lunes, 3 de noviembre de 2014

Instrucións para o concurso CambaNet

O vindeiro martes, 4 de novembro, bota a andar o concurso CambaNet. 
Son 20 os equipos inscritos e un total de 44 participantes. Por diante, unha carreira de fondo na que hai que ir dosificando as enerxías ata acadar a meta a finais do mes de maio (ou principios de xuño se finalmente se produce un empate).
Os obxectivos do CambaNet son múltiples, pero hai dous fundamentais: que exploredes e coñezades a fondo a nosa Biblioteca e que aprendades a orientarvos nese labirinto confuso que é Internet. Para iso, tedes unha serie de ferramentas no noso blog que convén que utilicedes:


1. No menú  A nosa biblioteca hai catro enlaces moi útiles para aprender ou recordar como manexarnos na biblio:
  • Breve guía de uso: con este documento resolveremos dúbidas do tipo Que é iso da CDU? Onde figura o número de rexistro dun libro?
  • Plano: non lembras onde está a sección de xeografía? Consulta o plano.
  • Catálogo Meiga: neste enlace poderás consultar dende calquera lugar os fondos da nosa biblioteca, tanto os libros como o material audiovisual. Pero tamén terás acceso a outras informacións sobre a biblio como novidades, obras máis emprestadas, ou datos que precises dunha obra. 
  • Catálogo audiovisual: se o que procuras é unha película ou un CD de música, ademais de poder atopalo no Catálogo Meiga, podes buscalo aquí. Neste documento as obras están ordenadas polo número que ocupan na libraría central da biblio onde están colocadas, así que non terás problema para dar con elas.
2. A continuación deste menú, aparece a imaxe que utilizamos como logo do CambaNet. Picando no seu interior, accederedes a un documento moi recomendable para guiarse en Internet que vos resolverá dúbidas do tipo: Como podo buscar unha palabra concreta nunha páxina? É fiable esta web?

Pois agora só queda poñerse mans á obra. 
Que esta aventura vos resulte divertida e instrutiva!!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario