Chegou o mes de abril e con el promesas
de augas mil (é que non tivemos abondo?), pero tamén de libros e plácidas
lecturas nos días de vacacións que se aveciñan.
Na biblioteca queremos celebrar este mes
tan especial organizando ou colaborando na realización de diferentes
actividades:
1. Lembrade que
temos un concurso de fotografía aberto (a data límite de envío é o 22 deste mes).
2. Contaremos coa
visita sorpresa dun escritor.
3. O mércores 30
teremos entre nós a Jorge Mira, a quen escoitaremos falar de curiosidades
científicas varias.
4. Haberá unha
sorpresa para @s que vos animedes a pasar pola biblioteca o mércores 23.
Non faltedes!
E agora entre nós, sabedes por que o Día
Internacional do Libro é o 23 de abril e non calquera outro?
Aquí tedes unha breve explicación:
O 23 de abril de 1616 enterraban en
Madrid a Miguel de Cervantes Saavedera, sen dúbida, o máis importante escritor
en lingua castelá de todos os tempos. Dez días máis tarde, o 23 de abril de
1616, choraban en Londres a morte do senlleiro dramaturgo William Shakespeare.
Uuu, como é iso? O 23 de abril e 10 días
máis tarde, outra vez o 23 de abril? Pois ben, non nos equivocamos.
Ocorre que na Inglaterra do
século XVII aínda se rexían polo calendario xuliano –o que Xulio César encargara
ao astrónomo greco-exipcio Sosíxenes. Porén, ese calendario tiña un problema: cada ano duraba once
minutos e catorce segundos máis que o ano astronómico real. Parece un desaxuste pequeno, pero conforme pasaba o tempo, a
diferenza non paraba de medrar e o caos acadou tal magnitude que no século XVI
o papa Gregorio XIII promoveu unha nova reforma do calendario que eliminase os
días sobrantes, que daquela xa eran dez. Así se fixo e nos
países católicos –España entre eles– a xente foise á cama na noite do xoves 4
de outubro de 1582 e ergueuse na mañá do venres 15 de outubro de 1582 (ese si
que foi un cambio horario!). Non obstante, os países de
confesión protestante ou ortodoxa seguiron rexéndose durante moito tempo polo
vello calendario xuliano (Inglaterra, por exemplo, non adoptou o gregoriano ata
1752). Esa é a razón de que, aínda que entre a morte de Cervantes e de
Shakespeare transcorreron 11 días, tomamos o mesmo día, o 23 de abril, para
conmemorar a súa obra e celebrar o Día do Libro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario