lunes, 21 de mayo de 2018

Aventura no País Vasco

Entre os días 16 e 19 de maio fomos de aventura ao País Vasco, a penúltima actividade da Regueifesta deste curso 2017-2018. Chamámoslle Regueibertso porque esta experiencia é un intercambio entre a Regueifa da Galiza e o bertsolarismo de Euskal Herria. Facemos improvisación oral en verso e aprendemos pasándoo ben.

De Galicia fomos alumnado do Camballón e dos institutos de Baio e Burela. E alá tivemos unha programación moi, moi completa. O primeiro día, o Día das Letras, celebrámolo cun acto no IES de Arratia, cunha comida comunal con marmitako, -riquísimo!- e logo á tarde cun festival da improvisación nun Auditório de Igorre cheo até a bandeira onde improvisamos con dúas das persoas que mellor improvisan no planeta: Maialen Lujanbio, -actual campiona do mundo de bertsolarismo- e Sustrai Colina. 

Ali tamén cantamos e deixamos ben alto a nosa Vila de Cruces. 

O día seguinte perdémomos no monte, nunha actividade de orientación moi divertida, que compartimos facendo grupos co alumnado basco. Á tarde fomos coñecer Otxandio, unha fermosa vila euskaldún. E o sábado, 19 fomos protagonistas dun Bertso-Saio (acto de repentismo) especial Regueifa, onde o público puido coñecer a nosa forma de cantar con diferentes melodías.

O máis importante desta aventura foi a amizade co alumnado de Baio e Burela. Non só formamos un grupo tradicional novo -que chamamos "20 en vascos"- senón que tamén encaixamos de marabilla durante toda a excursión e xa nos tarda vernos de novo. 

O Proxecto Regueifesta continúa adiante con máis forza. E despois deste 3º Regueibertso esperamos impacientemente o vindeiro curso e as próximas aventuras na terra euskaldún. 

Viva a improvisación oral en verso!

No hay comentarios:

Publicar un comentario