Onte celebramos a sesión de astronomía na
rúa que levabamos tanto tempo anunciando. Foi una experiencia intensa pola
acollida cálida e entusiasta por parte de alumnos, pais e público en xeral da
Vila. Foino pola extrema fermosura do ceo que contemplamos -unha lúa
espléndida, unas Pléiades esquivas, un Xúpiter coma sempre xovial, a quen non rematabamos
de agradecer a súa deferencia ao afastar nubes e néboas do ceo crucense -, pero
tamén polo privilexio de gozar da xenerosidade, honestidade e entusiasmo de
quen nos guiou nesta aventura, Salvador Bará, a quen acompañaban Olga Patiño e Lois
García.
E non foi en van o seu empeño por
mostrarnos a todos os rudimentos da astronomía e a beleza incomparable do
firmamento: cónstanos que hai hoxe máis dunha nai e un pai en Vila de Cruces
acosads polos seus fillos que lles suplican que lles merquen uns prismáticos.
Esperemos que xermole a semente nesta
terra, o Deza, fecunda en amor ás estrelas, do que son proba as mámoas que
construíron os devanceiros pendentes do movemento do astro rei, a obra de Ramón María Aller Ulloa ou o Observatorio
de D. José López Pérez.
Deixamos aquí un vídeo no que o alumnado
de Plástica de 4ª demostra as súas habilidades escultóricas modelando os bustos
de figuras destacadas da historia da astronomía.
E estoutro no que se recollen distintas
obras da nosa biblioteca co ceo ou as estrelas como tema:
Aquí podedes ler unha breve escolla de textos poéticos nos que as palabras se unen ás estrelas,
e aquí está o enlace á noticia que publica hoxe El faro de Vigo.
Un traballo espectacular. Noraboa!
ResponderEliminar