Mostrando entradas con la etiqueta O poeta que baila. Florencio Delgado Gurriarán. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O poeta que baila. Florencio Delgado Gurriarán. Mostrar todas las entradas

miércoles, 21 de diciembre de 2022

Presentación dos vídeo-clips do proxecto "O poeta que baila"

Presentación dos vídeo-clips do proxecto "O poeta que baila" do IES do Milladoiro e do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces

O vindeiro mércores 21 de decembro, ás 11:00h, presentaranse nunha gala no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os dous vídeos musicais que, a partir de dous poemas de Florencio Delgado Gurriarán, musicaron as comunidades educativas dos dous centros de ensino. A maiores teremos unha serie de actuacións do alumnado de ambos centros unindo música, danza e palabra baixo un mesmo propósito solidario:  xuntar produtos de nadal para o banco de alimentos do Concello de Ames.

O proxecto "O poeta que baila" realizouse ao longo do pasado curso e mais no curso actual e ten como obxectivo coñecer e dar a coñecer a vida e obra do poeta homenaxeado o Día das Letras Galegas 2022, vinculando os seus valores aos valores da xuventude galega do século XXI. 

O proxecto gañou o Premio á Innovación Educativa en Normalización Lingüística no 2022. 

"O poeta que baila" é un proxecto que xira arredor do baile, a música, a literatura e a lingua, coa finalidade de ligar lingua, música e xente nova. 

Neste sentido, como fin do proxecto presentaranse os dous vídeos musicais:

No IES Milladoiro foi musicado o poema “Sede na nova Galiza” nun proceso creativo conxunto co alumnado do “Colectivo Euterpe” e artistas como Xurxo Souto (encargado de enxarmar a melodía), Lola de Ribeira (voz e percusións), Ricardo Gurriarán (emocións e voz) e Richi Casás (saxo). O vídeo-clip foi dirixido pola artista Antía Ameixeiras e coregrafado polo corpo de baile do noso alumnado. Unha rancheira-galega achegada ao paso dobre para danzar coa poesía cautivadora de Florencio Delgado Gurriarán.

No IES Marco do Camballón de Vila de Cruces foi musicado o poema "Pandeirada" nun proceso conxunto entre o músico Xabier Díaz e alumnado e profesorado do instituto. O poema representa unha foliada con adufes e pandeiretas e outros instrumentos e o vídeo, dirixido por Nerea Fiúza, protagonizado un baile tradicional coreografado polo alumnado das Cruces.

Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Valdeorras, 1903-1987) é autor dunha obra literaria que nos axuda e coñecer unha época histórica e a súa poesía ábrenos portas para nos coñecer a nós mesmas. 

A través de diversos materiais e actividades descubrimos a Florencio e a súa obra, aproveitando para coñecer e bailar a música e o baile tradicional e as relacións entre a música latina e a música galega actual. 

Mais alá do coñecemento da súa obra, quixemos activar unha sensibilidade cara ao propio sentido lúdico e festivo da poesía de Florencio, ademais dun sentido crítico sobre a súa vida e produción literaria. Por iso entre as propostas deste proxecto ocupan un lugar fundamental accións e actividades prácticas, sociais, de dinamización do alumnado nos centros de ensino e, de forma colectiva, a través das redes sociais. Mais, sobre todo, actividades vividas cos nosos corpos, en grupo, en comunidade, persoalmente. 

Quixemos unir a poesía e a festa a través do baile, na procura de experiencias reflexivas e emocionais dentro e fóra das aulas.

“O poeta que baila” quere aproveitar a oportunidade de ligar poesía e festa, dous impulsos vitais dun home crítico coa súa realidade social, activista do galeguismo, antifascista, defensor dos dereitos humanos, de vontade vitalista e que cría na capacidade do humor, a retranca, a música, o baile e a festa para mudar o mundo.


sábado, 22 de octubre de 2022

Gala do Premio de Poesia Florencio Delgado Gurriarán.


 Lara, Aldara, Inés, Ainara, Nerea e Aroa, en representación do proxecto O poeta que baila, participaron na Gala do Premio de Poesia Florencio Delgado Gurriarán. 


