viernes, 24 de octubre de 2014

III Concurso de Relato Breve





BASES

A BIBLIOTECA do IES “Marco do Camballón”

CONVOCA

SÍGUEME !

III CONCURSO de  RELATOS

Participantes: poderá tomar parte no concurso todo o alumnado matriculado no centro no curso académico 20142015.

Presentación: Cada participante poderá presentar, se así o desexa, ata dous relatos escritos en lingua galega. Nun sobre, introduciranse o relato, asinado cun pseudónimo, e un folio no que constarán os seguintes datos:

Pseudónimo
Nome e Apelidos
Curso e grupo


Tema: os relatos serán a continuación do seguinte fragmento de inicio escrito polo autor Fran Alonso:

O día en que desapareceu Xoel sucederon demasiadas cousas estrañas. Deitárame moi cansa, durmira profundamente e erguérame coa sensación de proceder dun lugar moi afastado e profundo. Para comezar, espertoume con brusquidade unha chamada telefónica desconcertante. Cando apañei o teléfono só escoitei a música de London Calling, de The Clash, logo de que unha voz robotizada pronunciase o meu nome: María. Curiosamente, esa é a miña canción favorita. Logo, cando fun almorzar, non quedaba café. Xa sei que pode parecer que iso non ten nada de raro, pero Xoel nunca marchaba da casa sen deixar o café feito. El sabía que eu son adicta ao café pola mañá, para cargarme de toda a enerxía que unha veterinaria necesita na súa xornada laboral. E, finalmente, cando saín pola porta para ir traballar, descubrín que durante a noite alguén metera dentro do meu coche a touriña que acababa de nacer, un par de porcos e todas as galiñas que temos na casa.
  

Extensión: as obras presentadas non excederán as cinco páxinas a ordenador (arredor de 1200 palabras), incluíndo o inicio do relato do que hai que partir.

Prazo: os relatos entregaranse na Biblioteca ata o luns 1 de decembro de 2013.
O resultado do concurso será publicado na Biblioteca o mércores 17 de decembro.

Xurado: estará formado por un membro do equipo da biblioteca, do departamento de Lingua galega e do departamento de Lingua castelá.

Premios: establécense dúas categorías:

         Categoría A: 1º, 2º, 3º e 4º de ESO
         Categoría B: 1º e 2º de Bacharelato e Ciclo.

Haberá un único premio por categoría dotado cun vale por 50 € en material de libraría ou tecnolóxico. Ademais os relatos ganadores serán publicados no blogue Abre os ollos.

Ø  Os premios poderán ser declarados desertos no caso de non acadaren os relatos presentados un mínimo de calidade.

Ø  Se se constatase que un relato constitúe copia doutro, non será tido en conta.


Ánimo a todos e todas!



martes, 21 de octubre de 2014

Rexistro para o concurso CambaNet




Hoxe comeza o prazo de rexistro no concurso CambaNet. Temos ata o día 27 ás 20:00 horas para apuntármonos.

Non deixedes pasar esta ocasión!!!



Xogas unha partida?




Este curso as bibliotecas Escolares andamos ás voltas coas Ciencias Exactas.
Da colaboración do Departamento de Matemáticas e a biblioteca naceu o proxecto de divulgar entre o alumnado do centro o xogo de xadrez.
Tod@s @s que saibades xogar podedes facelo de 11:30 a 11:55 na aula 106 onde hai taboleiros á vosa disposición.
Para @s que descoñecen os aspectos básicos deste xogo, daranse unhas sesións de introdución ás súas regras. Para iso haberá que anotarse nas follas de inscrición situadas na Biblioteca e na aula 106.


Participade!

viernes, 17 de octubre de 2014

Calendario

Este é o calendario do desenvolvemento do concurso CambaNet:



Podería cambiar a orde de intervención dos distintos departamentos, pero o programa para o mes de novembro é definitivo:

Departamento de Matemáticas:      

  • semana do 4 ata o 7 de novembro
  • semana do 10 ao 14 de novembro


Departamento de Educación Física:

  • semana do 17 ao 21 de  novembro
  • semana do 24 ao 28 de  novembro



jueves, 16 de octubre de 2014

CambaNet

Concurso CambaNet 2014-2015




A biblioteca do IES Marco do Camballón e os Departamentos de Lingua Galega, Matemáticas, Ciencias Sociais, Relixión, Música, Latín e Grego, Normalización, Plástica, Lingua Castelá, Filosofía, Educación Física e Orientación convocan o concurso CambaNet 2014-2015.

BASES

·        Poderá participar todo o alumnado do centro.
·       A participación será individual ou en grupos de ata 3 persoas que poderán ser de distintos cursos. Cada persoa só poderá participar nun equipo.
·   É indispensable rexistrarse no blogue da biblioteca (Abre os ollos). Para rexistrarse débese proceder do seguinte xeito:
o   Entrar no blogue Abre os ollos e buscar a entrada titulada “Rexistro para o concurso CambaNet 2014-2015”.
o   Enviar un comentario no que se detallen: nome, apelidos e curso de cada un dos participantes, nome do equipo (este nome será o que aparecerá nas listaxes de clasificación).
o   No apartado Comentar como: seleccionar perfil seleccionar Anónimo. Tamén se pode escoller Nombre/URL e escribir aí o nome do equipo (deixando en branco URL)
o   O prazo para rexistrarse será desde as 9:00h do día 21 de outubro ás 20:00h do día 27 de outubro. Non se admitirán rexistros fóra dese prazo.
o   A listaxe definitiva de grupos rexistrados publicarase o xoves 30 de outubro ás 9:00h.

En que consiste o concurso
·        O concurso comezará en novembro e rematará na primeira semana de xuño. A temática do concurso é variada. Cada departamento participante formulará dúas preguntas por semana. O departamento de Matemáticas será o encargado de poñer en marcha o concurso que comezará  o martes 4 de novembro.
·        Cada semana publicarase no blogue unha entrada con dúas preguntas que deberán ser respondidas no prazo establecido mediante o envío dun comentario.
·        O calendario de publicación das preguntas, respostas e clasificación da primeira fas será o seguinte:
o   1º bloque de preguntas: do martes 4 ata o venres 7 de novembro. Respostas e clasificación: domingo 9 de novembro.
o   2º bloque de preguntas: do luns 10 ata o venres 14 de novembro. Respostas e clasificación: domingo 16 de novembro.
·        A cualificación final será a suma de todas as respostas emitidas ao longo do concurso. De producirse un empate, establecerase un calendario especial para responder a unha “superpregunta” de desempate na que cada departamento participante formulará unha cuestión.
·        O sistema de puntuación das preguntas será o seguinte:
o   Cada resposta correcta: 5 puntos
o   Resposta correcta con 1 falta de ortografía: 4 puntos
o   Resposta con máis de 1 falta de ortografía, incorrecta ou fóra de prazo: 0 puntos
Xurado e premio
O xurado estará constituído por un representante de cada un dos departamentos participantes e un membro do equipo da biblioteca.
Haberá dous premios, o 1º dotado con 300 € e o 2º con 150 €.


BOA SORTE A TOD@S!


lunes, 13 de octubre de 2014

Nobel de Literatura 2014



O novelista francés Patrick Modiano é o premio Nobel de Literatura 2014.
Aquí tedes tres enlaces onde podedes informarvos sobre a súa obra,

Pero se o queredes coñecer máis de cerca, pasade pola biblioteca e levade algunha das súas novelas, atoparédelas buscando as seguintes signaturas:


N/MOD/cir
N/MOD/bar
N/MOD/hie

Boa lectura!