miércoles, 17 de junio de 2026

Matemáticas para entender o mundo: o IES Marco do Camballón publica un novo volume de MARCO NUMÉRICO

 


A publicación, elaborada polo alumnado de 2º de Bacharelato, será presentada o vindeiro 16 de xuño nun acto aberto ao público coa participación da matemática Elena Vázquez Abal.

O Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón vén de publicar o sétimo volume de MARCO NUMÉRICO, a revista de investigación matemática elaborada polo alumnado da materia Métodos Estatísticos e Numéricos de 2º de Bacharelato.

Trátase dun proxecto educativo consolidado no centro que, ao longo dos últimos anos, permitiu ao alumnado desenvolver investigacións propias arredor de cuestións de actualidade mediante a aplicación de ferramentas estatísticas e modelos matemáticos. A iniciativa combina a aprendizaxe dos contidos da materia co desenvolvemento de competencias científicas, documentais e comunicativas, achegando o alumnado aos procesos propios da investigación académica.


Nesta nova edición recóllense dez artigos que abordan problemas e fenómenos de ámbitos tan diversos como a ciencia forense, a meteoroloxía, o deporte, a ecoloxía mariña, a microbioloxía, o mercado laboral, a astronomía, a percepción humana ou a intelixencia artificial. Os traballos aplican conceptos como o teorema de Bayes, as cadeas de Markov, os modelos binomiais e normais ou as técnicas de estimación estatística para analizar situacións reais desde unha perspectiva matemática.

Como é habitual en todos os volumes da revista, o limiar está asinado por unha personalidade destacada da comunidade científica galega. Nesta ocasión, a autora convidada é Elena Vázquez Abal, catedrática da área de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, unha das matemáticas galegas de maior prestixio e recoñecemento no ámbito da investigación e da divulgación científica.

Os artigos incluídos neste sétimo volume son:


● Culpábel ou inocente? Estudo bayesiano da evidencia forense

● Valor preditivo das alertas de tormenta en Galiza. Bayes contra o lume

● Cando o VAR intervén. O teorema de Bayes na análise de decisións arbitrais

● O ciclo de nitróxeno en ecosistemas mariños galegos. Un modelo markoviano

● Evolución microbiana: aplicacións de Markov na aparición de superbacterias

● Fluxos no emprego: análise da dinámica laboral española mediante cadeas de Markov

● Do tránsito á confirmación: modelando deteccións de exoplanetas con binomial e normal

● A percepción humana da temperatura: estimación do erro medio na avaliación térmica

● Como nos engana a intelixencia artificial? Estimación da proporción de acertos na identificación de imaxes

● Velocidade de reacción ante estímulos visuais: estimación da media mediante intervalos de confianza


A presentación oficial da revista tivo lugar onte na Biblioteca do IES Marco do Camballón. O acto contou coa participación do alumnado autor dos traballos, profesorado do centro e da propia Elena Vázquez Abal, que compartirá co público asistente a súa visión sobre o papel das matemáticas e da investigación na sociedade actual.

Con esta iniciativa, o IES Marco do Camballón reafirma a súa aposta por unha educación baseada na investigación, no pensamento crítico e na divulgación científica, fomentando entre o alumnado o interese polas matemáticas e a súa aplicación aos retos do mundo contemporáneo.



A economía en primeira persoa: nace o noso podcast de 1º de Bacharelato

 A economía está presente no noso día a día, aínda que ás veces non sexamos plenamente conscientes diso. Detrás de cada decisión, de cada prezo, de cada elección de consumo, hai conceptos e dinámicas que explican como funciona o mundo que nos rodea.