Presentaron, falando e bailando, o vídeoclip "Pandeirada", dirigido por Nerea Fiúza, con música de Xabier Diaz e interpretado polo alumnado do Clube da Língua. Foi unha festaza! 

Viva Florencio! Viva O poeta que baila!

lunes, 13 de junio de 2022

O poeta que baila. Florencio Delgado Gurriarán




Hai poucas cousas tan valiosas como a enerxía das adolescentes facendo música nun estudo de gravación. Algo así como ver cumprido un soño. E este soño debémosllo no Marco do Cambalhom a Xabier Diaz, un grande, bo e xeneroso que nos acompañou e axudou no proxecto "O poeta que baila". Hai moi que falar sobre como a música e a/os artistas deste país están a construír día a día a nosa cultura, lingua e identidade. Sobre como o activismo educativo consegue desenvolver proxectos valiosos e ilusionantes coa axuda do mundo da cultura e como as administracións poderían apoiar proxectos por todo o país seguindo modelos que funcionan e transforman. O desenvolvemento educativo e lingüístico dun país é proporcional, como dicía Paulo Freire, á inversión económica dos responsables políticos. E como non hai ningún programa na tvg para a xente nova, e a radio galega música relega a nosa música a un terceiro plano, e os medía convencionais marxinan o noso idioma, ten que ser o movemento social quen constrúa cultura, lingua e identidade o día a día, nos pequenos grandes proxectos locais. Como dicía a canción: a nosa historia facémola nós.

Hoxe foi un día para chorar de alegría! Foi fascinante! Grazas, Xabier, por compartir a túa enerxía, experiencia e calor co Marco do Camballon.



martes, 26 de abril de 2022

A Radio Galega no Camballón



 Belén Regueira e Manolo Palmeiro, da Radio Galega, estiveron no Marco do Camballon entrevistando alumnado e profesorado sobre o proxecto "O poeta que baila". Que ben falou o alumnado!  Uxía e Xurxo falaron sobre Florencio Delgado Gurriarán. Ainara e Aldara falaron sobre o baile que estamos a ensaiar sobre o tema con Xabier Díaz.


miércoles, 16 de marzo de 2022

O poeta que baila. Florencio Delgado Gurriarán

"O poeta que baila" tivo hoxe un día moi emocionante. A principios do curso enviamos un poema de Florencio Delgado Gurriarán a Xabier Díaz, un poema con adufes e ferreñas, e explicámoslle este proxecto e, para a nosa sorpresa, aquel email converteuse nunha aventura para construír un tema musical en grupo. Hoxe máis de 20 alumnas e alumnos e profes do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, xuntámonos con Xabier e comezamos a facer música. Realmente, parece que Florencio compuxo a principios do século XX este poema con adufes para Xabier Diaz, The Tamborine Man, o século XXI. Hoxe vivimos unha xornada de traballo que non esqueceremos nunca. E seguimos traballando!


Grazas, Xabier! 
 


Pandeirada

Nenas, vinde á pandeirada,
que sinto, no peito, o adufe
do meu desexo, rapazas.
Os ollares churrusqueiros
son mans a bater no adufe
que anda a soar no meu peito.
Nenas, vinde á pandeirada,
a pór acordes co adufe
ás ferreñas das risadas.
Estoupe, que estoupe, que estoupe o pandeiro;
nas bocas floridas que estoupen os beixos;
estoupen os risos e os salaios ledos;
estoupe o xustillo, gaiola dos peitos!
Ledicia da pandeirada:
arcos-peitos, branco-adufe,
frechas-tentacións o rachan.
Eléctrico de desexos
vai estoupar meu adufe
co bater dos vosos beizos.
Ledicia da pandeirada:
acordes co meu adufe
vosas ferreñas, rapazas.
Tanxe, que tanxe, nena rebuldeira,
coas mans que buligan coma bolboretas.
Tanxe, que tanxe, tamén eu tanxera
a bicos, o adufe da boca vermella!