránsito do lixo que botamos nos nosos fogares ou centros de traballo e o aproveitamento que se fai do mesmo: reutilización, produción de enerxía eléctrica...


Tivemos a oportunidade de ver con gafas 3D o proceso de reciclaxe e as instalacións. Tamén xogamos a vídeo-xogos relacionados coa sostibilidade.

Para rematar a visita, observamos desde o bus as instalacións coas explicacións da nosa guía.




 

martes, 23 de abril de 2024

Apadriñamento lector

Todo apuntaba que o día de hoxe ía ser algo inesquecible para o alumnado do Camballón. Ser madriña ou padriño lector xa sabíamos que era unha gran responsabilidade. Todas e todos eles estiveron desempeñaron unha lectura comprometiva e moi motivadora, logrando captar a atención dos máis pequenos.  Damos as grazas ao CEIP Nosa Señora da Piedade, ao alumnado de Educación Infantil e as súas profes pola súa acollida. 






Preparados para o Apadriñamento lector


Aquí vos presentamos ao equipo de Apadriñamento lector que van a acompañar ao alumnado do CEIP Nosa Señora da Piedade e CEIP Cerdeiriñas. 

Algunhas e algúns estréanse hoxe por primeira vez pero temos outro grupo de alumnado que xa colaborou o curso pasado e quixo repetir.

O alumnado de Relixión de 1º e 2º de ESO traballaron coordinados creando un pequeno agasallo, que este ano foron marcapáxinas de gomaeva. Investigaron sobre cales son as motivacións dos máis pequenos e planificaron os modelos que ía a crear intentando ser o máis creativos posible.


Le e deixa ler.Día do libro

 

Palabras que inspiran e transforman.

Palabras que nos invitan a soñar e a crear.

Palabras que consolan, abrazan e acompañan.

Palabras que nos dan forza e nos invitan a voar.

Que sorte temos de facer o que facemos.

Le e deixa ler.


Feliz día do libro.

viernes, 19 de abril de 2024

Visita á Coruña





Un grupo de 1º Bacharelato visitou o pasado 4 de abril a cidade de A Cotuña.

O obxectivo principal era visitar o museo de Belas Artes, pero tamén aproveitamos para percorrer a cidade vella coruñesa e o súa fronte marítima.





No museo, visitamos pola nosa conta unha exposición temporal dedicada a Sorolla, e tamén as exposicións de gravados de Goya e pezas antigas de Sargadelos. Ademais, nunha visita guiada, puidemos escoitar curiosidades e datos relevantes extraídos de obras de arte feitas entre os séculos XVI e XX.

Eliximos o cadro de Luis Seoane As mariscadoras (1969) para facer a foto final.






miércoles, 17 de abril de 2024

Chicas Nuevas 24 horas



O noso centro alberga ata o día 30 de abril a exposición "Chivas nuevas 24 horas", que denuncia a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. No marco desta exposición, o alumnado de 4º ESO, Formación Profesional Básica, ciclos medios de Soldadura e caldeiraría e Atención a persoas en situación de dependencia, así como alumnado do proxecto de Igualdade de xénero de 3º ESO, tiveron a oportunidade de acudir a unha actividade didáctica arredor da mesma. Presentada a exposición fotográfica por unha experta na materia, puideron visualizar o documental do mesmo nome dirixido pola actriz, documentalista e directora Mabel Lozano, así como participar nun taller sobre o visto e traballado anteriormente.

Trátase dunha actividade educativa e de concienciación social, da que se fixo eco a sección comarcal do Faro de Vigo, dada a súa relevancia e interese pública.  
Aquí pódese ver as fotos da xornada didáctica, agradecendo ao Concello de Vila de Cruces que a fixera posible.
 

martes, 16 de abril de 2024

Ex-alumnos orientan!!



Nesta semana, o alumnado de Bacharelato recibíu a visita de Nuria, unha antiga alumna do centro que actualmente estuda na Universidade.

Nuria segue moi vinculada a Vila de Cruces e tamén ao noso instituto, participando de vez en cando en distintos proxectos. Nesta ocasión, visitounos para transmitir ao alumnado de 1º e 2º de BAC a súa experiencia dende que rematou os estudos secundarios.

A antiga alumna, que actualmente realiza o 3º curso de grao, recorda como a pandemia a sorprendeu a ela e ao seu grupo de clase cando cursaban 1º de Bacharelato, co que todo eso implicou nese ano e ao seguinte, á vista da tan "temida ABAU". Foron momentos duros e de incertidumbre pero superados con éxito.

Nuria transmitiu ao alumnado a importancia de ser constantes e afrontar as adversidades de forma positiva e resiliente, facendo consciente á rapazada de que pronto pecharán unha etapa das súas vidas pero comezará outra chea de oportunidades e novas experiencias, que lles axudarán a medrar como persoas.

Case podemos dicir que fluir, pero con sentidiño, sería o recomendable!

 


lunes, 15 de abril de 2024

Preparando o apadriñamento lector


 O alumnado de 1º de ESO de Relixión comezou este mes de abril a preparar o apadriñamento lector do alumnado  de Educación Infantil do CEIP Cerdeiriñas de Piloño e CEIP Nosa Señora da Piedade. Aquí tedes unha mostra do que están a facer.





jueves, 11 de abril de 2024

Prevención de delitos sexuais

 No marco do Plan director, unha axente da Garda Civil informa ao alumnado de 2º ESO e FPB sobre a prevención de delitos sexuais, aparellados en multitude de ocasións ao uso inadecuado de internet e redes sociais.

Sexting, grooming, sextorsión....son cuestións que se abordaron na sesión, concluíndo a importancia de facer un uso responsable e reflexivo das redes, que garantan a seguridade e integridade persoal. 



miércoles, 10 de abril de 2024

Obradoiro de educación afectivo-sexual

 


Un curso máis, o alumnado de 3º ESO e 1º FPB participaron no obradoiro de sexualidade impartido por persoal especializado do centro Quérote Máis. Deste xeito, completamos o traballo que se está a levar a cabo ao longo do curso no Plan Proxecta Q+.



martes, 9 de abril de 2024

Adicción sen substancias

 Unha axente da Garda Civil explicou ao alumnado de 4º ESO a problemática das adiccións sen substancia. E é que ademais das coñecidas adiccións ao alcohol ou as drogas, existen outras nas que non interveñen substancias químicas, como a adicción ao traballo, ao teléfono móbil, a internet, ao xogo, ludopatías....


O uso extensivo de teléfonos móbiles e o fácil acceso a internet incrementa o risco de padecer algún tipo de adicción sen substancia. Así, tal como o alumnado puido comprobar nos estadísticos amosados pola axente, no caso dos adolescentes estanse a incrementar as adiccións ao xogo online e videoxogos. Asemade, o uso inadecuado de internet pode levar asociados outros riscos como a comisión inconsciente de delitos ou a posibilidade de ser vítima de grooming, incrementándose o risco especialmente no caso de padecer algunha adicción. 

Polo tanto, cómpre facer un uso adecuado e razonable, administrando ben os tempos de uso, así como pedir axuda sempre que sexa necesario, tal como incidiu a ponente. 


lunes, 8 de abril de 2024

Inicación Segura á pegada Dixital 2023/24

 

Este curso participamos de novo no programa "Iniciación segura á pegada dixital". Estivo dirixido a alumnado de 2º e 3º da ESO, que tomou conciencia da importancia de manter unha identidade dixital adecuada, pois todo o que facemos en internet deixa pegada e non está exento de riscos. 


domingo, 7 de abril de 2024

Excursión ao Courel

 

 

 Excursión ao Courel de 3° da ESO. Viaxe á Pobra do Brollón,  onde se reuniron con seis centros de ensino de:  Vilalba, Courel, Monforte, Caldas de Reis, o Brollón e as Cruces. Aventura chea de ideas, emocións e actividades. Maravilla!







Fomos ao Sur!!


 O alumnado do 4º de ESO estivo de viaxe de fin de ciclo no Sur, percorrendo as cidade de Granada, Córdoba, Sevilla e Salamanca. 

Xa podedes ollar algunhas dos lugares que visitaron.



sábado, 6 de abril de 2024

Viaxe a Portugal

O alumnado de 2º ESO, 3º ESO e 1º Bacde Relixión e Oratoria,  estiveron dende o martes ata o venres visitando o  país veciño, Portugal. Nesta viaxe visitaron Porto onde puideron ver a súa catedral e algunhas das súas rúas máis emblemáticas. 
Estiveron en Lisboa onde viron o Palacio dos Jerónimos, Plaza do Comercio, Torre de Belén, Torre dos Descubrimentos, Catedral de Lisboa, Mirador de San Pedro de Alcántara, Casa de Alentejo, Igrexa de Santo Domingo, Casa máis antiga de Lisboa, Igrexa de San Antonio, Plaza do Comercio e puideron percorrer as rúas da cidade.
Puideron visitar en Sintra o Palacio da Pena e en Cascais pasearon polas ruas do casco histórico, polas súas praias e a Cidadela de Cascais
A volta pararon en Aveiro para dar un paseo en moliciero polo  canal e pudemos ver o Barrio de Beira Mar.



viernes, 5 de abril de 2024

Cociñando!


 


No ciclode APSD, estiveron practicando algunhas receitas. Esta vez elaboramos uns boliños preñados (de chourizo, queixo e chocolate).










miércoles, 3 de abril de 2024

Xornada de orientación e convivencia en Lalín.

O alumnado de 1º Bacharelato desfrutou  hoxe dunha xornada de orientación e convivencia na localidade de Lalín.

Acompañados da súa titora e a orientadora do centro, asistiron á Primeira Feira de Orientación Universitaria e Formación Profesional organizada neste municipio.

Ademais, aproveitaron a visita á capital dezá para coñecer o museo Castro Deza, dedicado á divulgación da cultura castrexa, as lendas e a gastronomía; e tamén se achegaron ao Espazo Xove de Lalín (Casa da Xuventude), onde puideron desfrutar da exposición fotográfica "Ceos galegos" explicada da man do divulgador científico Dosi Veiga. 



viernes, 22 de marzo de 2024

"Quérote Máis"


 Plan Proxecta Quérote Máis. Continuamos!


Desta volta deixamos un resumo do traballo efectuado no 2º trimestre co alumnado de 3º ESO e FPB no marco do programa de educación afectivo-sexual "Quérote Máis". 

Tras rematar algunha tarefa pendente...adentrámonos na diversidade afectivo-sexual! Na presentación que se xunta no enlace, podedes consultar as obras que realizou o alumnado, a fin de promover o respecto cara as distintas identidades e orientacións sexuais. 

Pero non só iso...Tamén tivemos tempo para investigar sobre o amor romántico e detectar os mesmos na música, literatura, publicidade...

Finalmente, abordamos a importancia da prevención. O alumnado descubríu a través de variadas metodoloxías e actividades os distintos métodos anticonceptivos e o seu papel na prevención de embarazos non desexados e ETS. Foron varias sesións interesantes nas que dialogamos sobre as preocupacións e dúbidas adolescentes, achegándonos tamén á regulación legal da IVE no noso país. 

Premendo nesta presentación podedes ver un resumo do traballado en imaxes.

Navega con Rumbo

O alumnado de 1º ESO e 1º FPB tivo a oportunidade de asistir á actividade, conducida por un enxeñeiro informático experto na materia, co que dialogaron de forma amena sobre internet e as oportunidades e perigos que pode levar asociados.


Dende logo, serán moi útiles os seus consellos e ter presente sempre o decálogo do bo uso de internet para unha navegación segura!

V Olimpíada Científica Xuvenil Española (OCJE)


 Alumnado de 2º e 3º de ESO, participando na V Olimpíada Científica Xuvenil Española (OCJE). Este é un certame científico interdisciplinario e colaborativo, aberto a equipos de 2 estudantes .

 O alumnado terá que combinar os seus coñecementos de matemáticas, física, química, xeoloxía e bioloxía, poñendo a proba as súas habilidades dedutivas e pensamento creativo.

jueves, 21 de marzo de 2024

Día da poesía

 

Conmemoramos do día da poesía lendo poemas de LuísaVillalta, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.


Visita á Fundación Xosé Neira Vilas



Hoxe o alumnado de 1º ESO foi de visita á Fundación Xosé Neira Vilas. Iria Aldegunde falounos da súa Banda Deseñada "Memorias dun neno labrego".


 Xosé Manuel Lobato fixo umha visita guiada moi interesante. Viva Neira Vilas!
No cementerio de Santiago de Gres fixemos unha homenaxe a Xosé Neira Vilas e a Anisia Mirandao botando unha regueifas na súa honra.


Tamén cantamos e fixemos un concurso de aturuxos e na Ponte Ledesma coñecemos a historia da Batalla de Ponte Ledesma.





martes, 19 de marzo de 2024

Mantemento de roupa



 En Apoio domiciliario, dentro do mantemento de roupa, adquirimos habilidades básicas de costura (coser a man e máquina, coser botóns...). 

Co motivo do 8M, o alumnado de 1º animáronse a facer uns pequenos broches.

lunes, 18 de marzo de 2024

Patrimonio en Vila de Cruces

Hoxe o alumnado de Relixión de 1º de ESO foi descubrir o patrimonio arquitectónico relixioso e cultural da nosa contora, en concreto exploraron a Igrexa de Nosa Señora da Piedade en Vila de Cruces. 

O patrimonio é un legado que recibimos dos nosos antepasados e que transmitimos ás futuras xeneracións. Por iso é importante descubrir cales poderon ser os motivos de colocar cada elemento nun lugar determinado. Grazas a dona Concha puidemos constatar algús cambios de elementos dentro da Igrexa e falounos das festas do pobo por iso na Igrexa hai imaxes como: San Bartolomeo, San Antonio, Nosa Señora da Piedade, San Isidro, Santa Rita, A Virxe do Pilar, Santa Lucía... entre outras imaxes. Tamén nos falou da tradicíón do Via Crucis que antigamente pola Semana Santa, se ía percorrendo canda un dos pasos e lembrando que ía sucedendo en cada unha das estacións.

Moitas grazas dona Concha por compartir cos nós tanta sabeduría!. 




domingo, 17 de marzo de 2024

Día do Cómic



O día do cómic celébrase hoxe, 17 de marzo para conmemorar o inicio da publicación da mítica revista TBO.








A nosa biblio está en proceso de recrear nas súas paredes a distintos personaxes ou esceas de BD, así lles está quedando ao alumnado dirixidos pola profesora de debuxo Marta Cueto.




Magnífico traballo!!

Esta semana celebramos o DÍA DO CÓMIC con mostras dos nosos fondos bibliográficos que poderedes atopar nos corredores do centro!!






viernes, 15 de marzo de 2024

Costura

 



No módulo de Apoio Domiciliario, o alumnado adquiren habilidades para atender ás persoas en situación de dependencia no ámbito domiciliario e institucional co fin de manter e mellorar a súa calidade de vida. Realizan actividades asistenciais, non sanitarias, psicosociais e de apoio á xestión doméstica.


Para o mantemento da roupa, aprenden as mellores formas de facer lavado e secado de roupa, pasar o ferro... E a realizar pequenos arranxos de roupa: coser un botón, usar a máquina de coser, subir o baixo dun pantalón, etc.




jueves, 14 de marzo de 2024

Olimpíada Filosófica de Galicia.

 

O alumno Adrián Lorenzo Pampín quedou de terceiro na modalidade de Dilema Moral da Olimpíada Filosófica de Galicia. O tema deste ano foi entorno ao ocio. 

Boa representación levamos do Camballón! 

Parabéns!




Visita ao CRE da ONCE en Pontevedra

O luns 11 o alumnado do ciclo de APSD visitamos o Centro de Recursos educativos da ONCE en Pontevedra. Dividíronos en 4 grupos nomeados tras personaxes ilustres: Helen Keller (oradora, activista e activista política xordo cega), Stevie Wonder (cantautor e activista social cego); Antonio Vicente Mosquete (presidente da ONCE de 1982-1987 e con discapacidade visual) e Louisse Braille (pedagogo cego que deseñou o sistema de lectoescritura braille)
Pasamos por 4 obradoiros:

1. Por parellas, aprendemos a guiar a unha persoa con diversidade visual.
2. Vimos como se imprime o material en Braille de forma personalizada dependendo da persoa usuaria (o nivel de Braille, a idade, o grao de visión).
3. Aprendemos un pouco de Braille e a usar unha máquina Perkins.
4. A máquina Perkins permite escribir en Braille.
5. A través do tacto, intentamos descubrir o que se agochaba nas bolsas e a súa representación en papel.
6. Puidemos coñecer os recursos educativos cos que contan: maquetas, mapas, xogos, libros...
7. E, por suposto, tecnolóxicos como móbiles e impresoras de Braille.
 
Aquí deixamos algunha fotos.
 

 
 
 
 
 

miércoles, 13 de marzo de 2024

Regueipremios 2024

 

As alumnas de Regueifa Nela, África, Marta, Manuela e Tiziana  foron premiadas  á mellor  regueifa cantada no Enreguéifate. É un gusto velas cantar e improvisando.

Parabéns as cinco!!



martes, 12 de marzo de 2024

Sistemas aumentativos e alternativos á Comunicación



No módulo Apoio á comunicación coñecemos e traballamos os Sistemas aumentativos e alternativos á Comunicación, e entre eles a Lingua de Signos Española (LSE).

Con motivo do 8M, o alumnado de 2º signaron unha mensaxe en LSE.



lunes, 11 de marzo de 2024

Fase final de Parlamento Xove.

 

 

As alumnas de Oratoria de 4º ESO Nerea Chacón, Xiana Sánchez, Nerea Canda e Daniela del Río, coordinadas pola profesora Araceli Costoya, clasificáronse o pasado fin de semana para disputar a fase final de Parlamento Xove.


sábado, 9 de marzo de 2024

Parlamento Xove

cabecera
Hoxe as nosas alumnas de Oratoria de 4º ESO participan no Parlamento Xove. Un programa da Xunta de Galicia baseado nunha formación e competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.

Moita sorte a Nerea Chacón, Xiana Sánchez, Nerea Canda e Daniela del Río, que foron acompañadas pola súa profesora de Oratoria, Araceli Costoya.

viernes, 8 de marzo de 2024

8M

Onte conmemoramos o 8M:

Igualdade laboral

Igualdade económica

Igualdade no fogar

Igualdade social

 Igualdade no trato

Igualdade de dereitos

Igualdade real....

 

O acto que tivo lugar no aparcadoiro do centro, comezou cun manifesto elaborado e lido polo alumnadode 4º ESO. As alumnas do Ciclo de Dependencia leron un texto e traducírono a lingua de signos. 


Rematou a conmemoración cunha batucada na que participan alumnas e profesoras do centro.

Para este día Xiana Sánchez diseñou esta cracha que se reparte entre toda a comunidade educativa.

O alumnado de TAPSD tamén contribuiron con este outro diseño realizado a man con fieltro.