martes, 18 de abril de 2023

Traballando a interculturalidade

 "Co fin de valorar a riqueza da diversidade e da interculturalidade, gravamos na titoría dous podcast protagonizados polo alumnado de 3ºESO B. Estes programas inclúen dúas entrevistas que lle fixemos aos nosos compañeiros: Felipe Cheffer e Adams Zubiate. Para a súa posta en marcha, adicamos unha sesión de titoría a elaborar o guión e as cuestións. Na seguinte sesión levamos a cabo a gravación. Grazas a esta actividade aprendimos moito acerca da súa orixe, cultura, e diferentes características dos seus países natais. Agardamos que vos gusten!"


lunes, 17 de abril de 2023

Regueifa

 O alumnado de Camballón participou os días 12, 13 e 14 de abril nun encontro con alumnado vasco e catalán, dentro das actividades da Regueifesta.


Ademais, durante estes tres días, o alumnado celebrou unha Galeusca de improvisación oral entre adolescentes de Galicia, Euskadi e Cataluña, con diferentes actividades arredor da música, a sociolingüística e a poesía oral. Coa colaboración do profesorado e das familias, estes tres días continúan, un ano máis, os encontros anuais entre regueifeiras, bertsolaris e glosadores adolescentes. O ano pasado viaxamos ao País Vasco e o ano que vén visitaremos Cataluña. Nestas xornadas, ademais da canción improvisada, poñemos no centro das actividades as nosas tres linguas en proceso de normalización.

O pasado 14 de abril participamos na Gala Regueifesta-Enreguéifate, que reuniu a máis de mil escolares de toda Galicia nun espectáculo de improvisación oral no que o noso alumnado protagonizou diferentes momentos. Regueifamos nas probas de regueifa e formamos a banda do espectáculo. Máis de 30 centros docentes, do Courel a Trives, de Vigo a Vilalba, de Carballo a Burela, encheron un Auditorio que celebrou a gran festa escolar da Regueifa.

O Auditorio de Galicia converteuse nun avión das "Aerolinhas Galegas da Regueifa" e viamos con diferentes improvisadores por Europa, dende a Toscana ou Madeira ata Cuba. Lupe Blanco e Olalla Liñares pilotaron este avión que nos transportou ao mundo da improvisación oral con moita festa e creatividade.

viernes, 14 de abril de 2023

Plantación no Bosque do Camballón

 Hoxe tivo lugar a  segunda plantación de árbores autóctonas, nesta ocasión, de cerdeiras e castiñeiros.  O alumnado de 3° e 4° da ESO colaborou cos integrantes da asociación Peneirando o Monte. Xunto cos exemplares plantados na outra ocasión xa suman 60!!
Moitas grazas á asociación Peneirando o Monte, integrada por exalumnxs do noso centro como Ánxela Louzao, Irene Portas ou Xavier Devesa, por contar con nós para esta fermosa aventura.

Agradecer o traballo fotográfico feito por José Ramón Moire Silva.






jueves, 13 de abril de 2023

Asistencia á II Mostra de Orientación de A Estrada


Os días 28 e 29 de Marzo asistimos como convidados á II Mostra de Orientación de A Estrada para promocionar os ciclos formativos do noso centro (SOLCA e APSD) . Acudiron tamén as alumnas do segundo curso de APSD que puideron facer unha demostración das súas habilidades en primeiros auxilios e apoio á comunicación, así como visitar os diferentes stands da Mostra. Agradecemos enormemente  ao Departamento de Orientación do IES García Barros por ter contado con nós para a presente edición.



miércoles, 12 de abril de 2023

Torneo de Xadrez

 


Recordade que temos xa iniciamos o torneo de xadrez Camballón 2023!!! As partidas realízanse durante todos os recreos na aula que está fronte ao taller de tecnoloxía. Para calquera dúbida podedes dirixirvos ao profe Manuel Lugo. Moita sorte a todxs participantes.

sábado, 1 de abril de 2023

Ruta do Quixote

 O alumnado de Relixión de 3º e 4º de ESO estiveron do 27 ao 31 de marzo a Ruta do Quixote. Fixeron unha primeira parada a Puerto Lápice,  o Toboso, Campo de Criptana e Parque das Tablas de Daimiel. Tamén foron ao Parque Natural de As Lagunas de Ruidera, Almagro, Corral de Comedias. O penúltimo día pasearon pola cidade de Toledo: Catedral, Igrexa de Santo Tomé, Sinagoga de Santa María A Blanca e San Juan de los Reyes. Para rematar a viaxe foron ao Parque Warner. A actividade foi organizada polo departamento de Lingua Castelá e Relixión.