Con esta idea nace o podcast de Economía elaborado polo alumnado de 1º de Bacharelato: un espazo de reflexión, aprendizaxe e comunicación no que os estudantes se converten en protagonistas, investigando, analizando e explicando temas económicos de actualidade dun xeito claro e próximo.





martes, 16 de junio de 2026

Intelixencia Artificial para a Sociedade

O alumnado de 4º de ESO de Intelixencia Artificial para a Sociedade gravou durante este curso uns programas de radio onde resumían parte dos contidos traballados na materia. Escoitando estes programas pódense aprender novas palabras relacionadas co mundo da IA, acontecementos históricos que marcaron o desenvolvemento deste ámbito, coñecer diversas aplicacións da IA no mundo real e reflexionar sobre as implicacións éticas e o debate moral que supón o seu uso. Todo iso ademáis acompañado dalgunha que outra curiosidade, recomendación ou mesmo algún chiste!














lunes, 15 de junio de 2026

Coñecendo o futuro: o alumnado de 4º de ESO visita os ciclos formativos do centro

 Nos últimos días, o alumnado de 4º de ESO tivo a oportunidade de achegarse a unha decisión importante para o seu futuro académico e profesional: coñecer de primeira man os ciclos formativos que se ofertan no noso instituto.


A visita centrouse especialmente en dúas opcións con grande proxección: o ciclo de  Soldadura e Caldeirería e o de Atención a Persoas en Situación de Dependencia. A través desta experiencia, o alumnado puido descubrir non só os contidos que se traballan en cada un deles, senón tamén as habilidades prácticas, os valores e as saídas profesionais que ofrecen.


No ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, da man de Imanol, o alumnado coñeceu unha formación centrada no coidado, na empatía e no acompañamento de persoas que precisan apoio no seu día a día. Achegáronse a situacións reais e comprenderon a importancia social e humana desta profesión.



No obradoiro de Soldadura e Caldeirería, dirixido por Lois e alumnado do ciclo,  observaron de preto o traballo con metais, as técnicas de unión e fabricación e a importancia da precisión e da seguridade neste ámbito. Foi unha ocasión para romper prexuízos e valorar unha profesión técnica con moita demanda no mercado laboral


.








sábado, 13 de junio de 2026

Toca despedida de Italia


Despedímonos de Montecatini a falar arredor das mesas, a rir e celebrar o final de bacharelato e imaxinar a vida despois do instituto. Uns para Lugo, outras para Vigo, Compostela ou a Coruña.
A mediodia collemos o bus para o aeroporto de Pisa. E despedímonos de Italia cun picnic rápido no aeroporto.
De Pisa ao Porto e do Porto ás Cruces. E esta fantástica viaxe chegou ao final.
Voltamos con moitas emocións, ideas, arte, cultura, linguas e moito mundo. Foi unha excursión alucinante!





viernes, 12 de junio de 2026

Un día entre arte, historia e memoria: Pistoia e Montecatini Alto

 Hoxe a viaxe por Italia levounos ata a fermosa cidade de Pistoia, unha xoia menos coñecida da Toscana pero chea de historia e encanto. Comezamos a xornada na súa impresionante praza central, onde se ergue o Duomo, a catedral de San Zeno, un edificio de orixe medieval reconstruído ao longo dos séculos e que conserva elementos románicos de grande valor, cun vínculo conexión simbólica cun lugar moi querido para nós: a Catedral de Santiago de Compostela.



Seguimos o percorrido ata o Museo dello Spedale del Ceppo, un lugar sorprendente que nos achegou á historia da medicina. Este antigo hospital, fundado no século XIII, funcionou durante máis de sete séculos e hoxe alberga un museo que combina arquitectura, arte e ciencia . Chamounos especialmente a atención o seu espectacular friso renacentista de terracota policromada e a colección de instrumentos cirúrxicos históricos, que nos fixeron reflexionar sobre a evolución do coidado da saúde ao longo do tempo .




Pero a nosa visita tamén tivo un toque literario e creativo: estivemos na procura de Corina Olimpia, unha improvisadora do século XVIII, figura fascinante que nos conecta coa tradición da palabra oral e da creación espontánea. 



Para rematar o día, desprazámonos ata Montecatini Alto, onde puidemos gozar das vistas e do ambiente tranquilo deste lugar elevado, perfecto para pechar a xornada con calma e contemplación.