jueves, 30 de mayo de 2019

O Camballón publica un libro de recollida oral sobre o guerrilleiro antifascista Foucellas

O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón presentou hoxe, 30 de maio, o libro O Foucellas en Vila de Cruces, un volume onde se recollen histórias de tradición oral arredor da figura de Benigno López Andrade, guerrilleiro antifascista contra a ditadura franquista. O livro conta, ademais, con tres textos de Manuel Igrexas, Carlos G, Reigosa e Ramiro Vidal Alvarinho que contextualizan as historias recollidas polo alumnado do instituto cruceño. 
Este libro reúne vinte e seis historias recollidas por alumnado e exalumnado do Camballón e configuran un arquivo diverso sobre a presenza da guerrilla antifranquista nas terras de Carbia e o Deza. O libro forma parte do Proxecto Palabras de Pedra, un proxecto de posta en valor o patrimonio material e inmaterial das Cruces que, desde o Equipo de Normalización, pretende socializar os valores culturais, lingüísticos e sociolingüísticos locais. Outrosproxectos de participación que xurdiron de Palabras de Pedra son a posta en valor das Mámoas de Oirós, o Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces, A nosa música somos nós ou a Regueifesta, entre outros. Esta metodoloxía parte da importancia do traballo colectivo e da participación social para transformar e enriquecer a realidade socio-cultural das Cruces. 
No prólogo do libro, podemos ler algunhas das funcións educativas da publicación: 
Unha das razóns polas que publicamos este libriño é para contrastar a rumoroloxía coa Historia. Porque sabemos que o personaxe do Foucellas está construído tamén con invencións e difamacións promovidas polo réxime de Franco, e aquí confiamos na historia como ciencia, como porta de coñecementos contrastados. Porque moitas veces aparecen as preguntas e a curiosidade e nós queremos saber máis e queremos aprender mellor! Unha pregunta: Por que en Francia os maquis, as mulleres e homes da Resistencia contra Hitler e o nazismo son homenaxeados con nomes de rúas, estatuas ou celebracións de admiración e aquí non se lle dá o mesmo trato á xente que loitou contra Franco e o fascismo  nos anos da Ditadura?
O Foucellas foi un guerrilleiro antifranquista, un home fuxido por razóns políticas, sobre o que hai varios libros escritos. Estas páxinas intentan coñecer algunhas das historias do paso de Benigno López Andrade polas terras de Vila de Cruces para completar a imaxe sobre este personaxe histórico.
No tempo das fake news e a invención da historia, é bo reflexionar sobre un personaxe histórico que loitou contra unha ditadura que tamén fixo uso da propaganda contra os guerrilleiros.
Pensamos que escoitarnos entre nós é unha forma de aprender que debe terse máis en conta. Pensamos que falando entre nós descubrimos cousas que moitas veces nos sorprenden. Porque no Clube da Lingua temos moita curiosidade e queremos coñecer a nosa Historia a partir das nosas historias, aquí vai este libriño sobre Benigno López Andrade, O Foucellas.
Debemos agradecer estas páxinas a toda a xente que colaborou neste traballo colectivo, obra común de moitas persoas."
O vindeiro xoves, 30 de maio, às 11.30 terá lugar a presentación do libro O Foucellas en Vila de Cruces nun acto no que participarán alumnado, profesorado do IES Marco do Camballón e o historiador Manuel Igrexas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario