viernes, 22 de marzo de 2019

Explorando os límites do libro e a poesía

Durante esta semana na materia de Lingua galega e literatura, o alumnado de 1º de ESO comezou unha tarefa que ten como finalidade última a realización dun minilibro poético, aproveitando a actividade suxerida pola Biblioteca para celebrar o 23 de abril.
A tarefa iniciouse cunha breve investigación sobre a orixe do Día Internacional da Poesía e do Día do Libro. Posteriormente, o alumnado visitou a exposición de libros, organizada polo departamento coa axuda da Biblioteca, que se colocou na nova e flamante Sala do alumnado; alí observaron e manipularon libros poucos convencionais, tanto de narrativa como de poesía, e comprobaron que poden ter formatos moi diversos e mesmo soprendentes, ao tempo que admiraron a calidade artística dalgúns exemplares.
A segunda parte da sesión estivo dedicada á lectura de poesía: cadaquén escolleu o libro/s que lle chamou a atención dunha selección duns 20 poemarios do fondo da biblioteca. O obxectivo fundamental era desmontar prexuízos sobre a poesía e abofé que comprobaron que a poesía non sempre ten que rimar, nin ser aburrida, nin tratar de amor, nin ser incomprensible… Os libros que maior entusiasmo espertaron foron, sen dúbida, os de Carlos Negro (Makinaria e Penúltimas tendencias), Ronseltz (Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados) e Lupe Gómez (Poesía fea), pero non os únicos.
Na seguinte fase do proceso toca escoller un poema/s ou aplicar os novos coñecementos para compoñer un propio e deseñar o minilibro (a ver se algo da beleza e sorpresa do que viron deixou pegada). Seguimos traballando e proximamente teremos os resultados finais, pero non pode haber poema máis redondo para unha docente ca ver ao alumnado abalanzándose sobre unha caixa de poemarios coma se estivese repleta de lambonadas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario