O pasado xoves 14 de novembro o noso observatorio detectou, no Camballón e
arredores, unha impresionante concentración de neuronas con sinapses ben desenvolvidas.
Soaron todas as alarmas! E non era para menos...
Visitáronnos catro cabezas de primeirísimo nivel: estiveron entre nós dous
astrónomos –Salvador Bará, da Universidade de Santiago de Compostela, e César
González, do Instituto de Ciencias do Patrimonio– e dous arqueólogos –Felipe Criado,
do Centro Superior de Investigacións Científicas, e Trond Lodoen, da
universidade de Bergen, na distante e fría Noruega!
E que facían por aquí estes señores?
Extraviáronse nalgunha encrucillada? Pararon nas Cruces para tomaren un
café?
Nada diso. Estes catro magníficos, especialistas todos eles en
arqueoastronomía, viñeron para visitar as mámoas de Oirós, os monumentos
megalíticos levantados polos nosos devanceiros, testemuñas das súas inquedanzas
ao contemplar o ceo e os seus misterios.
A ciencia axúdanos a comprender o mundo; o noso patrimonio cultural
axúdanos a comprendérmonos a nós mesmos.
Cóidao porque che pertence.
E este xoves 28, a 4ª e 5ª hora, teremos no Marco do Camballón a Salva Bará para
falarnos de astros e mitoloxía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario