jueves, 22 de diciembre de 2022

Felices festas



Boas Festas!!


Festival de Nadal

Rematamos o trimestre entregando os premios do Proxecto Universo. Parabéns a 1º e 2º do ciclo de TAPSD e 1º de Soldadura que acadaron o primeiro premio e o segundo premio foi para o alumnado de 1ºA e 1ºB de ESO!! Parabéns.

Tamén estivo con nós Celso Fernández Sanmartín coas súas historias e contos de vida tradicional e visionaron curtametraxes.



miércoles, 21 de diciembre de 2022

Taller de repostería


Hoxe iniciamos os talleres de postres de nadal!! Durante o recreo as alumnas voluntarias, coordinadas pola profe Elena do Ciclio de TAPSD, realizaron dúas receitas. Como vedes os postres teñen moi boa pinta!! Se queredes probalos podedes vir mañá durante o recreo á biblio e, de paso, levar algún libro!


 

Pandeirada

Este vídeo, elaborado no IES Marco do Camballón, dirixido pola exalumna Nerea Fiuza, é o resultado dun proceso de creación co músico Xabier Díaz, autor da música da canción. Mil grazas! 
Alumnas, alumnos, profes e Xabier traballamos co poema Pandeirada de Florencio é o resultado. Estamos cheos de orgullo.
é un proxecto impulsado polo Club da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e o EDNL do IES do Milladoiro, coa finalidade de fomentar motivacións favorables cara a nosa lingua, así como un incremento e mellora do seu uso, e, ao mesmo tempo, coñecer a obra e a vida do autor homenaxeado.


Viva o poeta que baila! Viva a música e o baile nos centros de ensino. 

Este proxecto recibíu un premio de Innovación en Normalización Lingüística da Xunta de Galicia no curso 2021-2022.






 

Presentación dos vídeo-clips do proxecto "O poeta que baila"

Presentación dos vídeo-clips do proxecto "O poeta que baila" do IES do Milladoiro e do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces

O vindeiro mércores 21 de decembro, ás 11:00h, presentaranse nunha gala no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os dous vídeos musicais que, a partir de dous poemas de Florencio Delgado Gurriarán, musicaron as comunidades educativas dos dous centros de ensino. A maiores teremos unha serie de actuacións do alumnado de ambos centros unindo música, danza e palabra baixo un mesmo propósito solidario:  xuntar produtos de nadal para o banco de alimentos do Concello de Ames.

O proxecto "O poeta que baila" realizouse ao longo do pasado curso e mais no curso actual e ten como obxectivo coñecer e dar a coñecer a vida e obra do poeta homenaxeado o Día das Letras Galegas 2022, vinculando os seus valores aos valores da xuventude galega do século XXI. 

O proxecto gañou o Premio á Innovación Educativa en Normalización Lingüística no 2022. 

"O poeta que baila" é un proxecto que xira arredor do baile, a música, a literatura e a lingua, coa finalidade de ligar lingua, música e xente nova. 

Neste sentido, como fin do proxecto presentaranse os dous vídeos musicais:

No IES Milladoiro foi musicado o poema “Sede na nova Galiza” nun proceso creativo conxunto co alumnado do “Colectivo Euterpe” e artistas como Xurxo Souto (encargado de enxarmar a melodía), Lola de Ribeira (voz e percusións), Ricardo Gurriarán (emocións e voz) e Richi Casás (saxo). O vídeo-clip foi dirixido pola artista Antía Ameixeiras e coregrafado polo corpo de baile do noso alumnado. Unha rancheira-galega achegada ao paso dobre para danzar coa poesía cautivadora de Florencio Delgado Gurriarán.

No IES Marco do Camballón de Vila de Cruces foi musicado o poema "Pandeirada" nun proceso conxunto entre o músico Xabier Díaz e alumnado e profesorado do instituto. O poema representa unha foliada con adufes e pandeiretas e outros instrumentos e o vídeo, dirixido por Nerea Fiúza, protagonizado un baile tradicional coreografado polo alumnado das Cruces.

Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Valdeorras, 1903-1987) é autor dunha obra literaria que nos axuda e coñecer unha época histórica e a súa poesía ábrenos portas para nos coñecer a nós mesmas. 

A través de diversos materiais e actividades descubrimos a Florencio e a súa obra, aproveitando para coñecer e bailar a música e o baile tradicional e as relacións entre a música latina e a música galega actual. 

Mais alá do coñecemento da súa obra, quixemos activar unha sensibilidade cara ao propio sentido lúdico e festivo da poesía de Florencio, ademais dun sentido crítico sobre a súa vida e produción literaria. Por iso entre as propostas deste proxecto ocupan un lugar fundamental accións e actividades prácticas, sociais, de dinamización do alumnado nos centros de ensino e, de forma colectiva, a través das redes sociais. Mais, sobre todo, actividades vividas cos nosos corpos, en grupo, en comunidade, persoalmente. 

Quixemos unir a poesía e a festa a través do baile, na procura de experiencias reflexivas e emocionais dentro e fóra das aulas.

“O poeta que baila” quere aproveitar a oportunidade de ligar poesía e festa, dous impulsos vitais dun home crítico coa súa realidade social, activista do galeguismo, antifascista, defensor dos dereitos humanos, de vontade vitalista e que cría na capacidade do humor, a retranca, a música, o baile e a festa para mudar o mundo.


martes, 20 de diciembre de 2022

Proxecto Universo

 Hoxe reuníuse co comité de expertos do Camballón para fallar os premios deste trimestre, aquí mostramos algunhas das decoracións e procesos de traballo do alumnado. Os premios serán entregados o xoves 22.