Aos que tivestes a fortuna de estar alí e aos que, pola razón que sexa, non
puidestes asistir, calquera cousa que vos dixésemos agora sobre a conferencia coa
que nos agasallou o doutor Ángel Carracedo o pasado martes 20 quedaríase curta.
As expectativas xeradas eran grandes –non en van o conferenciante é unha
figura mundial no seu eido científico– e á cita, ademais dos que xogabamos na
casa (a xente do Camballón), acudiron estudantes e profesorado dos IES Aller Ulloa e
Laxeiro de Lalín, aos que se sumaron nais, pais e público xeral.
Porén, a conferencia non estivo á altura das expectativas previas: estivo
por enriba delas. A proximidade do doutor Carracedo –que non quixo permanecer
no estrado que se lle tiña preparado e baixou a departir con nós no patio de
butacas–, a súa enorme capacidade de comunicación, a súa humildade e honestidade
intelectual, converteron a experiencia nunha charla amigable e, ao mesmo tempo,
engaiolante que se traduciu nunha longa rolda de preguntas por parte do
alumnado. Conseguiuse o case imposible: dúas horas de conversa dun interese
indeclinable.
Desde o equipo da biblioteca queremos expresar unha vez máis o noso
profundo agradecemento ao doutor Carracedo por compartir connosco, de xeito
completamente xeneroso e desinteresado, unha parte do seu tempo e dos seus vastos
coñecementos.
Aquí vos deixamos o vídeo da conferencia para que a revivades ou vos
asomedes por primeira vez ao que alí se dixo. Aproveitádeo, non sempre se ten a
ocasión de aprender cun sabio do noso tempo.
E aquí tedes a galería de imaxes do acontecemento:
No hay comentarios:
Publicar un comentario