martes, 14 de mayo de 2019

Viaxe de repentistas do Camballón a Cataluña


O alumnado dos institutos das Cruces e de Baio viaxaron a Barcelona para participar nunhas xornadas de improvisación oral en verso xunto a adolescentes de Euskal Herria e de Cataluña.

O ano pasado foi Cataluña quen se sumou á experiencia e alumnado de Barcelona achegarase a Compostela para participar na Regueifesta 2018 con bascos e alumnado galego das catro provincias.

O primeiro día chegamos ao Ateneu Popular de Nou Barris e alí coñecemos o alumnado do convivio. Algunhas das alumnas xa levan catro anos de aventura, para outros era a primeira vez, e as actividades de presentación foron dinámicas e divertidas, e comezamos a improvisar xa desde o primeiro momento!

Ás 19.00 o teatro do Ateneu encheuse e tivo lugar o primeiro espectáculo, onde as representantes galegas se presentaron cantando, e improvisaron a partir do primeiro verso "Non hai auga para todos" e, finalmente, construíron unha copla a partir dun tema dado: "Tes que comprar mazás... Cales comprarías, as que veñen de moi lonxe e explotan traballadoras e destrúen o medio ambiente, e son máis baratas, ou as que veñen de perto da túa casa e son máis caras?

Ao día seguinte visitamos o IES Ramón Berenguer de Santa Coloma, un centro con moita inmigración de todas as partes do mundo e onde o catalá é lingua de unión. E subimos ao poboado íbero que, polo Camiño das Bruxas, fica ao pé do centro escolar. Foi un paseo duro mais valeu moito a pena porque no alto, na hora de tempo libre, apareceu a música de forma espontánea e cantamos e danzamos cada quen na súa lingua. Un momento máxico! 

De volta no instituto, o noso alunado regueifou de forma brillante sobre uns obxectos que a persoa que presentaba colocou no palco. Unha proba moi divertida!

Á tarde, roteiro polo bairro de Gràcia! Fantástico! Estivemos no local dunha asociación viciñal e despois no Centre Tradicionarius, onde nos falaron sobre cultura participativa, asociacionismo e música tradicional. 

E á tardiña visitamos o instituto Montserrat, e coas famílias e o alumnado do centro cantamos improvisando sobre varios temas. O máis divertido: ter que construír unha copla con palabras en euskera e catalá.

O terceiro dia foi o día do Improversem, o grande Encontro de Improvisación escolar catalá. O tema sobre o que tocou improvisar, o feminismo. E cun pé forzado apareceron coplas da embaixada galega como estas: 

Acabar co patriarcado
iso está nas nosas listas
vouvos dicir unha cousa
que nós somos feministas

Sonvos unha muller brava
e veño desde Galicia
e como nos é debido
nós sómosvos feministas. 

Desde o 8 de marzo
demostrouse o que sabía
as mulleres saen á calle* (rúa)
e nós somos feministas


Viva a Regueifesta! Viva Improversem! Gora Euskal Herria, Visca Catalunya, Viva Galicia!


No hay comentarios:

Publicar un comentario