GRAZAS
POLA VISITA!
O pasado xoves 28 de novembro
visitounos Salva Bará, profesor de Óptica da Facultade de Física da USC,
respondendo á invitación que lle fixeron o Club da Lingua e a Biblioteca.
Nunha entretida e
interesantísima conferencia, coa súa posterior quenda de preguntas, díxonos,
entre outras moitas cousas, que non só estamos feitos da mesma materia que os
soños –como afirmaba Shakespeare– senón que, literalmente, a nosa orixe está
nas estrelas, pois a maior parte dos átomos que conforman a materia (tamén a
nosa) forxáronse no interior de astros que, ao estoupar, difundíronos polo
espazo.
Por desgraza, a absorbente
atención que prestamos a todo tipo de aparellos de entretemento (dende a
televisión ata as tabletas e os ordenadores) xa case nos impide levantar a
cabeza e contemplar esa marabilla incomparable que é o ceo –e se atopamos
ocasión de facelo, a contaminación lumínica que producen as vilas e cidades
pode converterse, ás veces, nun obstáculo insalvable.
Desde logo, non era así para
os nosos devanceiros, que construíron as mámoas –as de Oirós e tantas outras
repartidas polo noso país– cos ollos postos no firmamento, orientadas polo
xeral cara ao nacemento do sol no solsticio de inverno.
Pero no
Camballón somos dobremente afortunados,
porque
Salva Bará estará de novo connosco o vindeiro
VENRES 10
DE XANEIRO de 2014.
E non virá
só, senón acompañado dos seus telescopios!
Queredes
botar unha ollada aos camiños do universo?
Aquí
estaremos, coa xanela aberta ao infinito.
Consulta aquí a noticia no Faro de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario