miércoles, 28 de enero de 2026

A paz nos ollos do alumnado de 3º de ESO


Durante as últimas sesións na materia de Relixión, o alumnado de 3º de ESO estivo a traballar e reflexionar arredor dun valor fundamental para a convivencia: a paz.

A actividade comezou cunha pregunta sinxela pero profunda: Que é a paz para ti? A partir das súas respostas xurdiron palabras como respecto, diálogo, xustiza, solidariedade, liberdade, igualdade ou convivencia. O alumnado tamén identificou situacións nas que perciben a ausencia de paz, tanto a nivel mundial como no seu propio entorno máis próximo.

Posteriormente reflexionaron sobre as causas dos conflitos, sinalando aspectos como a falta de diálogo, as desigualdades sociais, o abuso de poder, a discriminación, a pobreza, o racismo ou a intolerancia. Ao mesmo tempo analizaron que cousas contribúen á construción da paz, destacando a importancia da educación, da empatía, da cooperación, da solidariedade, do respecto ás diferenzas e da resolución pacífica dos conflitos.

Unha parte moi significativa da actividade foi o análise crítico de noticias reais aparecidas no xornal. Cada alumno e alumna escolleu dúas noticias: unha relacionada cun conflito ou situación de inxustiza, e outra vinculada a iniciativas ou accións que contribúen á paz.

En cada exposición explicaron de que trataba a noticia, que tipo de conflito ou problema reflectía, que persoas estaban implicadas e que consecuencias tiña para a sociedade. Ademais, remataron cunha frase persoal de reflexión, expresando o que esa noticia lles facía pensar e que aprendizaxe sacaban dela.





Grazas a este traballo, o alumnado puido comprender que a paz non é só a ausencia de guerra, senón un proceso diario que se constrúe con pequenos xestos, decisións xustas e actitudes responsables.

Como conclusión compartida, quedou clara unha idea: todos e todas podemos facer algo para construír a paz desde o noso propio entorno.



Visita a Casas das Ciencia e ao MUNCYT

 O xoves pasado o alumnado de 2º ESO e 3ºESO visitou A Coruña con intencións moi científicas. A primeira parada foi na Casa das Ciencias, onde os nosos rapaces e rapazas puideron explorar fenómenos físicos xogando e experimentando. Os máis afortunados tamén  presenciaron o nacemento dun poliño.

Logo dirixímonos ao MUNCYT. Aquí realizamos experimentos en grupo que nos permitiron coñecer o pH de diferentes sustancias da nosa vida diaria, como o limón, o vinagre ou o bicarbonato. Para iso empregamos unha hortaliza que non a todos nos gusta: a col lombarda. Unha vez rematados os experimentos, realizamos unha visita guiada polo museo, cheo de obxectos e tecnoloxía. 
Na Sala Maiúsculas puidemos ver o primeiro ordenador que chegou a España, un acelerador de partículas contruido no noso país ou a linterna usada antigamente na Torre de Hércules. Tamén nos chamou moito a atención unha sala adicada ao século XX, na que se expoñía un invento por ano, dende o 1901 ata o 1999. Pero, sen dúbida, o que máis nos chamou a atención foi o avión Boeing 747, exposto por pezas e famoso por traer o Guernica a España. Sabiades que houbo que tirar unha parede do MUNCYT para instalar o avión na seu interior. Animávosmos a visitar o museo, está cheo de curiosidades!!



martes, 27 de enero de 2026

IX Encontro Intercentros de entroido

O vindeiro 6 de febreiro celebrarase no Auditorio Xosé Casal o IX Encontro Intercentros de Entroido do Concello de Vila de Cruces, unha xornada de convivencia que reunirá ao alumnado dos tres centros educativos do concello.                                                   Este encontro favorece que a historia e a tradición do Entroido continúen vivas nas novas xeracións, promovendo o coñecemento e o respecto polo patrimonio cultural propio de Vila de Cruces.   Se o tempo acompaña, a xornada completarase cun momento moi especial: o desfile dos Primeiros Xenerais das Cruces, que percorrerán a Rúa Vázquez, continuando pola Travesía Vázquez nº 5 ata chegar ao auditorio, onde se escoitarán os tradicionais vivas, enchendo as rúas de música, cor e tradición.                        A tradición dos Xenerais das Cruces cumpre este ano 50 anos de historia. A súa orixe remóntase a cando un grupo de mozos do pobo decidiu modificar e dar forma a unha celebración que hoxe é sinal de identidade do Entroido cruceño.                             Naqueles primeiros anos, chamaron aos xenerais dalgunhas das parroquías do concello —Bascuas, Camanzo, Duxame, Merza, Ollares ou Piloño— para participar nos actos. De cal delas foi exactamente o primeiro xeneral? Non o sabemos con certeza, pero esa incógnita tamén forma parte da riqueza dunha tradición transmitida de xeración en xeración, máis viva ca nunca.
Unha cita xa consolidada no calendario educativo e cultural do concello, que combina educación, convivencia e identidade local.


viernes, 23 de enero de 2026

Primicia do voluntariado da radio

 O alumnado voluntario da radio, estivo contando unha primicia, que irán facer para o entroido? Terá algo que ver cunha actividade que veu impartir membros do Entroido de Salgueiros?






miércoles, 21 de enero de 2026

Investigando parque Naturais de España

 O alumnado de 2º de Bacharelato realizou unha actividade de investigación sobre varios Parques Nacionais de España, co obxectivo de coñecer mellor a súa riqueza natural, a súa biodiversidade e a importancia da súa conservación. Organizados en grupos, cada equipo buscou información sobre un espazo protexido diferente: o Parque Nacional de Timanfaya, a Serra Nevada, as Táboas de Daimiel, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, Aigüestortes i Estany de Sant Maurici, os Picos de Europa e o Arquipélago de Cabrera.
Durante o traballo, o alumnado investigou aspectos como a localización xeográfica, a paisaxe, o clima, a flora e a fauna características de cada parque, así como as principais ameazas ambientais ás que se enfrontan. Tamén reflexionaron sobre a importancia de protexer estes espazos naturais e sobre o papel que desempeñan na loita contra o cambio climático e na conservación da biodiversidade.
Finalmente, cada grupo compartiu coa clase a información recompilada mediante pequenas exposicións orais, acompañadas de imaxes e datos relevantes. A actividade permitiu ao alumnado ampliar os seus coñecementos sobre o patrimonio natural español, desenvolver habilidades de busca e selección de información e tomar conciencia da necesidade de coidar e respectar os espazos naturais.