jueves, 30 de octubre de 2025

Magosto no Camballón

Hoxe no noso instituto celebramos o tradicional Magosto, unha festa que combina a alegría do outono coa tradición galega. A última hora, todos puidemos degustar as deliciosas castañas asadas, que foron preparadas polo Concello, agradecendo así a súa colaboración para facer deste día un momento especial para toda a comunidade educativa.

 

 

 

Ademais, algúns dos nosos alumnos animáronse a disfrazarse, conmemorando tamén o Día de Samaín, e achegando un toque creativo e divertido á celebración.





Obradoiro de Sexualidade


Recibimos a visita do centro Quérote Máis, que como cada curso, presentou o recurso ao alumnado de 3º ESO e desenvolveron con eles un taller sobre sexualidade, fomentando o respecto, tolerancia e prevención. 

Coñecendo a Carlos Asorey Martínez

A Fundación Paco Lareo quere dar a coñecer a figura de Carlos Asorey Martínez, un destacado cineasta e cámara cruceño. Nado en Loño, Asorey desenvolveu unha traxectoria profesional marcada pola paixón polo cine e a imaxe, traballando en lugares tan emblemáticos como París e, xa de volta en Galicia, na
Televisión de Galicia (TVG).

A súa mirada creativa, o seu compromiso coa cultura e o seu labor no mundo audiovisual fan del unha persoa inspiradora, especialmente para quen soñan con contar historias a través da cámara.

Para honrar a súa memoria e promover o interese polo documental, a Fundación Paco Lareo organiza o I Concurso de Curtas Documentais sobre Carlos Asorey Martínez, unha iniciativa que busca achegar a súa vida e obra ao público e fomentar a creación audiovisual entre novas e novos creadores.

Como parte desta iniciativa, o noso alumnado terá a oportunidade de ver algunhas das curtas participantes, coñecendo de preto o legado de Carlos Asorey e descubrindo novas maneiras de mirar o mundo a través da cámara.

Ao mesmo tempo, participarán como xurado do certame, outorgando o Premio do Público e contribuíndo a poñer en valor a cultura no rural.

Panxoliñas, patrimonio inmaterial

O alumnado de 2º da ESO de Relixión estivo estes días a preparar e cantar panxoliñas tradicionais, que forman parte do noso patrimonio inmaterial.
Estas cancións falan de Xesús de Nazaret e están moi vencelladas á festividade do Nadal, axudándonos a lembrar o seu verdadeiro significado mentres gozamos da música e das tradicións de sempre.

Vinde velo neno Chegaron a pé

miércoles, 29 de octubre de 2025

O talento do noso alumnado en Silleda


Hoxe, o alumnado de FP dos ciclos formativos de grao medio en Soldadura e Caldeirería, e en Atención a persoas en situación de dependencia, mediu o seu talento en Silleda. Foi unha xornada de aprendizaxe e demostración de habilidades, na que puideron poñer en práctica todo o que aprenderon nos seus respectivos ciclos formativos, demostrando esforzo, compromiso e profesionalidade.

Unha clase diferente de Relixión na radio



Hoxe o alumnado de 1º de ESO de Relixión tivo unha experiencia única: explicaron na radio as relixións desaparecidas da historia.

 

 

 

 

 

Faláronnos da Prehistoria, Mesopotamia, Exipto, Grecia e Roma, compartindo curiosidades e datos sorprendentes sobre estas culturas antigas.

Tivemos dous presentadores excepcionais, Brais e Hugo, que guiaron a emisión con gran seguridade, a pesar de que todos estaban algo nerviosos.
Foi, sen dúbida, unha experiencia enriquecedora e diferente que quedará na memoria do alumnado.






lunes, 27 de octubre de 2025

Preparativos e celebración do Magosto na biblioteca


O noso voluntariado estivo estes días decorando a biblioteca para que,  todos poidamos gozar do Magosto, Samaín e, por suposto, das castañas.


 Agardamos que o noso alumnado se anime a disfrazarse e participar nesta tradición tan divertida.



 Esperámosvos o xoves, á última hora, para compartir as castañas e celebrar xuntos esta festa do outono!

viernes, 24 de octubre de 2025

Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas!


 Durante o recreo, coa colaboración da nosa profe de costura, Maruja da Cunca,  e do alumnado voluntario, dedicámonos a pintar e decorar bolsas de tea co logo da nosa biblioteca. Foi unha actividade creativa, divertida e chea de cor! 

E isto non remata aquí: seguiremos pintando durante toda a próxima semana.Se queres participar, aínda estás a tempo! 









II Obradoiro de Pinto de Herbón

 Hoxe volveu Pinto de Herbón para facer outro obradoiro de Regueifa.
 


Quero, quérome, querémonos

 





Rematamos o obradoiro "Quero, quérome, querémonos", iniciado a semana pasada co alumnado de formación profesional básica e o ciclo medio de atención a persoas en situación de dependencia. Nesta ocasión, o alumnado continuou a reflexionar sobre o amor romántico, achegouse ao coñecemento dos indicadores dunha relación sana e insana e puido coñecer moito sobre sexualidade a través do xogo en equipos.



jueves, 23 de octubre de 2025

Obradoiros de danza e música con Mondra

Hoxe visitounos @mondra.gz que impartiu dous obradoiros sobre danza e música ao alumnado da ESO e Bacharelato.

Contounos moitas cousas sobre as foliadas que se facían antigamente e sobre os bailes e os instrumentos que se utilizaban nelas.



 Bailamos, tocamos as cunchas e aprendimos moito sobre instrumentos tradicionais.

Moitas grazas pola túa visita, esperamos verte polo noso centro de novo!!

Masculinidade en prol da igualdade


Continuamos a traballar en materia de igualdade, desta volta, reflexionando sobre os estereotipos e roles de xénero cos alumnos do 1º curso do ciclo medio de soldadura e caldeiraría. Entre outras cuestións, falamos da influenza da socialización diferencial na construción do xénero, de conciliación e corresponsabilidade. Porque a masculinidade non está reñida coa igualdade.



miércoles, 22 de octubre de 2025

Visita á Biblioteca Municipal Neira Vilas

 O alumnado de 1º de ESO visitou hoxe a Biblioteca Municipal Neira Vilas de Vila de Cruces.

A súa responsable, Elsa, explicoulle ao grupo as normas de funcionamento, amosoulles os fondos e as instalacións da biblioteca e informoulles sobre o procedemento para obter o carné de usuario/a.

Foi unha visita moi interesante que lles permitiu coñecer de preto este importante espazo cultural do noso concello.